Chipre e o derradeiro valado de Europa

Apartados xeográficos ARQUIVO Europa
Idiomas Galego

Será o próximo 28 de Febreiro cando se coñeza finalmente de que xeito entrará Chipre na UE. Esta illa entrará no clube europeo na primeira oleada de alongamento no 2004. Coa súa entrada, remata a situación de ocupación que sofre dende 1974, cando Turquía despregou o seu exército para evitar a anexión da illa durante o golpe de estado efectuado polas forzas militares gregas.

A ONU presentou un plan que atende ao "modelo suizo", cunha proposta de dous cantóns cun goberno común para Chipre. Segundo este plan, Chipre será unha confederación formada por dúas entidades confederadas coas mesmas condicións, unha grega e outra turca, e cun único goberno común. Será, segundo a proposta de Koffi Annan, unha única entidade na esfera internacional e terá un posto na súa organización, falando e actuando cunha soa voz nas súas relacións exteriores e no cumprimento das súas obrigas como estado membro da UE. Grecia e Turquía poderán manter tropas en Chipre, a desmilitarización da illa será, asi mesmo, controlada pola ONU.

Chipre non poderá poñer o seu territorio a disposición de operacións militares que non conten coa aprobación de Grecia e Turquía. A poboación da illa se compón dun 85% de grecochipriotas, 12% turcochipriotas, 3% de estranxeiros (sen incluir os 115.000 colonos turcos establecidos na zona ocupada por Turquía). O acordo será sometido a referendo de ambas comunidades chipriotas.

Erdogan, líder do partido no goberno turco, antes do Cumio de Copenhague, en canto ó asunto de Chipre, dicía apoiar a postura belga de comunidades con autonomía nun mesmo estado, é dicir, separados con igualdade e independencia. Sen embargo, na súa carreira de fondo para forzar unha negociación definitiva para a entrada de Turquía na UE, amosouse aberto a novas propostas. Nesas semanas, e durante o tour que lle levou a visitar as principais capitais europeas, Erdogan afirmaba, que, tras reunirse co seu alter ego grego, Simitas, e tras reflexionar sobre o modelo proposto pola ONU entre ambos, as portas estaban abertas a unha posible solución diplomática.

Esta mensaxe ten dous destinatarios evidentes: Occidente, poñendo a faciana máis dialogante no taboeiro de negociacións, e o exército turco, guardián do laicismo, que mantivo 30.000 membros da súa institución na illa, defendendo intereses estratéxicos turcos. A UE precisaba o apoio de Turquía para negociar a posta en funcionamento da Forza de Reacción Rápida coa OTAN. O acordo foi posible polos pactos formalizados nese cumio, con especial atención ós límites de información que obterían Chipre e Malta, membros da UE, pero non da OTAN. Grecia, sobre todo, quería cubri-las costas en canto a unha posible e futura acción unilateral da Alianza Atlántica na illa.

A política exterior e de seguridade común será operativa en misións de gran escala, podendo acceder ós sistemas de planificación da OTAN e ós seus sistemas comúns.. Por outra banda, nun evidente intento de presionar ós socios europeos, se puido avaliar a unha Turquía negociadora nun tema no que facía pouco era inmutable. Unha suma de factores tan importante sí mudou o resultado, cando menos para Chipre. Como proba desta postura pactista, o representante especial da ONU para Chipre, Álvaro de Soto, recibía unha carta dos representantes turcochipriotas na que lle amosaban a vontade de continuar as negociacións para consegui-la reunificación.

Sen embargo, Erdogan tamén afirmaba que, debido ó recente ingreso nun hospital de Nova Iorque do presidente turcochipriota, Rauf Denktash, e ás propias circunstancias que vivía Turquía en plena voráxine da formación do novo goberno en Ankara, chegar a un compromiso sobre esta illa do Mediterráneo antes da reunión de Copenhague era moi difícil. As súas apreciacións non eran infundadas. Os turcochipriotas pediron un prazo de prórroga á inminente resposta solicitada pola ONU. A pesares disto, o propio goberno turco considera a data do 28 de febreiro moi temperá para adoptar unha postura final e prefiren agradar ata a entrada de Chipre na UE.

A esta espera, únese a coñecida postura contraria á unificación do líder da República Turca do Norte. Denktash asegura que o plan da ONU está "cheo de trampas" e que en caso de asinarse cos extremos recollidos na actualidade, os turcochipriotas deberían "abandoa-la illa". Erdogan acusou a Denktash de querer antepoñer os seus intereses persoais de manter dividida a illa ás preferencias do pobo turcochipriota e ós propios de Ankara, favorable a que se chegue a unha solución para Chipre.

Presionado pola UE, Erdogan, indicou que é hora de que o seu país "cambie a infructuosa postura que mantivo durante corenta anos". Turquía é o único país que recoñece a República turca de Chipre, establecida en 1983 e que non foi aceptada na ONU. Erdogan incluso chegou a ameazar con que "as cousas se porían feas" de non aceptarse o plan da ONU e rexeitou a política que se desenvolveu a propósito de Chipre nos últimos 30 anos. Clara mostra da postura da poboación turcochipriota, foi a manifestación na parte norte de Nicosia en decembro, que reuniu a 20.000 persoas. Milleiros de turcochipriotas esixiron noutra manifestación, o 14 de xaneiro, unha illa unida e a demisión de Denktash.

Neste contexto, Cleredis anunciou ó primeiro ministro grego, a súa intención de presentarse novamente ás eleccións na illa o 16 de febreiro deste ano, a pesares da súa avanzada idade (82 anos), razón pola cal permanecerá no cargo 16 meses, en caso de ser elixido, e non 5 anos. Contribuiría asi a completa-lo proceso de reunificación da illa, instalando un novo goberno nacional na zona. Grecia se mantivo favorable ante a decisión do xefe de goberno grecochipriota, anque, en teoría, non se inmiscúe en asuntos internos da illa, e teme as loitas entre as faccións do partido sobre esta cuestión, temores fundados se temos en conta que os principais partidos da oposición (AKEL- comunista- e DEKO- centristas-) rexeitaron a proposta de goberno de unidade nacional.
Nunha entrevista a Yorkos Papandreus, este declaraba que a illa mediterránea debe entrar reunificada e que non deben existir máis valados. Para o político grego, o cambio na postura turca é debido fundamentalmente ó cambio de goberno e á postura claramente pro-europea que adoptaron os mandatarios de Ankara. De seguir as premisas do plan de paz de Annan, ben sexa o 28 de febreiro ou coa entrada na UE no 1 de maio, cunha illa desmilitarizada e en paz, atopariamonos ante un paso adiante decisivo nas relacións entre Grecia e Turquía.

Ábrese unha oportunidade para Chipre. Se a illa se incorpora unida á UE en 2004, Europa non soamente contará cun socio máis, tamén cun valado menos.