Chinochet

Alberto Fujimori atópase de novo entre a espada e a parede. A "concesión" realizada logo da primeira volta das eleccións presidenciais celebradas o pasado 9 de abril non resolveu, como era doado imaxinar, o problema de fondo que desestabiliza a sociedade peruana: cómo convencer a Fujimori do esgotamento do fujimorismo. Daquela, cun 49,84% dos sufraxios en imparable ascenso, a presión popular e internacional obrigaronlle a aceptar unha segunda volta coa que non contaba. Agora Alejandro Toledo, a coro cos observadores internacionais, denuncia a inexistencia de garantías e chama a boicotear o proceso do domingo.

O "Chino" desaproveitou case dous meses para negociar unha saída honorable porque non acaba de comprender que o seu momento pasou. "O poder é o maior inimigo do seu dono", din os chineses con milenaria razón. Pero aínda que finalmente as eleccións se celebren o próximo domingo, o repenique está servido. Mentres o "Chino" avanza en caída libre, Alejandro Toledo, o "Cholo", só ten que agardar a que a froita, xa madura, apodreza de seu.

Avogado do Banco Mundial e tenaz defensor das recetas neoliberais do FMI, Toledo, gran admirador de Tony Blair e a súa terceira vía, vai ter a oportunidade de demostrar en pouco tempo como as grandes limitacións existentes en Perú non se refiren exclusivamente á posibilidade de votar en liberdade, senón tamén de elixir un programa de goberno realmente alternativo. O "Cholo", na cresta da ola da esperanza popular, cataliza hoxe o descontento con Fujimori pero dificilmente aportará máis cambios que en formas e talantes. Que xa non é pouca cousa.