O simulacro electoral do pasado domingo en Chechenia produciu o resultado agardado polo Kremlin. A sombra do presunto atentado contra dous avións de liñas aéreas rusas atribuído a terroristas chechenos, a penas influíu na evolución da xornada electoral. As posicións en Grozni están decantadas dende hai tempo e o atentado, caso de confirmarse plenamente esta hipótese, soamente acredita a incapacidade de Putin e o seu aparello de seguridade para impedir as accións suicidas e cuestiona vivamente a súa política no Cáucaso aínda que momentaneamente lle resulte de utilidade para seguir gañando unha relativa aceptación internacional para a súa estratexia de terra queimada en Chechenia. Como en anteriores ocasións, a opacidade do Kremlin e a súa tendencia a enlearse en intrigas nada claras, xera desconfianza e temor en numerosos sectores, incluídos os familiares das propias víctimas dos supostos atentados.
Toda a era Putin está asociada á guerra en Chechenia. Cen mil soldados seguen desprazados na rexión sen que o Exército sexa quen de liquidar unha resistencia tan complexa como obstinada. Poucos lembran o anuncio de agosto de 1999, cando o Presidente ruso afirmaba que en poucos meses sería garantido o pleno dominio e pacificación do Cáucaso Norte. O diario Izvestia publicaba o 2 de agosto varias entrevistas con oficiais rusos que deixaban entrever tanto a súa desmoralización como a convicción de que a propia guerra estaba perdida. A guerrilla chechena mantén intacta a súa capacidade de golpear a Rusia, na capital chechena, en calquera República da rexión caucásica ou no mesmo corazón moscovita. Radicais como Basaev ou moderados como Masjadov, resisten, organizados e coordinados, e cun apoio recrutado no medio da desesperación popular, o que irrita ao Kremlin e pulveriza a disposición sicolóxica dos combatentes rusos. Os que non están cos rebeldes, están coa rebelión. E por iso a Rusia resultaralle extremadamente difícil gañar esta guerra.
A estratexia política tampouco acada mellores resultados. A liquidación de Kadirov o pasado 9 de maio puxo fin ao intento mais sólido de captar para a súa causa a un líder influente da República, ex muftí, que, de consolidarse, podería quizais ampliar a base pro rusa entre os clans chechenos. A elección de Aljanov carece de atractivo e equivale á designación dun procónsul. Figura totalmente desacreditaba ante a poboación, en parte pola procedencia policial da súa traxectoria, afonda o abismo que a separa da dirixencia rusa. Non obstante, podería ser unha peza clave para impulsar novas tentativas de negociación entre o Kremlin e Masjadov, único punto de partida para a única paz posible en Chechenia.
A guerra de Chechenia bate records; hoxe é, sete anos despois de iniciada, a mais longa rexistrada en Europa desde 1945, lembraba recentemente Serguei Kovalev, ex disidente ruso, clamando pola implicación dos países occidentais na busca dunha solución. Chechenia é un labirinto de intrincados intereses que dan cobertura a formas de vida que se desenvolven á sombra do caos, da corrupción, das guerras particulares que enfrontan a uns clans con outros, a lobbies petroleiros, a oligarcas, a grupos de influencia da administración rusa. Destruído o pais, exhausta a poboación, soamente así pode explicarse e entenderse a reanimación periódica dunha guerra que nunca debera terse iniciado.