Cara unha Terceira Intifada

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Enfrontamentos en Acre entre árabes e xudeus; clic para aumentar
Enfrontamentos en Acre entre árabes e xudeus; clic para aumentar
A noite do mércores, un árabe entrou co seu coche nun barrio xudeu de Acre, provocando o rápido enfrontamento contra un grupo de mozos que só viron un xesto de incitación neste acto. As noticias estendéronse rapidamente, e pronto comezaron a unirse grupos de ambos bandos, estragando máis de cen coches e cincuenta tendas, á vez que se repetían os cánticos en contra da poboación árabe ou da xudía.
 

Acre e Haifa, no Norte de Israel, veñen sendo consideradas, durante os últimos anos, as cidades modelo de convivencia entre árabes e israelís; unha unión, cuxo único aliciente parece ser o interese económico. Acre, unha pequena vila mariñeira dividida entre o barrio árabe e o xudeu, conserva as pegadas das diferentes culturas que a converteron nunha das cidades máis vellas do mundo: dende os túneles das cruzadas, ata as imaxes de Paul Newman chegando no Exodus.

As rúas limpas e o ambiente pacífico de Acre, lista para acoller o Festival de Teatro, contrastan coa realidade interna do lugar, onde as pedras, ocultan o vivir diario das súas xentes. Pero dende este pasado mércores deixáronse ver os febles apoios que sustentan a pacífica coexistencia; ata tal punto que algúns líderes políticos apuntan a chegada da Terceira Intifada.

Malia non estar claro se a Segunda Intifada rematou, unha revolta que comezou hai oito anos, nos albores da festividade xudía de Iom Kippur "Día da Expiación", é evidente que os diferentes acordos e as distintas liñas trazadas para conseguir a paz, durante estes últimos anos, non deron os froitos sementados sobre o papel. O día de Iom Kippur, como durante o resto de festividades xudías, os territorios palestinos quedan selados, non permitindo a entrada nin a saída deles. O Día da Expiación é, ademais, a xornada máis respectada por toda a poboación, sexa relixiosa ou non; e por este motivo as tensións intensifícanse.

O calendario xudeu planifica as festas dende a posta de sol do día anterior ao da celebración; por isto, cando o sol xa está caendo, unha sirena sona en todo o país, advertindo do comezo da festividade. No caso de Iom Kippur, o zunido tamén avisa das 25 horas de xaxún, do peche de todos os comercios, semáforos, radios, televisións e calquera tipo traballo. Só durante os días previos á referida Segunda Intifada, as emisións radiofónicas e televisivas foron permitidas, para dar conta do proceso bélico que se encamiñaba. Este ano, sen anuncios violentos de ningún tipo, estourou o que Walid Hilam, voceiro de Jihad Islámica, deu en chamar comezo da Terceira Intifada, provocada pola continua opresión á que está sometida o pobo palestino.

A noite do mércores, un árabe entrou co seu coche nun barrio xudeu de Acre, provocando o rápido enfrontamento contra un grupo de mozos que só viron un xesto de incitación neste acto. As noticias estendéronse rapidamente, e pronto comezaron a unirse grupos de ambos bandos, estragando máis de cen coches e cincuenta tendas, á vez que se repetían os cánticos en contra da poboación árabe ou da xudía.

O debate político israelí das últimas semanas, centrado no cambio de poder, mudouse por este conflito interno, que suscitou diversas interpretacións. Con todo, a palabra pogrom foi a máis repetida, variando a vítima; así, para Ahmad Tibi, do Ra’m Ta’l, a violencia comezou de man dos xudeus, mentres para Yuval Steinitz, do Likud, as consignas a favor da morte dos xudeus non son máis que unha mostra da persecución á que están sometidos; unha persecución que para Eliahu Babbai, de Unidade Nacional, fai que moitos israelís se sintan na diáspora dentro do seu propio país. Por outra banda, Tzipi Livni, actual presidenta do Kadima, tratou de conciliar os ánimos, pedindo a calma e o respecto entre cidadáns que continuarán vivindo xuntos; un discurso que volve deixar intuír as intencións de Livni por non perder votos en sectores afastados do seu partido, e en conservar os seus propios simpatizantes.

A actuación policial logrou reducir tensións e o intercambio no lanzamento de pedras, arrestando a arredor de trinta manifestantes. Emporiso, o estado de alerta que vive Acre e outras cidades árabes de Israel provocou que diversos colectivos de todo o país pedisen o boicoteo de produtos árabes. Así, un Iom Kippur máis, volven agromar as diverxencias existentes dentro do propio estado, moitas veces camufladas entre pedras ou conflitos externos.