China e a recuperación europea

China ofreceuse a colaborar na solución da crise da débeda europea. A Pequín interésalle que Bruxelas resolva os seus problemas dado que a UE é o seu principal socio comercial. Os primeiros cálculos chineses apuntan a un agravamento das tensións comerciais en 2012, o que pode incidir moi negativamente no seu crecemento e estabilidade. Pese á incerteza, a aposta pola eurozona (e mesmo polos bonos do Tesouro de EEUU) semella a opción menos mala para unha China con inxentes reservas de divisas e grandes temores á elevación da inflación interna.

As capitais europeas están divididas a propósito do ofrecemento chinés, xa avanzado polo primeiro ministro Wen Jiabao en setembro último. Nos últimos tempos, a presenza chinesa aumentou de forma significativa tanto no eido das adquisicións de activos como tamén de débeda soberana. Para uns, España incluída, a inxección chinesa de miles de millóns na economía europea permitiría encarar o horizonte da recuperación con mellores perspectivas. Para outros, as demandas chinesas que acompañan o ofrecemento (recoñecemento como economía de mercado, liberalización do intercambio tecnolóxico, levantamento do embargo de armas imposto en 1989 ou o respecto ao seu sistema político) non son de recibo.

A magnitude da crise indícanos que a UE, por si soa, terá difícil superar as súas dificultades. A actual interdependencia da economía mundial aconsella a disposición de medidas en común que deben negociarse entre as partes, tanto no seo do G20 como fóra del. Indubidablemente, todo supón riscos, pero a actual asimetría no comercio bilateral é de difícil sostemento a longo prazo. Por outra banda, se China foi quen de dixerir a presenza occidental no seu mercado en magnitudes considerables, que a UE non sexa quen de operar outro tanto no momento actual semella sorprendente. O que procedería é un diálogo adulto, coordinado e racional que atenda á satisfacción dos intereses de ambas partes ata onde sexa posible. Limitar os puntos de vista a un diálogo de sospeitas carente de perspectiva estratéxica polo temor ao que China poida obter a cambio revela unha fraxilidade extrema.

Pese ás súas fraquezas e desequilibrios, a economía do xigante asiático xa non é a mesma de hai unha década. As súas posibilidades son outras e a UE debería esforzarse por compartir criterios de cara a unha negociación sostida e permanente. Bruxelas non debería perder de vista que a simpatía oficial china pola UE medrou considerablemente tralo bombardeo estadounidense da súa embaixada en Belgrado (1999). Confundida na Atlántida, Europa non acaba de recoñecerse a si mesma nin de fixar criterios propios.