Entre pánico e confusión, cun sen fin de encontros improvisados, logo de destapada a manta norteamericana que lles daba cobertura e calor a cambio de grandes investimentos na industria da guerra, os lideres europeos optaron por asustar o público con mensaxes apocalípticas e demonizacións nos xornais, publi-reportaxes nos telexornais apoiando a liña belicista. Está aínda por vir a seguinte etapa co ocultamento e a represión das voces disidentes, e mesmo a censura tan abertamente practicada desde o vértice dirixente da UE, sen moita discusión.
As mensaxes de alerta de guerra non son novas nos países escandinavos, bálticos ou do leste, que en moitos casos teñen importantes minorías de orixe rusa, marxinadas e desprovistas de calquera tipo de representación de dereitos políticos, despois da caída de Unión Soviética. Hai xa unha longa tradición no uso destas mensaxes. Aos primeiros, os titulares alarmistas de guerra e as apelacións belicosas servíronlles para poder adherirse á NATO, aproveitando a confrontación que se estaba a alimentar no contexto do Mar negro con Rusia, para así vencer a resistencia dun pobo tradicionalmente seguidor do non aliñamento durante a longa etapa da guerra fría. Todo isto mentres os partidos nacionalistas e conservadores ían gañando forza e achegándose ao poder.
Para os segundos, tradicionalmente ligados a Alemaña en distintas etapas históricas, e con forte sentimento revanchista despois da vitoria soviética contra as forzas Nazis, e a posterior represión stalinista, o feito de moverse no contexto da NATO e da UE, permítelles un talante desafiante e un eco agresor que dificilmente se permitirían en caso de actuar en soidade. Polo que alimentan a dialéctica da confrontación contra Rusia ou contra China, de forma gratuíta e temeraria sen recibir ningún tipo de crítica por parte das institucións europeas a propósito do tratamento dos “non cidadáns”. En Letonia, aínda quedan uns 23,000 “non cidadáns” (antes eran máis de 700,000 en 1991). E en Estonia, quedan aínda unhas 60,000 persoas sen cidadanía, e por tanto sen ningún tipo de participación ou representación política, sen que a ninguén pareza importarlle. Lituania non implantou este tipo de restricións, outorgando cidadanía a tódolos residentes trala independencia. Se ben isto non quere dicir que sexa un paraíso democrático. Acaso non se exemplifica aquí unha encuberta deportación forzada?
No caso de outros países no leste de Europa, a bandeira do alarmismo e a ameaza de invasión “sovietica” (aínda hai que confunde os termos da realidade actual), mestúrase coas ambicións territoriais e proxectos ambiciosos como o do Intermarium (Międzymorze en polaco) que é unha idea xeopolítica promovida principalmente por Polonia a comezos do século XX. O obxectivo era crear unha alianza de países entre os mares Báltico, Mar Negro e o Mar Adriático para contrarrestar a influencia de Alemaña e Rusia, pois son históricas as alianzas de Polacos e Lituanos contra o imperio dos rusos, especialmente durante a existencia da República das Dúas Nacións (1569-1795), cando Polonia e Lituania formaban unha confederación. E, se a isto sumamos as modificacións das fronteiras do leste despois da segunda guerra mundial, e a caída da Unión Soviética amais da existencia das minorías étnicas de cada país fora das súas fronteiras, temos o caldo de cultivo para novas confrontacións.
O medo como argumento de lexitimación da toma de decisións políticas, como instrumento para condicionar a axenda de prioridades cidadáns, ten precedentes recentes, co terrorismo e a pandemia. As medicións da elasticidade da aceptación social de medidas impopulares son recentes. Os nosos lideres saben como usar os medios de comunicación para impoñer axendas cociñadas nun sanedrín de poucos membros en Bruxelas, París, Londres, Berlin ou Davos.
Asustados todos, persiste a dúbida de se a impotencia europea ante a retirada do apoio americano e a evidente derrota ucraína (que será vendida ao público como unha imposición americana), e a temible ameaza rusa de invasión de todo o continente, chegará para convencer ao público en xeral de que é necesario facer un gran esforzo económico con recortes en tódolos sectores, e investimentos en armamento. E alén diso, o endebedamento nos países xa doentes de déficit vaise deixar sentir, polo que tal vez será o momento de colectivizar a débeda, coa emisión de eurobonos para alegría de aqueles que antes denominaban aos seu veciños do sur como PIGS (Portugal, Italia, Grecia e España).
É dicir, a derrota da NATO en Ucraína, deixou ao rei nu, e máis aló das carencias produtivas ao nivel do continente, en sociedades cada vez máis avellentadas e orientadas aos servizos, vai exacerbar as tensións entre países e dentro dos países tamén. Amais diso no suposto de un fondo rearmamento europeo, cabe pensar tamén que a emerxencia das forzas de dereita e ultradereita nacionalistas en tódolos países, con moi distinto parecer entre eles sobre o seu lugar no mundo e o rol da unión, pode ser unha bomba de reloxería. Pois todo fai temer que antes ou despois a extrema dereita chegará ao poder de forma progresiva, en Alemaña en Franza e en outros países. Ben condicionando coalicións, ou en maiorías. Polo que é bastante posible que non sexa do interese de ninguén deixar gobernos ultra-nacionalistas armados ata as orellas.
É interesante tamén resaltar o colaboracionismo de partidos “progres” como os laboristas británicos, ou socialistas españois ou portugueses, tanto no envío de armamento a ucraína, como na súa mímica ao discurso comunitario belicista e o rearmamento, de tal xeito que chegan a coincidir transversalmente coas sensibilidades máis dereitistas como Fratelli d’Italia de Meloni, ou Demócratas Suecos (Sverigedemokraterna), outro partido de extrema dereita a favor de animar a resistencia ucraína.
Por outra banda, para o novo goberno republicano norte-americano, a saída desta derrota ten que disfrazarse de diferente maneira. Trump é o presidente da guerra perdida (aínda que sexa un proxecto herdado), igual que Biden foi o presidente da desbandada en Afganistán. As arroutadas e o coqueteo de ameazas arancelarias, son unha especie de nube de tinta, ao tempo que se presentan as negociacións de paz na Ucraína con Rusia para tratar multitude de temas. Entre eles, algo que non se lle está a dar a debida importancia. A seguridade de Israel.
Máis aló de intentar romper as alianzas que Zbigniew Brzezinski en 1997 tiña advertido non se deberían producir. Brzezinski defendía que Rusia, China e Irán non debían unirse nin crear nunca unha gran alianza estratéxica que puxese en risco a hexemonía estadounidense. O que agora busca Trump é neutralizar os houtís iemenís, que logo do illamento de Hamas e despois da caída de Siria e a decrepitude de fornecementos a Hezbolá, é o paso previo a unha posible neutralización tamén de Iran, ou polo menos dun intento de sometemento con bombardeos selectivos e castigos que limiten as ansias expansionistas desta nación. Para iso é necesario obter a neutralidade rusa e neutralizar calquera interferencia Chinesa. Por tanto, a “entente cordiale” ruso-americana, mata dous paxaros con un croio.

