De "guerra económica" cualificaron o presidente venezolano Hugo Chávez e o seu ministro de Enerxía, Rafael Ramírez, a decisión da multinacional estadounidense Exxon Mobil de conxelar activos de Petróleos de Venezuela (PDVSA), por valor de 12.000 millóns de dólares, en concepto de compensacións polo proceso de nacionalización petroleira iniciado por Chávez en 2007.
Tras responder o goberno venezolano que PDVSA paralizaría momentaneamente os seus contactos comerciais con Exxon Mobil, o caso seguramente acabará nos tribunais internacionais. Polo de agora, a disputa está en mans do Centro Internacional de Arranxos de Diferenzas nos Investimentos (CIADI), un organismo de arbitraxe con base en Washington e vinculado ao Banco Mundial.
Cara a ruptura enerxética?
Diversos analistas enerxéticos especulan, con diferenza de opinións, que esta disputa entre Venezuela e Exxon Mobil supoña unha posible antesala de ruptura do subministro petroleiro venezolano a EEUU, tradicionalmente o seu principal mercado petroleiro.
A polémica con Exxon levou a Chávez a anunciar recentemente a posibilidade de non enviar "unha gota máis de petróleo" a EEUU, acusando aos directivos da multinacional estadounidense de ser "bandidos do Imperio". Así, Chávez advertiu a EEUU de non manipular o caso, a risco de que o prezo do petróleo se espallara cara os $200 por barril.
Tras Arabia Saudita, Canadá e México, Venezuela é o principal exportador de cru cara EEUU, país que recibe un 80% do petróleo venezolano. A empresa Citgo, filial de PDVSA, posúe unha das principais redes de distribución de gasolina no mercado estadounidense, recibindo un 42% do petróleo que se envía dende Venezuela cara EEUU.
Non obstante, e para diminuír a excesiva dependencia do mercado estadounidense, cunhas expresións que tamén se traducen en presións políticas, Chávez iniciou unha activa reestruturación da política enerxética venezolana, tentando diversificar os seus mercados cara países emerxentes de alto consumo petroleiro, como China e India. Esta estratexia explica, en gran medida, varios dos puntos focais da crise actualmente en desenvolvemento entre Chávez e Exxon.
A "guerra" é política
Alén dos imperativos económicos e enerxéticos, a "guerra" Chávez-Exxon posúe unha indubidable dimensión política que, de momento, non semella materializarse en maiores accións punitivas, chámense ruptura de relacións ou de subministro petroleiro.
Para Washington, o caso supón un elemento inestimable para aumentar a súa presión internacional contra Chávez, agora tentando mostrar á estatal PDVSA como morosa nos pagos por concepto de nacionalización petroleira.
A disputa con Exxon viña manifestándose dende mediados de 2007, unha vez o goberno venezolano anunciara que as multinacionais que explotaban na Faxa Petrolífera do río Orinoco (onde se cre existen as maiores reservas de cru e gas natural no hemisferio occidental) debían outorgar o 60% das súas explotacións ao Estado venezolano. A maioría das multinacionais, especialmente a francesa Total, aceptaron esta fórmula. Só as estadounidenses Exxon e Conoco Phillips amosaron o seu descontento.
Para Chávez, recibir unha presión exterior precisamente desde EEUU supón activar unha serie de elementos persuasivos, tales como a defensa da identidade nacional fronte a un "ataque do imperialismo". O goberno venezolano ven denunciando a marcada vinculación de Exxon Mobil cos intereses enerxéticos da familia de George W. Bush e do seu vicepresidente Dick Cheney.
Paralelamente, Chávez asegura que PDVSA posúe unha alta capacidade operativa e que, polo tanto, non lle afectaría unha posible ruptura do subministro cara EEUU. E para afrontar a posible "batalla xudicial", Caracas xa anunciou a contratación do poderoso bufete estadounidense Mallet Prevost para representar os intereses de PDVSA en Washington.
Curiosamente, este bufete foi creado a finais do século XIX polo avogado Próspero Mallet Prevost, quen asesorou aos avogados estadounidenses que unilateralmente representaron a Venezuela na súa disputa en 1899 con Gran Bretaña polo territorio Esequibo, posterior Guaiana británica, condicionando a perda deste espazo territorial para Venezuela.
Equilibrando a xeopolítica
Non obstante, a disputa con Exxon implica serios escenarios para Chávez, quen necesita dos ingresos petroleiros para seguir financiando o elevado gasto público en programas sociais. Diversos sectores opositores dentro e fóra de Venezuela acúsano de manipular o tema para desviar a atención doutros problemas internos, como a escaseza de alimentos e a alarmante inseguridade cidadán, tanto como cuestionan a capacidade real de operación e producción de PDVSA, sumamente dependente do refinamento de cru que realiza Citgo en EEUU.
Así mesmo, se ben dende Washington se asegura estar "suficientemente preparados" para afrontar a posible perda dun socio petroleiro como Venezuela, existen serios condicionantes para os seus intereses, tomando en conta a excelente proximidade xeográfica venezolana, así como o posible incremento da influencia chinesa e rusa en América Latina, a través dun socio enerxético estratéxico como Venezuela.
Mentres se desenvolvía a crise con Exxon, o goberno venezolano anunciou unha nova compra de armamento a Moscova, especialmente de material aéreo, nun contexto marcado por unha delicada conxuntura manifestada na crise política e diplomática entre Venezuela e Colombia ante o recoñecemento público de Chávez das guerrillas colombianas das FARC e o ELN.
Hipoteticamente, se o caso Exxon dera paso á ruptura do subministro petroleiro venezolano, EEUU rememoraría casos similares como os ocorridos na década dos setenta do século pasado, coa sensible perda de Libia e Irán do taboleiro estadounidense de aliados enerxéticos e políticos.
Con esta crise en marcha, ambos actores, o Estado venezolano e a multinacional estadounidense, obviamente barallarán as súas respectivas cartas para inclinar a balanza ao seu favor. Así, a cor evidentemente política desta disputa suporá un elemento máis de frición entre Caracas e Washington que, de momento e probablemente a curto e mediano prazo, non semella superar o lóxico cruce das ofensas retóricas.