Rematou o XVI Congreso do Partido Comunista da China como se agardaba. Con moita renovación na forma (moitas caras novas entre os máximos dirixentes) pero con moita menos no fondo (Jiang Zemin seguirá controlando a través de testaferros o timón da reforma chinesa). Pero con ser importante a cuestión das persoas, especialmente na China, a cuestión substancial deste XVI Congreso foi a modificación do artigo 1 dos Estatutos do partido. Ata agora soamente podían militar no comunismo chinés os obreiros, os campesiños, os militares, os intelectuais ou calquer outro revolucionario que acepte o seu programa. O XVI Congreso suprimiu a esixencia revolucionaria que pasa a ser substituida por “elemento avanzado doutros estratos sociais”. O cambio, pensado para dar entrada aos empresarios privados ““os públicos xa militaban amplamente-, é unha aplicación do principio das “tres representacións” , teoría impulsda dende hai un par de anos por Jiang Zemin, aínda Presidente do Estado, e argallada dende a Escola Central do Partido.
Sen dúbida, a China experimentou nas últimas décadas unha profunda transformación económica e tamén social. O crecemento medio desa etapa ronda o 10 por cento, nun mundo coas súas grandes economías en crise. O milagre chinés tamén presenta a súa faciana menos exitosa: as desigualdades, os desequilibrios territoriais, o desemprego, etc., fenómenos menos pronunciados antes da reforma. Nese contexto, a emerxencia de novas clases e grupos sociais ao abeiro do estímulo de novas formas de propiedade é un feito incontestable que o Partido Comunista, afirma, non soamente non quere evitar senón que desexa promover, aínda que sen traducción no campo da política. A diferencia de Falun Gong, que si pode reprimir, os empresarios non se poden reprimir porque se afogaría a reforma. ¿Qué facer? Integralos nese Partido que aínda hoxe, en teoría, conserva todos os resortes do poder para frenar en seco todo o proceso e impor a viaxe de retorno a 1977. Conscientemente se rexeita a idea de ubicar o compromiso político do novo empresariado nalgún ou nalgúns dos outros partidos que forman parte da Conferencia Política Consultiva.
¿Ata en curto o Partido aos empresarios ou serán os empresarios os que se farán co timón do Partido? Os documentos do XVI Congreso abundan na idea de perseverar na modernización socialista e no empeño de construir un socialismo con peculiaridades chinesas, tomando conciencia de que se requerirá un longo período histórico para acadar ese obxectivo. Pero se algún destes empresarios entrou no novo Comité Central, cada vez van quedando menos representantes da base social que, en teoría, lexitima o discurso do PCCh, as clases traballadoras. Wei Jiangxing, presidente dos Sindicatos chineses -donde a discusión desta modificación foi moi forte- non garantiu na súa marcha un cupo específico no Comité Permanente do Buró Político. Se a iso engadimos que boa parte dos fillos da elite política chinesa dirixen grandes grupos empresariais que poderían iniciar en breve a senda da privatización, as incertidumes sobre a orientación final da reforma medran exponencialmente.
En teoría, a adopción da teoría da triple representación non destrúe a vixencia dos catro principios fundamentais que Deng Xiaoping establecera como valados para evitar a deriva capitalista da reforma. Un deles é a dictadura do proletariado. ¿Militarán tamén os empresarios neste principio? A partir deste Congreso cabe agardar unha profundización da reforma, pero tamén das contradiccións políticas e sociais. A gaige e a kaifang entran nun período decisivo no que non se cuestionarán as peculiaridades chinesas pero si se o que se está a construir é realmente socialismo ou será capitalismo.