Caos en Venezuela

A forte represión realizada pola Garda Nacional e os efectivos da Forza Armada contra unha manifestación opositora, o pasado venres 27, prendeu novamente a mecha do enfrontamento socio-político en Venezuela. Horas antes de que o Consello Nacional Electoral anunciara ó país a decisión preliminar acerca dos 3,4 millóns de sinaturas recollidas pola oposición para solicita-lo referendo revogatorio contra o presidente Hugo Chávez, as rúas de Caracas volveron ser escenario de cruentos enfrontamentos, que provocaron en catro días dous mortos e máis de 20 feridos. Actualmente, a oposición enrolada na Coordenadora Democrática, instou á poboación a unha rebelión civil contra o goberno, ante os continuos atrasos do organismo electoral á hora de anuncia-la decisión.

A manifestación opositora do pasado venres, calculada nunhas 300.000 persoas, pretendía chegar até o lugar onde ó mesmo tempo se celebraba o Cumio do Grupo dos 15, reunión na que o presidente Chávez departía con colegas rexionais como o brasileiro Lula da Silva e o arxentino Néstor Kirchner, coa finalidade de presentarlles un documento no que instaban á comunidade internacional a premer a Chávez na realización do referendo. O goberno anunciara xa que non permitiría que a manifestación chegara a un quilómetro de distancia do recinto onde se celebraba a reunión, polo que ocorreu o enfrontamento que se expandiu a cidades do interior do país como Valencia, Barquisimeto e Maracaibo.

Tras coñecerse os sucesos, o presidente Lula da Silva adiantou a súa saída do país mentres o seu homólogo arxentino Kirchner realizaba unha inédita reunión cos dirixentes da oposición venezolana, entre eles o gobernador Enrique Mendoza (previsible candidato da oposición en caso de eleccións post-Referendo) e o deputado Julio Borges. A marcha de Lula -Brasil é garante do chamado Grupo de Amigos que busca unha solución política para Venezuela- e a iniciativa de Kirchner, son dúas estratexias prudentes desmarcadas do tradicional apoio que se lle atribuía a ambos presidentes respecto a Chávez.

O paradoxal do enfrontamento do venres 27 é que ocorría durante o aniversario do erguemento popular de 1989 contra o ex presidente Carlos Andrés Pérez, suceso que foi constantemente reivindicado polo actual presidente Chávez. Quince anos despois, o simbolismo de aqueles sucesos é utilizado pola oposición tamén como bandeira política na rebelión contra Chávez.

O CNE decidiu o domingo 29 suspender até o luns 1º de marzo a súa decisión preliminar, e anunciou que preto de 400,000 sinaturas estaban invalidadas, engadidas a un millón de sinaturas que debían pasar por un proceso de revisión formal pautado para o 18 de marzo, por consideralas defectuosas. Isto deixaría á oposición con pouco máis de 2 millóns de firmas, insuficientes para a solicitude de referendo. A OEA e o Centro Carter xa sinalaron que non existen evidencias de fraude na recolección de firmas, abrindo unha forte disputa verbal co goberno de Chávez.

Dende a Coordenadora Democrática apresuraronse a considerar que agardarían "pacientemente, non pasivamente", a decisión final do CNE, pero o caos xa ardía nas rúas. O domingo 29 ocorreron diversos cortes de rúas e barricadas en diferentes zonas do leste da capital, onde se concentra a maior parte dos partidarios da oposición, cunha nova represión con gases lacrimóxenos e perdigóns por parte das forzas de seguridade. Ó mesmo tempo, unha manifestación de simpatizantes de Chávez, calculada en 100.000 persoas, se reunía para escoitar novas críticas e ataques do mandatario venezolano contra o presidente estadounidense George W. Bush, ó que acusa de financiar a grupos da oposición e de crea-lo desacougo en Venezuela co obxectivo de acabar co seu goberno. Os devanditos ataques do mandatario venezolano foron unha constante nas últimos días, ameazando mesmo coa suspensión de envíos petroleiros ós EEUU. Nas últimas semanas, informacións reveladoras demostran que en Washington apoiaron abertamente o breve golpe de Estado do 11 de abril de 2002, así coma o financiamento por valor de 53,000 dólares por parte de varias axencias norteamericanas á empresa Súmate, encargada da recolección das sinaturas para o referendo. Tanto representantes do goberno de Bush como da oposición venezolana negan tales acusacións.

Pero a gravidade da situación actual revela que Venezuela pode converterse no seguinte escenario de enfrontamentos e rebelión civil contra un mandatario, tal e como sucedeu en Haití co xa ex presidente Jean Bertrand Aristide, que caeu o domingo 29 de febreiro. O goberno de Chávez xa deu sinais evidentes da súa presión sobre o CNE para o atraso da decisión final mentres arremete contra un referendo que considera "fraudulento". Pola súa parte, a Coordenadora Democrática activou un plan de rebelión civil coa intención de presionar ó CNE para que acepte a convocatoria electoral, escenario que levará inevitablemente a maiores choques nas rúas con grupos simpatizantes do goberno, así como con forzas de seguridade do Estado nos próximos días.

En canto á situación militar, o presidente Chávez semella ter pechado case definitivamente un férreo control da Forza Armada nacional, coa designación en xaneiro do xeneral Jorge García Carneiro, un dos seus oficiais máis leais, como ministro de Defensa. García Carneiro iniciou un plan de purga da institución castrense coa intención de crear unhas Forzas Armadas revolucionarias nun período non maior de dous anos, a fin de evitar calquera albisco de rebelión militar contra Chávez. A tarxeta de presentación dos novos oficiais "revolucionarios" será a súa adhesión irrestricta á Revolución Bolivariana. Paralelo a este proceso, activouse un plan de beneficios salariais para a actual oficialidade mentres grupos paramilitares como a Fronte Bolivariana de Liberación, recentemente creada nos estados fronteirizos con Colombia, terían un rol activo chave na configuración das novas Forzas Armadas.

A ameaza do enfrontamento civil e político en Venezuela agudizouse nas últimas horas, mentres a nación permanece en vilo ante a previsible decisión do CNE de non acepta-las firmas para o revogatorio. Mentres en Haití a situación segue sendo caótica a pesar da caída de Aristide, Venezuela camiña aceleradamente cara converterse no novo escenario da crise hemisférica.