Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2025-2026
O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito — IGADI Annual Report 2025-2026

China a cabalo dunha nova etapa de consolidación internacional

No último ano, China consolidou a súa posición como un dos actores centrais do sistema internacional. A evolución da súa economía, a súa crecente influencia no chamado “Sur Global”, a rivalidade estratéxica con Estados Unidos e o seu papel nas institucións internacionais configuran un escenario dinámico para a gobernanza global. Neste contexto, o papel de China na política internacional durante os últimos tempos pode entenderse como o intento de equilibrar tres obxectivos: manter o crecemento económico, expandir a súa influencia xeopolítica e xestionar unha relación cada vez máis competitiva coas potencias occidentais.
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Palabras chave China

O pasado 17 de febreiro deu comezo ó ano do cabalo. Na tradición simbólica chinesa, o cabalo asóciase con dinamismo, vitalidade e proxección cara ao exterior. Empregando esta metáfora como ferramenta analítica —e non como predición cultural—, o período actual pode interpretarse como unha fase de aceleración de tendencias estruturais na política internacional. A partir de datos do Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial e centros como Chatham House ou o Council on Foreign Relations, pódense identificar catro escenarios plausibles para a evolución da China no curto e medio prazo.

Desde unha perspectiva económica, China, a pesares dos seus avances, continúa sendo a segunda economía do mundo e un actor fundamental para o crecemento global, aínda que a súa economía atópase nunha fase de desaceleración estrutural. O Banco Mundial estima que o crecemento do PIB chinés será de ao redor do 4-4,5 % en 2026, unha cifra inferior ao ritmo de expansión observado en décadas anteriores.

Esta desaceleración reflicte varios factores estruturais. En primeiro lugar, o sector inmobiliario —que chegou a representar aproximadamente unha cuarta parte da economía— experimentou unha forte crise tras as restricións financeiras impostas aos promotores inmobiliarios e o colapso de grandes empresas do sector. A caída prolongada de prezos e a diminución do investimento inmobiliario afectou ao consumo interno e a confianza dos fogares.

En segundo lugar, o país enfronta retos demográficos significativos. A poboación en idade laboral está a diminuír e a taxa de fertilidade é unha das máis baixas do mundo. Estes cambios afectan á produtividade potencial e presionan o modelo de crecemento baseado en man de obra abundante e barata. Ante estes desafíos, o goberno chinés adoptou unha estratexia orientada á innovación tecnolóxica e a autosuficiencia industrial.

Na esfera interna vense de aprobar a “Lei da República Popular Chinesa sobre a promoción da unidade e o progreso” na que existe unha chamada á homoxeneización baseada na cultura maioritaria Han e unha clara promoción do mandarín. Ideas de modernidade e unidade que poden erosionar a identidade das minorías étnicas.

Máis aló da situación interna, China reforzou a súa presenza no sistema internacional mediante iniciativas de cooperación económica e diplomática. A máis importante segue sendo a Iniciativa da Franxa e a Ruta (Belt and Road Initiative, BRI), lanzada por Xi Jinping en 2013. Ata 2025, máis de 150 países participan en proxectos vinculados a esta iniciativa, cun volume acumulado de investimentos e contratos que supera 1,39 billóns de dólares.

A BRI ten un claro obxectivo xeopolítico: consolidar redes de infraestrutura, comercio e enerxía que conecten Asia, Europa, África e América Latina coa economía chinesa. Para moitos países en desenvolvemento, esta iniciativa representa unha fonte crucial de financiamento para proxectos de transporte, enerxía ou telecomunicacións. Con todo, algúns analistas occidentais criticaron o programa por xerar dependencia financeira ou aumentar a influencia política da China nos países receptores.

En paralelo, as empresas chinesas intensificaron a súa presenza no Sur Global, especialmente en Asia, África e América Latina. As exportacións cara estes mercados creceron significativamente na última década e actualmente superan o volume do comercio con Estados Unidos e Europa occidental xuntos.

Esta estratexia responde tamén as tensións comerciais con Occidente: diversificar mercados permite á China reducir a súa dependencia das economías desenvolvidas.

Por outra banda, a análise da influencia da intelixencia artificial no modelo económico e as consecuencias sociais necesita un espazo amplo pero é necesario mencionar o importante papel xa que esta está integrada na loxística urbana, nos servizo públicos e, no comercio intelixente. A nivel local as cidades chinesas experimentan con robots de servizo, drones e sistemas urbanos automatizados como actores dentro dunha transformacións social máis ampla.

A influencia da IA no eido laboral é moi relevante pero cabe dicir que o goberno chinés considera o emprego como unha cuestión de seguridade e o obxectivo é evitar cambios drásticos derivados do cambio tecnolóxico.

No eixo central da política internacional contemporánea sitúase a competencia entre China e Estados Unidos. Así, nos últimos anos, esta rivalidade abarcou múltiples ámbitos: comercio, tecnoloxía, seguridade e gobernanza global.

No plano económico, a disputa comercial iniciada en 2018 continúa influíndo na relación bilateral. As restricións tecnolóxicas impostas por Estados Unidos —especialmente en sectores como os semicondutores— buscan limitar o desenvolvemento tecnolóxico chinés. Ao mesmo tempo, China tenta acelerar a súa independencia tecnolóxica e reducir a súa vulnerabilidade ás sancións occidentais.

No ámbito diplomático, ambas as potencias manteñen un equilibrio entre cooperación e confrontación. Os gobernos de ambos os países subliñaron a necesidade de diálogo para evitar escaladas que poidan afectar a estabilidade internacional.

A pesares destas tensións, a interdependencia económica segue sendo significativa. China continúa sendo un actor chave nas cadeas globais de subministración, e moitas economías occidentais dependen das súas capacidades manufactureiras.

Outro elemento fundamental da política exterior chinesa é a súa crecente participación en institucións internacionais e mecanismos de cooperación multilateral. Beijing preséntase cada vez máis como defensor do multilateralismo e do papel central das Nacións Unidas na gobernanza global. Ademais, China promove novas plataformas internacionais que reflicten o ascenso da chamada orde multipolar. Entre elas destacan: a expansión do grupo BRICS, que busca aumentar a representación das economías emerxentes; as iniciativas de cooperación Sur-Sur con África e América Latina e, os proxectos diplomáticos vinculados á seguridade global e desenvolvemento.

Desde a perspectiva chinesa, estas iniciativas pretenden equilibrar un sistema internacional historicamente dominado por Occidente e ofrecer maior voz aos países en desenvolvemento.

A axenda chinesa de máis alto nivel centrada no desenvolvemento das “dúas sesións” parlamentarias anuais viuse influída polo actual conflito bélico en Irán e a súa escalada na rexión. Así o ministro de Exteriores chino, Wang Yi condenou a actual situación en Oriente Medio e reivindicou o “principio de non inxerencia nos asuntos internos doutro país soberano”. A colaboración entre ambos países profundouse cando Xi Jinping visitou Teherán en 2016, e en 2021 ambos os países finalmente asinaron unha asociación estratéxica de 25 anos. E necesítanse pois China importou 1,38 millóns de barrís de cru ao día desde Irán en 2025, segundo o Centro de Política Enerxética Global, ao redor do 12% das súas importacións totais de cru. A pesares da situación actual China non enfronta un risco inmediato de escaseza, xa que dispón de entre 40 e 45 millóns de barrís almacenados en reservas flotantes.

En xeral, a relación entre ambos os países é pragmática e táctica máis que estratéxica, centrada en enerxía, infraestruturas selectivas e unha cooperación militar limitada. Ademais, Irán é membro da Organización de Cooperación de Shanghai desde 2023 e, desde 2024, dos BRICS Plus.

Por outra banda, grupos de dereitos humanos alegaron que a brutal represión iraniana contra manifestantes e críticos do réxime viuse impulsada por tecnoloxía chinesa de recoñecemento facial e vixilancia compartida polo goberno de Beijing polo que o uso da tecnoloxía ten un marco moi negativo.

En conclusión, no curto prazo, China atópase nunha fase de transición cara a un novo tipo de poder internacional: menos baseado no crecemento acelerado e máis na capacidade tecnolóxica, influencia institucional e redes económicas globais dentro duns valores tradicionais como son harmonía, orde e equilibrio.

China reforzaría o seu papel como piar de estabilidade económica global, contribuíndo de maneira significativa ao crecemento mundial. Segundo o Banco Mundial, mesmo nun contexto de desaceleración, o país seguirá sendo un dos principais motores do PIB global.

Ante estes desafíos, o goberno chinés adoptou unha estratexia orientada á políticas económicas que priorizan sectores como intelixencia artificial, robótica, semicondutores e tecnoloxías avanzadas como motores do crecemento futuro. En definitiva, máis trote e menos galope permitirá que China continúe sendo un dos actores decisivos para entender a política internacional do século XXI.

Coñece o IGADI Anual Report 25-26 “O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito