Non obstante, cando falamos de caracterizar a corrupción cómpre ser preciso e actuar con rigor. Comecemos por diferenciar os tipos de corrupción, para o que distinguimos entre o ámbito de acción e os métodos empregados. No primeiro caso, é posible discernir entre corrupción política (consistente en alterar leis, orzamentos e en beneficiar a achegados), administrativa (subornos para axilización de trámites e falsificación de documentos), xudicial (alteración de procesos legais e sentenzas), corporativa (fraude, evasión fiscal e comisións ilegais, ou subornos) e policial (abuso da autoridade e encubrimento de actividades delituosa). Todas estas formas seguen moi presentes hoxe en día, como é posible comprobar nos medios. Por outra parte, se falamos do método corruptor empregado, pódese diferenciar entre subornos (diñeiro para influír na decisión das autoridades), extorsión (ameazas por entregar bens, diñeiro ou outros activos en contra da vontade das persoas), tráfico de influencias (empregar a posición pública ou privada para obter beneficios ou contratos de maneira indebida), malversación (substracción ou desvío dos fondos públicos) e nepotismo e clientelismo (outorgamento de cargos e postos de traballo por lealdades políticas e familiares e non por méritos profesionais). Por último, outras clasificacións diferencian simplemente entre corrupción dura (delitos graves que implican grandes cantidades de diñeiro) e corrupción branda (delitos de menor entidade).
En peno século XXI, terceiro milenio despois de cristo, na era da robótica, da precisión cirúrxica e financeira milimétrica e da intelixencia artificial, moitos individuos seguen a recoñecer algúns destes comportamentos como naturais. Evidentemente, que así o fai algo gañou no pasado ou algo pretende gañar mediante o mesmo tipo de prácticas. Pero tamén é certo que recoñecer as malas prácticas, como a aceptación de subornos, as comisións ilegais, a fraude fiscal, as actuacións, trámites e obras que non cumpren a normativa, ou o enchufismo, ofrece como contrapartida a penalización por parte das redes clientelares. Vale entón a pena mirar para outro lado?
De ningunha maneira. Se ben non é doado ir contra a corrente das lóxicas perversas herdadas e reproducidas polos beneficiarios da “vantaxe”, e se ben os organismos xudiciais non acaban de funcionar correctamente fronte aos tramposos, vale a pena o esforzo fronte ao gris existencial que supón o peche de círculos clientelar e o traslado de antivalores á sociedade. Canto máis se saiba da corrupción, dos corruptos e das súas prácticas abusivas e clientelares, mellor. A reprodución de valores negativos -primeiro en lóxica vertical e logo horizontal- permea a toda a vida social, económica e laboral, xerando dinámicas negativas no cotián. Ademais, o papel actual de moitas empresas mediáticas non axuda nada á cidadanía neste papel que deben xogar os defensores da honestidade, xa que sementan a confusión, a mentira e ataques desenfreados nunha lóxica depredadora polo poder. Mais estes comportamentos non deben ser aceptables nunha sociedade que se pretende moderna. Por iso, cando detecten este tipo de situacións ao seu arredor, lembren aquela famosa frase que dedicaba hai xa uns anos un infausto personaxe político do franquismo a un cacique rural conservador vido a máis: “Sáquenme a este de aquí”. Ás veces, nin os malos queren aos peores ao seu carón.

