Chechenia: unha guerra imposible de gañar

Un dos problemas que deberá seguir afrontando o reelixido Vladimir Putin neste novo mandato será o conflicto checheno. A intervención nesta república volve periodicamente aos titulares dos medios por mor das violacións dos dereitos humanos cometidas polo exército ruso nunha guerra que é incapaz de gañar.

Este conflicto, iniciado baixo o mandato de Ielstin non tivo unha única causa pero entre elas cabe destacar a importancia das mafias nesta rexión e a negativa de Rusia a permitir unha escisión, que consideraba ilegal, dun territorio dotado de reservas petrolíferas e unha notable situación estratéxica para o comercio de hidrocarburos. Entre 1994 e 1996 librouse a primeira guerra entre Moscova e Chechenia, que se detivo coa condición de renegociar a posición de Chechenia no prazo de cinco anos; a segunda ofensiva rusa iniciouse no 1999 xa baixo o mandato de Putin, dinamitando os acordos de Jasaviurt, e presentando o conflicto como unha loita contra as mafias e o terrorismo. Sen embargo, resulta obvia a existencia de intereses menos altruístas. Entre eles cabe citar, a proximidade da concesión do "contrato do século" que crearía oleoductos cos cales comerciar co petróleo do Mar Caspio, o desexo de reforzar o poder ruso fronte os desafíos independentistas, un intento de recuperar o discurso da Gran Rusia zarista e alimentar o orgullo ferido dun pobo ruso doído e humillado noutras repúblicas ademais de manter ocupado o estamento militar, que levaba perdido gran parte da súa importancia, poder adquisitivo, prestixio e medios.

Pero hoxendía ¿por qué segue aberta a guerra en Chechenia? Dunha banda, debemos tomar en consideración a clara incapacidade do exército ruso, a súa pesada maquinaria de guerra é tacticamente inoperante ante unha guerra de guerrillas e foi cabeceira dos medios mais por causa das graves violacións do dereito humanitario que polas súas victorias. En canto ao petróleo, Rusia xa perdeu o "contrato do século" e incluso o control dos oleoductos que pasan por territorio checheno coma o de Bakú, pero cada día que pasa renova o seu empeño en recuperar estes territorios pola forza. Coma outra das causas debemos destacar a forma na que un conflicto armado desvía a atención da poboación fronte a outros problemas do país e o adecuada que esta situación pode resultar para as clases políticas. O desviar a atención do electorado cara un inimigo concreto é un método que ao longo da historia amosou a súa eficacia. Como exemplo para os libros de historia quedará o espectacular aumento da popularidade de Bush tralo 11S.

En canto á actitude do goberno, esta dista bastante de soster unha solución críbel. A forma na que Putin aborda a posibilidade de paz pode resumirse na expresión "paz sen dialogo". Isto consistiría en acadar a paz renegociando a posición chechena a partir da súa propia Constitución, aprobada en maio de 2003, e da Constitución Federal Rusa, reunindo para consultas a representantes da administración federal, do goberno checheno, así como autoridades civís e relixiosas de Chechenia. O problema desta estratexia é a ausencia da guerrilla nas conversas. Segundo a posición moscovita, a guerrilla se compón de terroristas e con eles non se negocia. Se ben o non ceder á chantaxe da violencia parece admirábel, cando tratamos precisamente de abordar e solucionar esa violencia asemella crear unha non-solución e apostar por manter o conflicto activo.

O toldar de terrorismo organizado a resistencia chechena axuda ao Kremlin a xustificar ante a comunidade internacional o seu intervencionismo. A seguridade xa foi un dos argumentos utilizados por Ielstin na primeira guerra de Chechenia. Naquel entón referíase á loita contra as mafias (moitísimo máis tibia cando esas mafias operaban en territorio ruso) e tralo 11-S, Putin converteu no seu discurso o que antes eran mafias en terroristas islámicos como unha forma de limpar a imaxe desta sanguenta campaña ante unha comunidade internacional á que Rusia oferta a creación dun tapón fronte o avance dun suposto islamismo wahabista que segundo o Kremlin estaría detrás dos atentados que dende hai anos castigan ocasionalmente Moscova executados por seguidores de Ben Laden. Nembargantes, a implantación real do wahabismo entre as forzas chechenas dista moito de acadar o lugar de coordinador da resistencia ou de supoñer unha ameaza para a seguridade internacional, mesmo sen deixar de ser certa a entrada de milicianos relacionados con grupos islamistas no conflicto, realmente a resistencia chechena non está tan organizada. Son múltiples clans familiares combatentes polo cal resulta difícil atribuír a ninguén un papel de líder de forma clara.

O panorama futuro de Chechenia parece desesperanzador na medida que non existen presións da comunidade internacional parar solucionar esta guerra interna. A vontade das demais nacións e a súa insistencia na legalidade internacional serian o único contrapeso viábel ante a apatía do goberno de Moscova por acadar unha solución ao conflicto. Por desgracia, a comunidade internacional, a día de hoxe, parece estar moito mais preocupada pola nova ameaza do terrorismo internacional que por solucionar formas clásicas de violencia como as intervencións militares a gran escala ou as violacións dos dereitos humanos.