Non son precisamente intelectuais críticos os que reclaman insistentemente a negociación en México. Tampouco veñen do contorno zapatista as urxencias ao diálogo… nin siquera dos colectivos indíxenas. É o propio presidente electo Vicente Fox, o que insta e invita a manter ¡xa! conversas de paz. O empresario conservador que venceu á dictadura perfecta do PRI, varreu da mesa os atrancos que dificultaban a negociación e mostrouse disposto a aceptar as tres condicións demandadas dende o EZLN: retirada do exército de 7 enclaves chiapanecos, liberdade para 80 zapatistas encadeados e aprobación da Lei de Dereitos e Cultura Indíxena.
Vicente Fox do Partido de Acción Nacional (PAN) ven de dar unha viraxe total ao proceso de Paz de Chiapas que quedara interrompido en setembro1996 ao esixir o EZLN o cumprimento do acordo de San Andrés nos aspectos relativos aos dereitos da cultura indíxena, asinado o 16 de febreiro de 1996 Febreiro polo goberno do Ex-presidente Ernesto Zedillo na localidade de S. Andrés de Larraínzar. As modificacións constitucionais que se contemplaban atoparon fonda resistencia do seno do PRI, desconfianzas no exército e aberta confrontación nos empresarios que posuían a maior parte das terras da rexión raiana con Guatemala.
Era o primeiro día do ano 1994 e aínda resoaban os brindes das finas copa de cristal que se cruzaban no Pazo presidencial dos Pinos os invitados do Presidente Carlos Salinas de Gortari, saudando a entrada en vigor do Acordo de Libre Cambio de América do Norte (Alena) polo México compartía área económica co primeiro mundo, representado nos EEUU e no Canadá.
Un berro emerxeu do, sumamente deprimido, semicolonial e semifeudal, Estado agrario chiapaneco, para apagar o eco das copas pacegas e pedir, só democracia, saúde, terra e liberdade. Esta atípica guerrilla que non buscaba o poder, so demandaba unhas mínimas condicións de dignidade para sobrevivir e uns principios éticos nos que sustentar as relacións sociais.
As armas acompañaron ás palabras e o soño dun México máis xusto e digno, recollido na Declaración de la Selva Lacandona co título Hoy decimos ¡Basta! durou escasamente doce días para voltar a repregarse nas montañas da selva nodriza.
A simpatía xerada polo peculiar movemento guerrilleiro e a evidente penuria na que viven os 900.000 indíxenas (1/4 dos habitantes de Chiapas) foron encamiñando un proceso de paz que rachou no 96.
Virían logo os tempos da firmeza gobernamental do presidente E. Zedillo que presaxiaba unha Balcanización de México se se respectaban os acordos de S. Andrés no que se recoñecían os Dereitos dos Pobos Indíxenas. Para combater ao inimigo interior, 300 reténs e 70.000 soldados foron tomando Chiapas e abafando ao EZLN nas montañas. A violencia política e os paramilitares colleron o protagonismo mentres boa parte da poboación indíxena emprendía desprazamentos masivos, diante da inoperancia das forzas da orde publica. Os domesticados medios de comunicación comezaron una campaña de satanización do EZLN da que non se libraron nin os bispos que facían traballo social cos máis humildes. Boa parte dos seus esforzos estaban dedicados aos indíxenas e mestizos de 53 etnias.
Fomentáronse e premiáronse, con cartos e/ou bens, as desercións e a entrega de armas. Premeuse ao vaticano para desprazar a sacerdotes comprometidos coa xustiza social…
A persistencia da man dura, non amoleceu un conflicto, no que as pobres forzas dos pobres, encabezadas polos zapatistas eran cada día máis pobres e débiles, en operatividade; mais ao tempo, consolidaban e agrandaban a súa razón de existir diante de tanta represión arbitraria do Estado.
Cando o dereitista Fox gaña as presidenciais de xullo do 2000 ten coñecemento dun plano estratéxico no que están a traballar os servicios de intelixencia do exército. Diante do fracaso da man dura, se propón man…aínda máis dura. Na campaña a emprender estaba prevista a difusión noticias que acusarían aos dirixentes zapatistas de enriquecemento a costa dos indíxenas, mesmo se farían públicos documentos que supostamente demostrarían a inmensa fortuna do Sub-comandante Marcos. Tamén sería cuestionada a vida sexual de sacerdotes con ascendencia sobre os indíxenas.
O presidente Fox semella disposto a dar unha viraxe de 180 graos á estratexia do PRI. Así o anunciou o sábado pasado no seu programa Fox en vivo, Fox Contigo, no que afirmou que a Lei dos Dereitos e da Cultura Indíxena, que `provocou ruptura dos Acordos de S. Andres, reiniciaría o seu camíño de tramitación parlamentaria.
O subcomandante Marcos non parece conceder demasiada credibilidade ás presas do Presidente. Ten anunciada a súa presencia no Congreso Nacional Indíxena para os días 2,3 e 4 de febreiro no municipio de Paracho e xa enviou a súa ponencia ao Foro Social Mundial de Porto Alegre na que fustiga aos intelectuais sen capacidade crítica.
Pode que os procesos de paz vividos por outros países como Guatemala, O Salvador, Colombia… non inspiren demasiada confianza polos seus escasos resultados, pero a paz ben merece un esforzo e medidas doses de inxenuídade…, tamén, do mítico Subcomandante Marcos. A paz merece unha oportunidade.
Enlaces Relacionados:
Presisencia Governo México
Partido Revolucionari Insitucional
Pardido da Revolución Democrática
Exército Zapatista de Liberación Nacional
Acordos de S. Andrés
Declaración de Lacandona
Ponencia Subcomandante Marcos