ecuador neno na rua

Chávez en Ecuador

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Neno na rúa, clic para aumentar
No país máis pobre de sudamérica, son moitos os que xa perderon a fe na democracia. Só cren nas realidades tanxibles, aínda que veñan da caridade electoral, sexan efémeras ou que se volatilicen tras do 26 de novembro. (Foto: ©Lino Pellitero).
 

Na noite electoral do 16 de outubro, na que se elexía presidente, o sistema informático de transmisión de datos encargado ao consorcio brasileiro E-Vote quebraba. O seu fracaso obrigou ao Tribunal Supremo Electoral (TSE) a realizar un escrutinio manual controlado dende a propia institución, para calar as voces que xa clamaban para denunciar fraude electoral.

O descalabro do sistema informático ecuatoriano, é un espello das case tres décadas de democracia imperfecta. Os 27 anos de democracia pouco teñen aportado para minguar os alarmantes niveis de pobreza, ao prestixio das institucións ou na articulación dunha sociedade civil participativa.

Ecuador sempre coñeceu unha segunda volta entre os dous candidatos máis votados para dirimir a presidencia da república. Pero a elección do 2006, vai ter connotacións diferentes ás anteriores. Ate o día 26 de novembro o país vivirá unha parálise económica e social. A actual ballotage que se caracteriza por presentar grandes doses de crispación, ten algo de especial e algo de dramática. Nunca Ecuador estivera tan polarizado entre opcións presidenciais tan antagónicas, que emerxeron das cinzas que deixaron as grandes opcións políticas tradicionais, tan clásicas como desprestixiadas.

Un magnate da dereita máis oligárquica, o home máis rico do país;Álvaro Noboa e un economista da esquerda menos posibilista.

Os 40 días dos que dispoñen os candidatos, estarán marcados por primeira vez, por unha grande confrontación de proxectos políticos que se sitúan nos extremo do arco ideolóxico.

Tensión que mesmo atravesa as fronteiras do país andino para chegar ate EEUU, onde se observa con grande preocupación a posible vitoria dun candidato que quere acabar con Manta: unha das poucas bases militares que norteamérica ten en América Latina. Base que fora concedida polo presidente Jamil Mahuad en 1999, no ocaso do mandato presidencial de Bill Clinton. Para un pobo historicamente pacífico e tranquilo, a base militar de Manta significa involucrarse necesariamente no conflito armado interno que vive Colombia dende hai décadas.

Quizais unha confrontación política tan crispada como a que vai vivir Ecuador nas próximas semanas serva para recuperar a brúxula ideolóxica que perdeu definitivamente o país durante o bienio 2003-2005, no mandato do Presidente Lucio Gutiérrez. Chegou ao poder coa bendición de Hugo Chávez, izado polos grupos de esquerda e polos movementos indixenistas, e acabou bailando ao compás que lle marcaba a embaixadora norteamericana Kristie Kenney, e utilizando o nepotismo e a represión como forma de goberno.

As relacións carnais que no bienio Gutiérrez mantiveron Ecuador e EEUU, fixeron medrar a distancia dos ecuatorianos con Washington, tanto entre os grupos de esquerda como en amplos sectores da dereita. As relacións bilaterais esganaron definitivamente, cando a mediados de ano a xustiza ratificou a decisión do presidente provisorio, Alfredo Palacio, de expulsar a petroleira norteamericana Occidental Petroleum, por violar as leis ecuatorianas que prohiben vender as accións a outra empresa estranxeira sen entaboar consultas co goberno. Este clima de tensión bilateral tamén deixou no aire a decisión de asinar un TLC entre Ecuador e EEUU, que ten unha forte contestación social no país.

Tal é o sentimento antinorteamericano, que o presidente Hugo Chávez é visto con simpatía polo 60% dos ecuatorianos, que non desexan ver no Palacio Presidencial a dirixentes que se movan segundo os fíos que manexe Washington.

O candidato esquerdista Rafael Correa non dubida en mostrarse próximo a Chávez, a pesar de que en Perú, México ou Brasil as referencias ao presidente venezolano teñen prexudicado notablemente as expectativas electorais das alternativas de esquerda.

O principal obstáculo que vai encontrar Correa para ser elixido presidente, non vai ser o feito de non contar cos apoios dos sindicatos, nin das principais organizacións indíxenas, senón ter que confrontarse cun iluminado populista con estética de telepredicador que reborda cartos para misións caritativas.

No país máis pobre de sudamérica, son moitos os que xa perderon a fe na democracia. So cren nas realidades tanxibles, aínda que veñan da caridade electoral, sexan efémeras ou que se volatilicen tras do 26 de novembro.