Todo en Pequín está preparado para acoller a celebración dos Xogos Olímpicos. Sorteadas con relativo éxito as críticas occidentais ““máis pena ca groria- en materia de dereitos humanos, represión no Tibet, etc., que, por outra banda, serviron para mobilizar, esencialmente, ao conxunto das comunidades chinesas esparexidas por todo o mundo alentando un magma nacionalista que prendeu con forza en defensa da identidade do país e do seu dereito a elixir un camiño propio de desenvolvemento, a sociedade chinesa confía en superar a proba do evento olímpico para demostrar á comunidade internacional que está á altura das esixencias dos tempos modernos.
Poucos teñen dúbidas de que estes xogos sorprenderán polo seu nivel de organización e realización. Con eles, China (cuarta economía do mundo pero na posición 87 en materia de desenvolvemento humano) pretende significar o éxito do camiño percorrido nas últimas décadas para superar as máis duras condicións de atraso e sumarse, a marchas forzadas, a un mundo desenvolvido no que aspira a influir na conformación das propias regras de xogo.
Pero non todo será festa. Ao natural cansanzo e incomodo polas severas trabas a soportar, únese o pesar polo duro terremoto de Sichuan e os seus efectos, e tamén a preocupación por certas dificultades na evolución económica e a persistencia de tensións sociais. Respecto ás primeiras, cómpre sinalar a importancia da inflación, na actualidade moi por riba do 4,8% que o goberno fixou para finais de ano, e que está a incidir, fundamentalmente, nos prezos da alimentación, que experimentaron subas espectaculares en rexistros básicos como a carne de porco. Respecto ás segundas, a multiplicación de incidentes (en Guizhou, Yunnan, Guangdong, Zhejiang) que presentan como denominador común o recurso á violencia por parte de masas enfurecidas que desconfían da ecuanimidade das autoridades, deixando entrever as dificultades do réxime para que o discurso da “harmonía” cale socialmente cando as desigualdades e a corrupción seguen campando ás súas anchas por toda a xeografía do país.
A celebración dos Xogos coincide coa chegada do proceso chinés a certa madureza. Trinta anos despois de iniciada a política de reforma e apertura, no interno, a aposta por un novo modelo de desenvolvemento que acentúe a importancia das novas tecnoloxías e da ciencia, do respecto ao ambiente, do aforro enerxético, da creación dun mercado interno efectivo, de melloras sociais, etc., suxiren que aquel tempo da China como “taller do mundo” ten os días contados. No externo, esa expresión dun desenvolvemento de maior calidade, reflicte a disposición a asumir maiores responsabilidades globais, pero cun discurso que, en calquera caso, non parece disposto a secundar a cegas as propostas do mundo rico.
China apostou polos Xogos como unha vía de reencontro cun mundo do que estivo illada durante séculos. Ese illamento foi unha das causas esenciais que a precipitou na decadencia e por iso nunca máis dará as costas ao exterior. Pero tamén o resto do mundo, que ignora profundamente as súas pautas culturais, debe esforzarse por comprender as moitas singularidades chinesas que habitan o seu universo sen deixarse levar polos maniqueísmos de quen, interesadamente, desprezan a riqueza dese pensamento chinés, diferente, que hoxe volve a irromper con forza, incluso da man dos que sempre o combateron. A reivindicación da ética e da moral como condición primordial para a xestión política, reclamo que formula o presidente Hu Jintao, debe máis á teoría de gobernar de Confucio que ao marxismo-leninismo que aínda formalmente inspira os estatutos do PCCh.
Quédanlle aínda moitos valados por superar a esta China, pero todo indica que estará no palmarés mundial. Tamén das Olimpiadas.
Xulio Ríos (Argenpress, 28/07/2008; Xornal, 30/07/2008)