Casa Asia é unha entidade que dende a súa creación en 2001, co apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación e no marco do Plan Asia-Pacífico que en breve disporá dunha terceira edición, promove un intenso esforzo para fomentar as relacións cos países da rexión, concedendo idéntica importancia ás variables educativa ou universitaria, cultural, económico-empresarial ou institucional. | |
O anuncio do ministro Moratinos da próxima acollida en Santiago de Compostela dunha terceira sede de Casa Asia constitúe unha excelente noticia. No marco da XI edición do Foro España-Xapón, celebrado na capital de Galicia na primeira fin de semana de outubro, esta decisión do goberno central revalida e cohesiona os numerosos impulsos que na nosa Terra veñénse orientando cara o Pacífico, tanto na orde institucional como económica, turística, cultural ou social. Os diversos vínculos de Galicia con países como Xapón ou China, moi especialmente, poden servir de vimbios elementais para facer converxer as vontades de todas as administracións e dos actores privados cohesionando estas actuacións e outorgándolles unha visión complementaria e estratéxica que permita tanto aproveitar sinerxías como albiscar obxectivos de maior calado e significación.
Casa Asia é unha entidade que dende a súa creación en 2001, co apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación e no marco do Plan Asia-Pacífico que en breve disporá dunha terceira edición, promove un intenso esforzo para fomentar as relacións cos países da rexión, concedendo idéntica importancia ás variables educativa ou universitaria, cultural, económico-empresarial ou institucional. En poucos anos, Casa Asia logrou acreditarse, mais alá de Barcelona ou Madrid onde conta con sedes, como unha institución de referencia para todas as persoas interesadas nun achegamento a Oriente. A vocación descentralizada que lle deu a orixe constata agora o seu pleno vigor con esta terceira sede en Compostela.
A presenza de Galicia nos mercados asiáticos presenta certos indicios de mellora nos últimos anos, con experiencias empresariais moi ventaxosas que ilustran do moito que resta aínda por facer, á vista das múltiples potencialidades mutuas en diferentes sectores. Noutros eidos, como no turismo ou na cultura, a concreción de colaboracións como as de Compostela e Lugo con China (coa cidade de Qufu, na provincia de Shandong, e a Gran Muralla, respectivamente) ou a irmandade establecida entre o camiño de Santiago co de Kumano (Xapón), advírtense enormes posibilidades de cooperación. O traballo de ONGDs como Implicadas no Desenvolvemento, especializada en India, ata o propio impulso do IGADI ao Observatorio estatal da Política Chinesa, asentado en Galicia en colaboración con Casa Asia dende hai varios anos, ou o programa de intercambio de experiencias con China en materia de autonomías, son outras tantas mostras a ter en conta.
Estar en Asia é estar no futuro. Ninguén o cuestiona, ante a evidencia dun novo proceso de reconfiguración do sistema internacional, tanto no económico como no político. O traslado do epicentro económico cara o Pacífico Norte é consecuencia da combinación da presenza de Xapón, segunda economía do mundo, e a singular emerxencia de China e India que co seu dinamismo contribúen, paulatinamente, a definir unha nova estrutura do poder internacional.
Nese contexto, contar en Galicia cun referente institucional aglutinador das diferentes iniciativas actualmente existentes e ao tempo impulsor dos intercambios con Oriente pode permitir ese salto cualitativo que precisamos para abordar esta relación dende outra dimensión, sen dúbida máis rica e positiva para todos e altamente beneficiosa para as expectativas da nosa sociedade.