China, as olimpiadas e os dereitos humanos

A decisión do Comité Olímpico Internacional (COI) de aceptar a candidatura de Beijing para a celebración dos xogos de 2008 desatou todo tipo de reaccións. Para uns, considerando que non se pode “premiar” a quen viola sistematicamente os dereitos humanos, evidenciouse o cinismo dunha comunidade internacional que sacrifica os principios en aras dos enormes intereses económico-comerciais que apremian as estratexias das grandes potencias. Para outros, sen embargo, aínda admitindo as múltiples carencias do Imperio do Medio e resaltando a gravedade doutras situacións (Chechenia, poñamos por caso) que nada importan ao “mundo libre”, resultaría dificilmente explicable rexeitar a proposta chinesa tanto polas súas cualidades técnicas como por motivos de naturaleza estrictamente política.

Hai catro anos Bejing quedara a só dous votos para facerse coa sede olímpica. Daquela, unha enorme decepción percorreu o país e dende entón numerosas afrentas (bombardeo da legación de Belgrado, incidente aéreo sobre a illa de Hainan, etc) salpicaron as relacións de China co mundo occidental. Unha negativa do COI sería interpretada como unha manifestación máis do desexo de contención dos sectores máis illacionistas que habitan nas élites mundiais, firmes partidarios da confrontación coa China e espolearía no interior a onda nacionalista cun verniz claramente antioccidental.

Pero ¿en que punto se atopa China en relación aos dereitos humanos?. China non é un país comunista tradicional. Acepta o mercado, as diferentes formas de propiedade, o investimento estranxeiro, aínda que non o abandono do seu sistema político. Esto é, en esencia, o chamado “socialismo con peculiaridades chinesas”. No que respecta aos dereitos humanos, esa peculiaridade manifestase en que non é, no fundamental, a ideoloxía (como acontecía no socialismo real) o que xustifica a negativa chinesa a recoñecer os dereitos humanos. Fálase de demora e xustificase con dous argumentos. En primeiro lugar, a propia tradición ou cultura, ou o que é o mesmo, a excepcionalidade dos valores asiáticos, tese compartida polos asinantes da declaración de Bangkok e que funde as súas raíces na subordinación do individuo aos intereses colectivos, socialmente máis extendida e interiorizada pola acción dos moitos séculos de impregnación confuciana que polas breves décadas de rachas atemporaladas de marxismo-
leninismo, pensamento Mao Tse-tung. Sen embargo, as reformas políticas que se produciron recentemente nos países do seu entorno como Corea do Sur ou Taiwán, cuestionan moi seriamente o rigor de tal reflexión.

O segundo elemento é o subdesenvolvemento. A China é un país pobre e primeiro debe solucionar os seus problemas económicos; despois virá a reforma política. Para ilustrar este argumento con frecuencia recurren ao exempolo da transición nos países do Leste: a política precedeu ás reformas económicas con resultados desastrosos na maior parte dos casos; ou, a sensu contrario, a algúns países asiáticos nos que o proceso inverso, impulsado dende arriba e lentamente resultou, afirmase, moito máis exitoso. Beijing, moi temeroso da inestabilidade, súmase así ás teses dos que opinan que soamente a partir dun determinado nivel de benestar se pode pensar na democracia e na liberdade. Primeiro riqueza, despois xustiza.

A mellora da situación dos dereitos humanos na China producirase a medida que se afiancen no poder os partidarios dun estado de dereito, do fortalecemento do sistema legal. Dende o exterior pódese axudar máis coa forza da convicción que coa imposición. Non por presionar máis se irá máis rápido. Os chineses forman parte dunha rica e milenaria civilización. Cunha relación historicamente problemática, e pouco respectuosa cos dereitos humanos, como a exercida polos propios países occidentais na China, todo intento de afirmar a nosa hipotética superioridade humanística non conseguirá outro efecto que reforzar o nacionalismo e as tendencias xenófobas hostís. Mentres, persistirá a chamada “diplomacia do gota a gota”: hoxe a sinatura dun pacto internacional, mañá unha liberación, pasado unha expulsión …

Nestas coordenadas, a decisión do COI é positiva por canto contribuirá a unha maior aproximación entre os mundos occidental e chinés, propiciará unha diálogo civilizatorio e incidirá no fortalecemento daqueles sectores internos partidarios dunha modernización económica e social que non solape a principal promesa política da Revolución: a liberdade e a soberanía para todos e cada un dos millóns de chineses.