O ensanguentado xeneral Pedro Espinoza, estreito colaborador de Pinochet, xa pisa novamente, ás rúas de Santiago sen deterse a emitir fugaz pranto polos ausentes. A saída en liberdade condicional, o xoves 22, do militar condenado a cinco anos de prisión polo asasinato en Washington do Ministro de Exteriores do Goberno de Salvador Allende, coincide coa publicación do acordo da "mesa do diálogo", polo que se reabre o proceso de investigación dos desaparecidos e trae a división ao movemento en Defensa dos Dereitos Humanos.
Durante nove meses estiveron sentados na controvertida mesa, membros cualificados do exército, xerarquías eclesiásticas, defensores dos dereitos humanos e representantes dos sucesivos gobernos.
A mesa de diálogo na que participan, cóbado con cóbado, militares e civís, é unha das consecuencias do xulgamento en Londres de Augusto Pinochet. A credibilidade internacional da democracia chilena foi fortemente cuestionada e foron precisos xestos inequívocos para demostrar a capacidade interna de revisar os crimes da dictadura, sen tutelas internacionais. Mais este significativo avance na percura de memoria colectiva non é percibido positivamente por todo o movemento dos Dereitos Humanos. A Asociación de familiares dos 1198 detidos e desaparecidos, que se autoexcluíu da ronda negociadora, rexeita o pacto por consideralo como un instrumento pensado para garantir a impunidade dos militares. A súa presidenta Viviana Díaz afirma " Certamente, nos queremos atopar os corpos dos desaparecidos, mais nos tamén queremos que os militares culpables sexan xulgados".
A meticulosa e coidada escenografía na que se representou a cerimonia invita a pensar nun acordo de Estado para por un definitivo punto final nas institucións democrática ao punto final sobre as responsabilidades militares co que se autoblindaron na dictadura. O presidente Lagos declaraba que o acordo supuña o punto de partida para un país mellor, ante a atenta presencia das forzas da concertación, dos mandos militares e dos partidos da dereita que sempre mostraron debilidade pola figura de Pinochet.
Tamén coincidía o Xeneral Juan Carlos Salgado, representante do exército nas negociacións, en cualificar o acordo como un punto e aparte, cara ao comezo dunha nova etapa que permita pechar a cicatrices. Nunha reunión á que asistiron 150 xenerais retirados expuxo os termos deste acordo. Nel os militares recoñecen a existencia de violacións dos Dereitos do Home durante a dictadura e comprométense a remitir á Corte Suprema de Xustiza, nun prazo máximo de seis meses, todas as probas que estean no seu poder sobre o destino dos detidos, mortos e desaparecidos. Pero os altos mandos do exército negan a existencia de documentación arquivada e limitan a responsabilidade aos executores materiais que supostamente estarían actuando sen o prace das autoridades dictatoriais.
A porta da dictadura comezou a pechar en falso, por segunda vez, un martes-13, data do mes de xuño na que o ministro do Interior José Miguel Insulza, xustificou como necesario o acordo e refusou con firmeza o termo punto final, aducindo que non serán interrompidos os procesos xudiciais en marcha. A cúpulas dá dictadura só tiveron que recoñecer a existencia do obvio, pero non terán que asumir responsabilidades polas masacre do seu período. Dispoñen dun punto e seguido que reforza o punto final do que xa gozaban, xa que, o texto consensuado, lles garante o segredo profesional cando entreguen informacións sobre a localización dos detidos desaparecidos.
A medida que se achega o 1 de xullo, data na que podería ser publicado o acordo no Diario Oficial, aumenta a sensación de estar diante dun auténtico test para a Democracia Chilena. En medios militares temen que cando aparezan os primeiros restos humanos a Corte Suprema sexa remisa a aplicar a amnistía, co que se detería fulminantemente a entrega de máis datos sobre o resto dos desaparecidos. Temen un punto final a lei de amnistía. O Goberno confía en que os tribunais sigan manténdose na doutrina aplicada ate o momento e en que non se produzan sobresaltos. Se a autoamnistía segue a funcionar, confirmaríanse os augurios da Asociación de familiares dos detidos-desaparecidos e estaríamos ante un troco de verdade por inhibición da xustiza, de localización de restos por reconfirmación da amnistía.
Para a esperanza quedan as declaracións de principios, nas que os asinantes do acordo, saído da mesa do diálogo, subliñan a necesidade de evitar a violencia política e reafírmanse na necesidade respectar os Dereitos do Home.