Furia antioccidental no mundo islámico, sete mortos en enfrontamentos en Afganistán e Iraq, consulados queimados en Siria e Líbano, desbordamento do fanatismo relixioso e desculpas europeas atrasadas e incompletas. Todo isto a consecuencia da publicación, primeiro en Dinamarca e despois en diversos medios europeos, dunha serie de caricaturas ofensivas á relixión islámica, onde se observaba ao Profeta Mahoma cunha bomba no turbante, como se a intención fose identificar ao fundador do Islam co terrorismo e o fanatismo.
Tal e como xa ocorrera tralo 11-S, unha das reflexións máis comúns nos medios de comunicación occidentais foi a cualificación deste panorama como unha certificación da tese do conflito de civilizacións, formulada nos anos noventa polo académico estadounidense Samuel Huntington. Pero o mundo do 2006 presenta conflitos de diversas dimensións, multipolares e multiculturais, fragmentado en choques de identidades, de intereses políticos e económicos, de diversos modelos de integración, de guerras e conflitos esquecidos da atención pública, ocultos nas páxinas dos xornais e dos espazos informativos.
Seguindo con esta reflexión xeral, tamén se formulan debates sobre a capacidade do Islam para conciliar a democracia e os valores occidentais, os fráxiles límites da liberdade de expresión e de relixión e o delicado contexto actual entre Occidente como entidade cultural e o Islam, presentando a Oriente Medio como punto xeopolítico de fricción. Debates que, en diversos sentidos e sen deixar de ser necesarios, presentan ideas mesturadas, incompletas e, incluso, caricaturescas.
Baixo ningunha perspectiva se presentará unha idea na que se defenda a restrición da liberdade de expresión e opinión. O humorista do diario danés Jylland-Posten e o seu editor poden ter todo o dereito para publicar estas caricaturas, así como os demais medios europeos para reproducilas. Ninguén dubida da necesidade de medios de opinión libres e de como estes valores confeccionaron a democracia occidental.
Pero outra cousa é a responsabilidade, principalmente moral, dos medios de comunicación e dos gobernos. Por moi libre que sexa, a caricatura danesa non deixa de ser insultante e ofensiva cara a segunda relixión do planeta e os seus 1.300 millóns de fieis nos cinco continentes. Semella un intento provocativo e vulgar, nun momento en que Islam e Occidente atravesan por unha das súas etapas históricas máis delicadas. Aínda que o diario pedira desculpas aos musulmáns, a negativa do goberno danés a facelo tamén implica unha inmoral actitude de indiferenza.
Se ben é verdade que, no caso de caricaturizar a Xesucristo e a súa relixión, resultaría difícil observar que, dun xeito xeral e activo, os millóns de cristiáns no mundo queimarían consulados e bandeiras doutra cultura e relixión e manifestaran a súa ira nas rúas, isto non xustifica o papel realizado polos medios e os gobernos occidentais como reacción a esta crise. ¿Qué pensarían en África ou Asia no caso de que se publiquen caricaturas do colonialismo europeo? ¿Alguén pensa en caricaturizar o Holocausto? Sí, o goberno iraniano, que acaba de promover un concurso neste sentido, como reacción ao "humorismo" europeo. Entón, ¿en qué nivel estamos? ¿Na guerra de civilizacións ou na guerra das caricaturas?
Tamén se pode argumentar que a repentina explosión de ira nos países islámicos pode obedecer a unha estratexia calculada, non exactamente espontánea, de determinados líderes, coa finalidade de afondar a ira popular e a confrontación política con Occidente. Pero isto é tamén unha actitude reactiva a unha política unilateral. Velaí a virulencia dos sucesos en Siria e Irán, países acosados actualmente pola política de EEUU, Europa e a ONU, ou os enfrontamentos mortais en Iraq e Afganistán, rexións clave da estratexia antiterrorista occidental, absorbidas pola impopular presenza militar estadounidense e europea.
Outro elemento ten que ver co factor temporal da publicación destas caricaturas. O diario danés, pertencente a un país pequeno e discreto no escenario internacional, fixo a súa publicación en setembro pasado. Pero a crise estala en febreiro de 2006, trala publicación masiva das caricaturas en diversos medios europeos, principalmente en países con gran poboación inmigrante musulmán.
Resulta dubidoso que os miles de furiosos musulmáns nas rúas de Damasco ou Beirut sexan lectores dun diario danés que nin sequera é importante no seu país. ¿Pode ser isto tamén unha estratexia calculada e provocativa? ¿Por que se publican agora, cunha situación de pre-guerra en Oriente Medio? ¿De repente xa non sabemos que pasa en Irán, en Siria, en Palestina ou en Iraq? ¿E que dicir de Turquía e os seus intentos de ingreso na Unión Europea? ¿E por que agora se reactiva a Alianza de Civilizacións de Zapatero, tralo seu fracaso no derradeiro Cumio Mediterráneo?
¿Formulou Huntington na súa tese a posibilidade de que o conflito de civilizacións empezase por unha caricatura? Resultaría humorístico, nunca mellor dito. Pero no mundo do terrorismo global, do unilateralismo occidental e da frustración islámica, o panorama non é de caricatura nin realismo máxico senón de tráxica realidade.