Carreira dun só

Finalmente George Bush confirmou, con toda solemnidade, a decisión da administración norteamericana de impulsar o sistema de defensa NMD, máis coñecido como escudo anti-mísiles. O novo presidente semella convencido da necesidade de dar un golpe de leme e iniciar outra xeira. Rematouse pois a post-guerra fría e comeza unha nova carreira de armamentos. Desta vez ben singular, xa que se trata de correr contra un mesmo, non hai ninguén máis na competición, para chegar a unha indefinida meta que incluso non se sabe si é posible acadala.

Tampouco semella nítida a causa do desafío: oficialmente a obriga de protexer o seu territorio e o dos aliados da ameaza dos “rogue states”. Mais ¿cales son os estados bandidos que poñen en perigo a supremacía norteamericana: Corea do Norte, Libia, Irán…? ¿A Rusia de Putin ou a China dos mercadores? A perigosa ameaza non está determinada nin para os aliados. Ao mesmo tempo que Bush facía publica a decisión, tres máximos dirixentes europeos (Personn, Solana e Patten) chegaban a Pyongyang para establecer novas relacións con Corea do Norte e decatarse do desconcerto que reina en Asia ante a nova política imperial.

Non se sabe si vai funcionar, nin si a súa tecnoloxía será viable ou si servirá para deter mísiles, pero é xa imparable. Non só polo amplo apoio popular, entre os estadounidenses; senón tamén por ser un bo xeito, aínda que custoso, de subvencionar empresas de avanzada tecnoloxía. Ou porque, no camiño, poden aparecer desenvolvementos tecnolóxicos útiles para reactivar unha economía ameazada pola recesión e mesmo, porque a súa posta en marcha, aínda que sexa de xeito inicial, podería garantir a reelección no 2004. Os custes económicos nin se determinan. Se o proxecto de sistema de interceptación dende Alasca, que Clinton adiou nos últimos meses do seu mandato, superaba os 60.000 millóns de dólares o que agora anuncia Bush situaríase en centos de miles de millóns de dólares que serían administrados polo Pentágono.

Neste xogo, a Casa Branca ensina alternativamente ao falcón ou a pomba. O primeiro personalizado no duro Secretario de Defensa, Rumsfeld, quen mesmo chegou a informar da suspensión das relacións militares con China, despois desmentida, e que tivo unha contundente resposta de Pequín. A pomba é o Secretario de Estado Colin Powell, encargado de ofrecerlle aos europeos máis amolados (Alemaña) a reducción do arsenal nuclear en cumprimento dos acordos START III. Nesta brincadeira de pao e cenoria, o presidente comenta a decisión con algúns dirixentes europeos e non con outros, ou fala do tema con Putin e ignora a China.

O proxecto necesita do apoio europeo e do consentimento ruso. Non semella difícil de lograr. Os primeiros xa andan a virar da inicial indiferencia ao estudio de posibles contratos substanciosos e información privilexiada das posibles derivacións tecnolóxicas. Moscova ten problemas dabondo para facer fronte a un que os desborda aínda que empregarán o tratado ABM de 1972, no que se prohibe expresamente este método de protección, para obter concesións.

A carreira dos EE UU contra si mesmos serviralles para asegurarse a supremacía militar no século que comeza e delimitar as fronteiras do imperio. Mais a nova centuria pode derivar por outras reviravoltas e as ameazas futuras poden ser ben diferentes.