Francia non deixa de sorprendernos. Non porque o tipo de contrato promovido por Villepin non mereza moita ou pouca reprobación, senón porque os estudantes e a cidadanía francesa en xeral sexa quen de mobilizarse de forma tan activa e xeralizada contra a proposta. Dende o 18 de marzo en diante, despois da primeira onda de grandes manifestacións, a protesta non se debilita, e verase agora reforzada coa folga xeral de mañá, martes, co apoio dos sindicatos. Todo isto a un ano das eleccións presidenciais e despois de varias mostras de contestación por diferentes vías, plebiscitaria ou social.
Stuart Jefrries dicía en The Guardian que os franceses mobilízanse porque saben o que poden perder e non o que van a gañar. ¿Será así? O contrato do primeiro emprego liberaliza as condicións de despido para os mozos máis novos. A realidade que pretende revirar Villepin con esta proposta tampouco é broma: 22% dos mozos franceses de menos de 26 anos atópanse en situación de desemprego, cifra que acada o 50% nas bairradas, todo un récord europeo. A institucionalización da precariedade quer abrir unha fenda nun dispositivo legal e regulamentario fundamentalmente disuasivo para o emprego, argumentan os empresarios. Villepin lembra as revoltas nos suburbios de París e outras cidades para reforzar a lóxica da súa proposta.
Os estudantes conseguiron converter a reforma do mercado de traballo en símbolo do futuro dunha xeración, a low cost, como din nas rúas galas, que non quere ser sacrificada no altar do neoliberalismo, urxidos polo desacougo empresarial ante a competencia doutros mercados máis dinámicos e flexibles. Pero tamén está en xogo o descrédito da clase política francesa. Calquera anuncio de reforma predispón en contra a sociedade, dicía hai días Jean-Paul Fitoussi, presidente do Observatorio das conxunturas económicas, porque dende hai vinte anos vénselle pedindo sacrificios necesarios para un futuro mellor que nunca chega.
Chapeau! en calquera caso á vitalidade desa cidadanía, tan propia da tradición xacobina, entre nós tan denostada por outras razóns. Fronte aos que entenden a normalidade democrática como monótono sinónimo de debate parlamentario, sempre necesario a pesar de todo, unha vella democracia como a francesa revélanos que tamén o sentir cidadá expresado na rúa ten un papel activo a desempeñar como complemento dos rifirafes entre os profesionais da política. Violencias aparte, só por iso paga a pena seguir de preto o novo affaire francés.