20080607 maracaibo hugo chavez mitin psuv

Chávez modera o rumbo

 Hugo Chávez nun mitin do PSUV en Maracaibo; clic para aumentar
De cara aos comicios de novembro próximo, Chávez espera consolidar a fortaleza electoral do recén constituído PSUV. A súa vez, a oposición mide as súas posibilidades de iniciar unha arremetida electoral contra Chávez que provoque unha fenda social e política entre os seus militantes e simpatizantes de cara aos comicios presidenciais de 2012. (Foto: Hugo Chávez nun mitin do PSUV en Maracaibo o 7 de xuño de 2008).
 

Ao presidente venezolano Hugo Chávez estánselle presentando momentos de rectificación. Pedirlle ás FARC que liberen a todos os seus secuestrados e finalice a súa loita guerrilleira mentres derroga un impopular decreto-lei sobre Intelixencia e Contraintelixencia son síntomas claramente orientados por Chávez cara obxectivos definidos en clave electoral interna e diminución da presión externa cara o seu goberno.

A clave electoral está concentrada nas eleccións para gobernadores e alcaldes que se celebrarán o próximo 23 de novembro e que definirán substancialmente o mapa xeopolítico venezolano para os próximos catro anos. Este mapa político para o período 2008-2012 anuncia importantes acontecementos, principalmente derivados da imposibilidade constitucional e legal de Chávez presentarse como candidato presidencial en 2012, razón que, aparentemente, persuade ao mandatario venezolano a especular coa posible convocatoria dun referendo sobre a "reelección indefinida"para o 2010 ou 2011.

Así, o momento luce de novo decisivo para os actores políticos venezolanos. Chávez acelera a constitución dun Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), combinando unha alta participación dos seus simpatizantes e a súa militancia xunto a fortes oposicións internas dentro da outrora plataforma electoral chavista, sobre a posible verticalización do poder no PSUV.

Pola súa banda, a dividida e multiforme oposición política, ilusionada tralo seu triunfo no referendo que rexeitou unha posible reforma constitucional en decembro pasado, acude a estes comicios confiando na posibilidade de restarlle alcaldías e gobernacións ao chavismo. Tralas eleccións rexionais de 2004, o chavismo controla 20 dos 22 estados nacionais e mais de 300 alcaldías.

Con estes factores en xogo, os declaracións e medidas que adopte Chávez cobran un impacto inmediato tanto dentro de Venezuela como no exterior. A inédita petición realizada ás FARC se explica ante a forte presión exterior ao que está sendo sometido o seu goberno, principalmente tralo informe presentado pola INTERPOL sobre o ordenador persoal do líder guerrilleiro Raúl Reyes, asasinado en marzo pasado en Ecuador.

O apoio público de Chávez ás FARC realizado en xaneiro pasado resulta un evidente motivo de xustificación para que Washington e Bogotá estreiten o cerco internacional cara o presidente venezolano, incluso medindo os pasos destinados a incluír a Venezuela na non menos polémica lista de "Estados que apoian ao terrorismo".

Así mesmo, diminuír a tensión exterior provocada ante as presuntas evidencias de conexión entre Chávez e as FARC permitiríanlle ao presidente venezolano manter firme a súa posición como mediador ante a guerrilla colombiana, co obxectivo de dar curso a maiores liberacións de secuestrados e propiciar o clima político necesario para afrontar negociacións internacionais de paz en Colombia.

Paralelamente, afastarse das FARC e pedir a liberación de secuestrados e a entrega das armas supoñen elementos en clave electoral interna, a fin de reducir friccións dentro do chavismo e dende a oposición, contrarios aos contactos establecidos entre o mandatario venezolano e a guerrilla colombiana. Chavez urxe así a necesidade de evitar unha erosión interna dentro do chavismo e amortecer calquera tentativa da oposición de conseguir maiores flancos onde atacarlle.

Unha perspectiva similar atópase na derrogación do polémico decreto-lei sobre Intelixencia e Contraintelixencia, presentado a semana pasada polo ministro do Interior, Ramón Rodríguez Chacín.

A forte reacción mediática empregada dende a oposición, as ONGs de dereitos humanos e as mobilizacións sociais contra un texto que involucraría aos cidadáns en labores de vixilancia e presunta espionaxe ante posibles "tentativas golpistas" contra o goberno para resgardar a "seguridade pública nacional", provocaron un xiro radical que motivou o anuncio público de Chávez de derrogar este decreto-lei.

Estas medidas, abertamente impopulares, aleccionaron en Chávez a necesidade de moderar o rumbo para non facer perigar a viabilidade do seu proxecto socialista, especialmente ante os novos plans gobernamentais de ampliación das misións sociais e da consolidación dos "consellos comunais" como formas de expresión popular de goberno local, este último apartado incluído no fracasado referendo de reforma constitucional de decembro pasado.

De cara aos comicios de novembro próximo, Chávez espera consolidar a fortaleza electoral do recén constituído PSUV. A súa vez, a oposición mide as súas posibilidades de iniciar unha arremetida electoral contra Chávez que provoque unha fenda social e política entre os seus militantes e simpatizantes de cara aos comicios presidenciais de 2012. Polo pronto, as inmediatas reaccións ante diversos acontecementos permiten a Chávez realizar unha intelixente e necesaria rectificación.