China, ¿viva ou adeus á Revolución?

Mao, o gran líder da revolución chinesa, dicía que a historia da humanidade é un movemento constante dende o reino da necesidade ata o reino da liberdade. A frase ten a súa substancia. Para uns, o Gran Temoneiro quer dicir que da necesidade xurde a revindicación da liberdade e que, polo tanto, levado ó extremo, canto pior, mellor. En 1958, por exemplo, afirmaba que “a pobreza provoca desexo de cambio, de acción e revolución”. Outros, a inmensa maioría, consideran sen embargo, que Mao quería dar a entender que existe unha orde de prioridades no cumprimento das tarefas revolucionarias: primeiro debíanse satisfacer as necesidades máis elementais das persoas (alimentación, vestido, vivenda) e despois organizar un sistema de convivencia o máis libre posible.

En todo caso, a revolución maoísta pretendía eliminar as inmensas necesidades do seu país e das súas xentes, e devolverlle a dignidade usurpada por caudillos militares e potencias estranxeiras. Mao xeralizou a escala de todo o país a mesma vía que o levou ó trunfo: a do sacrificio, a da adicación total e o esforzo colectivo. Curtido na dura travesía da Longa Marcha, o líder chinés estaba convencido de que todas as dificultades eran superables se un se poñía a elas de verdade, con convicción e entrega absoluta. O voluntarismo utópico de Mao provocou grandes desastres económicos e sociais, pero a pesar diso, nas primeiras décadas da Revolución, a China non deixou de medrar.

Deng Xiaoping, a outra vara de medir desa China Popular que nace en 1949, foi sempre un pragmático a tempo enteiro. Non concordaba con Mao, pero respectábanse mutuamente e cando Zhu Enlai o reclamaba para endereitar o rumbo, Deng, con Chen Yun, arrimaba o seu ombreiro. Ata a morte de Mao (1976), a China non conseguiu resolver o conflicto entre as dúas liñas, a pragmática e a voluntarista, e nese debate consumiu case os primeiros trinta anos da Revolución.

Mao nunca foi prosoviético.O líder chinés receaba do PCUS porque nalgunha ocasión intentaran manipular o rumbo da revolución chinesa obrigándolles a pactar co seu inimigo, o Kuomintang. Stalin dicía que os comunistas chineses eran como os rabanetes: vermellos por fóra e brancos por dentro. Cando Mao, un dos fundadores en 1921 do Partido Comunista da China, asumiu a dirección do movemento revolucionario (en 1935, na reunión de Zunyi) imprimiu un rumbo propio ó comunismo chinés. Algúns consideran que ese distanciamento da experiencia rusa (que derivou ruptura aberta nos anos sesenta), foi o que lle permitiu a Pequín sobrevivir ó derrube do socialismo real. Aínda así, cómpre ter en conta que cando Gorbachov asumiu o liderato soviético, na China xa levaban oito anos de “perestroika” á súa maneira.

Cincuenta anos despois da proclamación da China Popular, este inmenso país que acolle á quinta parte da humanidade, leva camiño de satisfacer aquelas necesidades elementais das que falaba Mao. Subsisten grandes diferencias entre unhas rexións e outras, importantes desequilibrios, contradiccións e numerosos focos de tensión, pero, nesta materia concreta, a China de hoxe presenta un balance positivo e esperanzador. Nos tempos que corren, conseguir alimentar a 1.300 millóns de persoas con soamente un sete por cento da súa superficie apta para o cultivo, é para quitarse o sombreiro. Pero a liberdade terá que agardar.

Con esta efeméride, os dirixentes chineses comezan o repunte dun ano problemático, marcado no primeiro semestre polo aniversario da “liberación” do Tíbet e da masacre de Tiannanmen. O 20 de decembro, Portugal devolverá a Macao, recuperando a unidade territorial de todo o continente. Taiwán agarda. A unificación é capitalizada por un Partido Comunista que con sesenta millóns de membros, leva tempo facendo guiños ó nacionalismo para compensar o desgaste producido por tanta “polución” capitalista.

¿Que queda da Revolución? Na China actual, o maoísmo económico está prácticamente liquidado. A reforma en curso das empresas estatais pode consumar o proceso. Pero o maoísmo político dispón aínda de dous resortes principais (Partido e Exército) que evidencian a intocabilidade das esencias do sistema.