Centrismo e descentrados

Mentres voto a voto se fai o inevitable reconto da victoria máis insólita e as empresas de sondaxe aproveitan o acerto nos seus prognósticos para recuperar parte dunha credibilidade que estaba en entredito ou os máis atrevidos analistas insinúan a necesidade de efectuar reformas no procedemento electoral estadounidense para evitar estas longas esperas a proba de infarto, pouco máis que un leve sorriso asoma nese cincuenta por cento do electorado que se mantivo á marxe de todo o proceso a pesar da insistencia participativa dos candidatos e o tan vaticinado axuste no resultado. ¿Arrepentimento? Non parece. Con media metade indiferente e outra metade dividida por igual entre os principais candidatos, o panorama resultaría certamente preocupante nun contexto político como o europeo. ¿acontece asi tamén en Estados Unidos? En The New York Times, R. W. Apple preguntabase non por quen senón por como poderá o próximo presidente gobernar un país con semellante radiografía política. Pasando a páxina do conservadurismo compasivo, este columnista insiste na idea de que no centrismo está a salvación.

Pero, ¿que significado pode ter aquí o centrismo? Apple da algunhas pistas que apuntan a maneiras e consensos imprescindibles para tramitar reformas lexislativas, pero todo é ausencia á hora de vertebrar un centrismo máis profundo, de contido social, reparador da enorme fractura existente nun país que leva 10 anos de bonanza económica ininterrumpida, pero no que o 12 por cento da poboación vive por debaixo do nivel de pobreza. Conviven "armoniosamente" a nova economía e a vella miseria sen que ninguén amose especial interese en recuperar os programas sociais liquidados durante a era Reagan. Durante a campaña, Gore establecía a súa ambiciosa meta en reducir o número de pobres ao 10 por cento mediante o fomento da acción pública. Bush e o seu "menos Estado", apostaba polo reforzo dos servicios de caridade das institucións relixiosas. O reparto da riqueza non está en cuestión: a metade para un vinte por cento e menos dun 4 por cento para os máis pobres. Descentrados, estes seguirán sendo os "extremistas" do sistema.