China ¿expulsada de Asia?

Seriamente quebrada na súa política de creación de “asociacións estratéxicas” coas principais potencias polos efectos do 11 de Setembro, a China procura redefinir a toda présa as súas prioridades exteriores para establecer unha base rexional consolidada que lle permita afrontar o desafío estadounidense na zona. Dono dunha posición clave na rexión de Asia-Pacífico, Washington tomou, por primeira vez, o espacio estratéxico da India e as áreas de unión de Asia central e o Medio Oriente, lugares controlados nun tempo por Gran Bretaña, e encheu o espacio estratéxico deixado pola ex URSS despois da súa desintegración, sen que chegara a ser ocupado por Rusia. Neste contexto, en Beijing, son conscientes de que non lle deixan espacio para extender a súa influencia en Asia.

O desplegue estratéxico en Asia central, o regreso a Filipinas despois de retirar as súas bases en 1992 con vistas a consolidar o dominio marítimo no sudeste asiático, etc, todo soa a presión sobre China. Calquera análise das accións militares de Estados Unidos permite descubrir que cada vez que este país leva a cabo unha empresa deste tipo o fai pensando en obxectivos de longo alcance, é dicir, na defensa de políticas de poder e de hexemonía, asi como no establecemento dun mundo unipolar. A visita de Bush a China no pasado febreiro non calmou os ánimos.

Daí a relevancia do establecemento da Organización de Cooperación de Shanghai, reunida en San Petersburgo a pasada semana. Para China, o establecemento desta nova entidade é unha cuestión de futuro e de confianza que pasa pola consolidación da súa estructura. Nela participan, ademais de Rusia e China, Kazajstán, Kirguistán, Tadxiquistán e Uzbequistán. A aprobación dunha Carta fundacional, o acordo para a creación dunha axencia contra o terrorismo na rexión (China está moi preocupada polo auxe do extremismo no Turquestán oriental), cimentan un impulso con vocación de permanencia a través da creación dun Secretariado permanente en Beijing. Esta política, sen dúbida, dará lugar á hostilidade estratéxica do Pentágono.

Un doble mecanismo determina as relacións do vello Imperio do Centro con Estados Unidos: cooperación no ámbito económico e comercial (Estados Unidos é o segundo socio comercial de China e esta ven sendo o cuarto de Estados Unidos); competición no ámbito estratéxico e ideolóxico. ¿Poderán máis os intereses comúns que as diverxencias? Que China se manteña o suficientemente feble como para non converterse nunha ameaza para Estados Unidos semella hoxe unha condición sine qua non para que as relacións bilaterais funcionen ben. O obxectivo de acadar a modernización e convertirse nunha potencia mundial non concorda co unilateralismo de Estados Unidos. Para Bush, China é un rival potencial, un futuro competidor militar con grandes recursos, de quen pode precisar para neutralizar a Corea do Norte, pero a quen nunca reforzará apoiando a estratexia de unificación con Taiwán. O terrorismo podería establecer unha base estable para a cooperación, pero nin semella suficientemente sólida, nin comparten a mesma definición do problema.

Na outra beira, a China flaquealle o entendemento que pretendía privilexiado con Rusia e outros países centroasiáticos. Con Moscova, o reforzamento da confianza mutua dende o punto de vista político e mesmo a cooperación nas áreas de economía e comercio, non semella doado á vista das dificultades que enfrontan para por en práctica o Tratado de Boa Vecindade, Amizade e Cooperación, asinado hai un ano. Rusia, en maior ou menor medida, semella deslumbrada, como os antigos aliados na rexión, polos efectismos do desembarco estadounidense, que mesmo acepta nunha zona tan delicada para os seus intereses como é o Cáucaso, coa esperanza de aplanar o camiño para a entrada na Organización Mundial do Comercio.