ucraina

Cando se fala moito da paz, a guerra segue

Os días 23 ao 25 de xullo o ministro de Asuntos Exteriores ucraíno, Dmytro Kuleba, efectuou unha visita oficial a China, convidado polo seu homólogo chinés, Wang Yi. Sen contar as chamadas privadas de Zelenskyi ao presidente chinés, Xi Yinping, este foi o primeiro contacto directo entre os dous países a alto nivel desde o comezo da invasión rusa a gran escala a Ucraína. China non a considera unha guerra de agresión, senón un conflito armado, que debería ser solucionado de maneira pacífica e negociada entre as dúas partes, unha das cales, como recoñece China, ten dereito ao respecto pola súa soberanía e integridade territorial, mentres que a outra necesita satisfacer os seus certos intereses lexítimos.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Rusia Guerras Ucraína

Como China non ve que nesta situación hai un agresor e a súa vítima, declárase neutral e promove unha solución negociada que satisfaga a todos e non favoreza a ninguén. Ao tentar presentarse imparcial, non consegue ocultar que parte lle interesa máis. Nos dous anos e medio da guerra nunca mandou a ningún alto representante ao país onde se desenvolve o “conflito” para darse conta do que está a pasar en realidade, pero levou a cabo moitos eventos oficiais ao máis alto nivel e celebrou novos acordos sobre o afondamento da cooperación en todos os ámbitos co país agresor, que abertamente enviou tropas e armas ao país atacado, destruíndoo e anexionando grandes partes do seu territorio soberano.

Non cabe dúbida que a iniciativa chinesa de citar ao xefe da diplomacia ucraína ten por obxecto cominar a Ucraína a que deixe de ser tan resiliente fronte ao “gran amigo de Xi”. Afortunadamente, o ministro Kuleba soubo expresar diplomáticamente o “alto aprecio polo papel positivo e construtivo de China no fomento da paz e o mantemento da orde internacional”, asegurando que estudaron coidadosamente os seis entendementos comúns presentados por China e Brasil para unha solución política da crise de Ucraína, e confirmando que a parte ucraína está disposta e desexa levar a cabo o diálogo e a negociación con Rusia, sempre que sexan racionais e substantivos e estean enfocados a lograr unha paz xusta e duradeira. Traducido da linguaxe diplomática, nin China nin ningún outro país conseguirán que Ucraína acepte o diktat ruso.

Para sinalar que existen bases de entendemento entre China e Ucraína, Kuleba dixo que o seu país apoia a posición de China sobre a cuestión de Taiwan e continuará adheríndose á política dunha soa China. Pode servir se enténdesen Taiwan como o que é o Donbás para Ucraína, pero existen indicios para supoñer que, na visión chinesa, téndese a supoñer que é Rusia quen recupera en Ucraína a súa soberanía e integridade territorial, como o quere facer a República Popular con Taiwan.

É difícil non ver a relación que a iniciativa chinesa ten cos enormes esforzos das tropas rusas para ocupar máis poboacións en Ucraína e crear a impresión de que está a vencer, o que se combina con declaracións sobre a súa disposición para negociar con Ucraína se retira todas as súas tropas das rexións que Rusia proclamou como parte da súa Federación, acepta a súa anexión e asume a condición de país non aliñado. Folga dicir que isto non é unha proposta de paz, senón dun armisticio coa capitulación de Ucraína nesta fase da agresión para preparar unha seguinte fase.

O Kremlin cre que ten posicións bastante fortes para impoñer as súas esixencias a Ucraína e Occidente no seu conxunto. O último cumio da OTAN, en que se celebrou o seu 75 aniversario, non puido mostrar unha alianza plenamente exitosa no cumprimento das súas principais misións. A contención da expansión da URSS, despois da súa desaparición, reformulouse coa guerra de agresión que, pola súa ferocidade, deixa moi atrás a todas as aventuras belicistas dos anteriores donos do Kremlin.

A verdade é que, ata o de agora, ningún dos países membros foi agredido por un inimigo exterior, pero o incremento de provocacións rusas, como as violacións do espazo aéreo e marítimo, a modificación unilateral de límites marítimos, a concentración de tropas e localización de armas nucleares preto dos países membros da OTAN, permite poñer en dúbida que Putin non se atreva realmente a agredir a un dos países que anteriormente formaba parte da URSS ou da súa esfera de influencia.

En canto ao fomento da democracia, do estado de dereito, a seguridade internacional, os avances rexistrados pola alianza ata o de agora non foron convincentes mentres que os retrocesos nestes ámbitos si poñen en dúbida a posibilidade de que o mundo progrese en paz. A guerra de Putin reformulou a “lexitimidade” do uso de armas nas relacións internacionais.

Non é casual que todos os que interviñeron no cumio de Washington falaron de Ucraína como un tema primordial, porque Putin está a destruír a Ucraína como estado e nación co só obxectivo de impoñerse fronte ao chamado Occidente colectivo, que non tivo capacidade para previr nin deter esta espantosa guerra, coma se a esta altura existise algunha posibilidade de que o agresor desatado recapacite. A alianza non ten autoridade nin sequera para influír nos propios membros que se permiten ter intereses especiais co agresor, quen abertamente entrou na loita contra a comunidade euroatlántica.

A axuda a Ucraína por parte da alianza segue en firme, pero fanse avisos que non pode seguir ao mesmo nivel. A súa coordinación trasladouse de EE.UU. a Europa e da base norteamericana en Ramstein a Wiesbaden para non depender demasiado da imprevisibilidad de D. Trump no caso de que volvese ser elixido presidente norteamericano. En Ucraína, Occidente segue mostrando o seu medo ante Putin, coma se este tivese algún dereito lexítimo. Finlandia e Suecia non tiveron inconvenientes en abandonar o seu longo compromiso de neutralidade e foron aceptados rapidamente, con todo a Ucraína non se lle convida, aínda que o perigo de estar fóra xa se plasmou para ela nunha guerra de exterminio.

O apoio é importante, a pesar de que chega bastante lento, pero as promesas de adhesión parecen xogos malabares: no canto de convidar, déixanselle as portas moi abertas, logo quítase a necesidade de cumprir un plan de preparación, pero as portas convértense en ponte (isto pona máis lonxe da entrada?) e o camiño por percorrer, longo ou non, é irreversible en todo caso. Resulta que tanto a OTAN, como a UE non teñen suficiente firmeza nin autoridade para facer valer os seus propios principios fundamentais para algúns socios que nin sequera ocultan que lles vale máis manter negocios coa Rusia, inimiga declarada de todo Occidente, que apoiar a Ucraína que se sacrifica polos valores da democracia occidental.

Dá a impresión que na súa maioría os políticos occidentais amigos de Ucraína prefiren crer inxenuamente que o agresor pode moderar as súas ambicións se se lle fai algunha concesión. Ultimamente volveuse a razoar sobre isto sen entrar na profundidade do asunto e convidando a considerar a posibilidade de deixar a Putin Crimea e as rexións rusofalantes. O feito de ser conquistadas polo Imperio Ruso non as converte nun dominio historicamente ruso. O obxectivo da conquista era conseguir dominancia no Mar Negro que debía culminar coa “liberación” de Constantinopla/Istambul. A poboación dos territorios conquistados que non fuxira e non podía ser deportada debía ser convertida en rusos mediante a implantación do ruso e a eliminación do uso doutras linguas.

Por iso a “volta de Crimea á baía natal”, como o presentaba Putin aos seus compatriotas atontados, era unha falsidade. Tratábase de recuperar a península coas súas bases militares como un portaavións non afundible e máis tarde conseguir dalgunha forma o control sobre o Bósforo. A xente non tiña ningunha importancia, como tampouco o tiñan os presuntos dereitos dos rusófonos, porque nunca existiu un perigo para a existencia da lingua rusa ou o seu uso. O perigo estaba en que o ucraíno recuperase a súa funcionalidade normal no seu propio país e que os rusófonos de Ucraína recoñecesen o dereito do ucraíno para funcionar libremente no seu país e así deixasen de ser un pistón de Moscova en Ucraína e outros países onde o ruso foi imposto como un instrumento de dominación imperial.

É pouco razoable agardar que, polo cansazo e as desfeitas, os ucraínos acepten concertar a paz co agresor, facéndolle concesións. As recentes enquisas mostras que a invasión rusa provocou un crecemento da consciencia nacional dos ucraínos e o seu rexeitamento a calquera inxerencia rusa na súa vida. Un 80 por cento recoñece o ucraíno como a súa lingua propia e úsao en todas as esferas da súa vida. A metade dos enquisados admite a posibilidade de negociar a paz con Rusia pero sen aceptar as súas condicións.

Se se chegase a negociar con Rusia neste momento, cando Putin cre que pode seguir avanzando na fronte e conta co apoio tácito de xigantes como China, India, Brasil, que prefiren seguir negociando normalmente con Rusia, coma se non cometese nada condenable, unicamente podería ser un acordo de armisticio, que concederá ao agresor unha pausa para prepararse para novas anexións. Implicitamente significaría unha aceptación do uso das armas nas relacións internacionais e lexitimación das anexións. O que sería, en definitiva, a anulación de todo o progreso alcanzado durante o último século.

Agora que a duración da guerra a gran escala de Rusia contra Ucraína superou os 900 días, o debate sobre como alcanzar a paz é extremadamente activo nos medios de comunicación ucraínos. A miúdo repítese o ben sabido dito de que todas as guerras acaban en negociacións. No sentido en que o expresou un xeneral ruso: é desexable saltarse a fase bárbara da guerra coas súas demenciais baixas e pasar directamente á fase civilizada das negociacións. O erro lóxico neste caso é que as guerras comezan cando se esgotan as oportunidades ou non hai vontade de negociar de forma civilizada, e terminan cando un dos bandos sofre unha derrota completa ou se rende asinando unha capitulación. Entón renóvase o proceso de negociación da paz, a miúdo sen a participación dos vencidos.

Por moi desexable que sexa un armisticio, Rusia só o concluirá a condición de que se recoñeza o seu “dereito” aos territorios xa anexionados de Ucraína, o que significa que non haberá paz porque renovará a guerra para apoderarse do resto do país, xa que o obxectivo actual é a destrución do Estado e a nación ucraínos como tais. Os ucraínos só poden salvarse expulsando completamente aos ocupantes fóra dos límites de 1991 ou rendéndose e aceptando ser rusos. Non aceptan renderse e recuperar a súa terra significa unha guerra longa e penosa.

A actual incursión na rexión de Kursk confirma a determinación e a capacidade de derrotar ao inimigo, pero non convence aínda da posibilidade inminente de derrotalo. Demostrouse a vulnerabilidade do territorio ruso e estanse desprazando reservas de partes cruciais da fronte para defendelo, o que debilita a arremetida do agresor, pero non a detén. Non está claro ata que punto manteranse as decenas ou os centenares de quilómetros cadrados tomados da rexión de Kursk, pero non son suficientes para “intercambialos” por territorios anexionados a Rusia. Tampouco é probable que se libere a central nuclear de Zaporizhia a cambio de Kursk. Pero a poboación rusa, drogada pola propaganda, recibirá unha forte “confirmación” de que era realmente o réxime de Kiiv o que estaba a preparar unha agresión contra os “pacíficos” rusos.

Por tanto está fóra de lugar esperar unha paz próxima e os ucraínos deben asimilar o feito de que, nos próximos anos, o principal determinante nas súas vidas será a guerra para repeler ao agresor e expulsalo definitivamente dos límites do estado de Ucraína.