A Axencia Brasileira de Intelixencia (ABIN), aparece chea de buratos na seguridade informativa, perforada por Axentes Secretos norteamericanos. O que foi xefe do FBI durante o mandato de Fernando Henrique Cardoso e tamén nos 10 primeiros meses da presidencia de Lula, asegura que os axentes norteamericanos practican escoitas telefónicas no Planalto e no Palacio de Itamaraty, sedes da Presidencia de Goberno e do Ministerio de Asuntos Exteriores.
Carlos Costa, recentemente xubilado logo de 22 anos de traballo nos servicios de contraespionaxe norteamericano, que nos últimos tempos desempeñou a xefatura do FBI no Brasil, acaba de denunciar nunha longa entrevista, publicada no semanario Carta Capital, que as policías civís e militares dos estados brasileiros son transparentes e traballan para os EEUU.
Logo de verter duras críticas e descualificacións cara a Administración Bush, "ignora como é o mundo, ignora como é América Latina", anunciou que a Policía Federal Brasileira recibira no 2003 un total de 8 millóns de dólares, provenientes da DEA e da división de narcóticos. "Con este prezo, temos comprada á Policía Federal que traballa para nós"…
Cun nivel de franqueza sorprendente, o axente, que vén de xubilarse en outubro de 2003, asegurou tamén que nunca, nin a CIA, nin o FBI, tiveron informes da existencia de armas de destrucción masiva en Iraq, pretexto utilizado para reactivar a Guerra do Golfo.
Baixo a identificación, aparentemente oficial, de diplomáticos agregados ou asistentes, móvense con absoluta liberdade por Brasil, recibindo informacións permanentes da ABIN. Teñen total liberdade para cumprir ordes emanadas en territorio norteamericano, para poder localizar a cidadáns brasileiros, para dirixir investigacións, para deter… como se estivesen nos EEUU.
O sorprendente idilio Lula-Bush, xa pasou da etapa de respectuoso e mutuo piropeo. No último mes, desde a Administración Norteamericana, envorcada na súa cruzada anticomunista, se alzaron novas voces moi críticas contra do Goberno do PT, ao que volveron a situar no eixo do mal latinoamericano, formando parte dun anacrónico triángulo pechado con Chávez e Fidel Castro.
A decisión de tintar o dedo dos norteamericanos que chegan ao Brasil, para súa identificación, a imaxe e semellanza do que fan as autoridades inmigratorias norteamericanas, cos brasileiros que chegan aos EEUU, magoou o orgullo da maior potencia mundial.
Pero o viacrucis que está a pasar Bush en Latinoamérica, se complica definitivamente anunciando un calvario para os próximos meses. Lula, Chávez, Kirchner, Lucio Gutiérrez, como presidentes en exercicio. Dos fieis como: Mateo Alemán, Sánchez Lozada ou Toledo; un está condenado a 20 años de cárcere, outro caeu e o último abanea. Uruguai prepárase para o ascenso ao poder dos herdeiros dos Tupamaros, os socialistas chilenos no queren quedar fora de xogo da nova dinámica latinoamericana e comezan achegamentos programáticos con Kirchner…
Segundo o ex-xefe do FBI, " o goberno de Lula non é consciente da profundidade dos buracos nos seus servicios secretos, nin da dependencia que as policías teñen dos EEUU".
Se se confirman as denuncias de Carlos Costa, Brasil se encamiña a marcar novas distancias con EEUU. Quizais por todo isto, o clamor sobre o desastre da política exterior norteamericana, que aumenta, cada día máis, intrafronteiras da superpotencia. John Kerry e John Edwards, xa teñen expresado a súa preocupación, e mesmo a súa indignación.