A posibilidade dunha ruptura diplomática entre Bogotá e Caracas, tralo recoñecemento político por parte da Asemblea Nacional venezolana das guerrillas colombianas das FARC e o ELN como forzas belixerantes, evidencia diversos intereses de corte xeopolítico, dirixidos probablemente a internacionalizar o conflito colombiano.
O pasado 10 de xaneiro, o presidente venezolano Hugo Chávez obtivo unha indubidable vitoria diplomática coa liberación por parte das FARC das políticas colombianas Consuelo González e Clara Rojas, trala mediación realizada polo mandatario venezolano, quen recibiu diversos eloxios de parte de gobernos e medios internacionais.
Non obstante, a tormenta desatouse un día despois, cando a Asemblea Nacional venezolana decidiu recoñecer politicamente ás FARC e o ELN, desencadeando por enésima vez unha aguda crise diplomática entre Bogotá e Caracas. Chávez tan só recibiu o apoio do goberno de Nicaragua, país que posúe reclamacións marítimas con Bogotá e que manten unha alianza con Chávez en materia de integración e subministro enerxético.
Con este aval político favorable ás FARC e o ELN por parte de Chávez, o presidente colombiano Uribe Vélez anunciou unha xira europea, probablemente destinada a contrarrestar a diplomacia do lider venezolano a favor dun apoio político exterior ás guerrillas colombianas. Uribe tenta atraer ao seu bando aos gobernos de Sarkozy e Zapatero, toda vez que a chanceler alemá Ánxela Merkel e o Departamento de Estado norteamericano amosaron o seu rexeite á aprobación da Asemblea Nacional venezolana.
O pulso entre Chávez e Uribe está basicamente determinado polo protagonismo político, especificado na conducción dun tema tan delicado como o conflito colombiano, o mais lonxevo do hemisferio occidental.
Un recoñecemento exterior ás FARC e o ELN por parte de Chávez permite ao presidente venezolano posicionarse no escenario interno colombiano, quizais coa finalidade de influír na súa dinámica política e atopar mecanismos de posible pacificación que lle permitan obter outro triunfo internacional de resonancia.
Non se debe esquecer que o Plan Colombia, tantas veces denunciado por Chávez, supón un claro síntoma de desequilibrio militar entre Colombia e Venezuela, que Caracas tenta contrarrestar tanto co reforzamento das súas Forzas Armadas como cunha implicación política no escenario colombiano.
Para Uribe, resulta claro que Chávez é un actor incómodo que lle resta espazo de actuación, non só na súa estratexia de "seguridade democrática" senón na súa propia marxe de manobra como presidente á hora de negociar un posible intercambio humanitario coas guerrillas.
Desde que chegara á presidencia en 2002, Uribe obtivo importantes triunfos militares na súa loita coas FARC. Aínda que debilitada na súa operatividade, a guerrilla dista de estar derrotada militarmente, razón pola que amplíe a súa presencia no campo político, desta vez co inestimable apoio de Chávez.
Así, a guerrilla sopesa con claridade o pulso entre Chávez e Uribe, de claras connotacións persoais, pero contextualizado nunha serie de claves xeopolíticas nas que participan diversos actores internacionais.