Clark e Clark nos EEUU

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

"Nos 34 anos que estiven no Exército tiven que despachar asuntos como a calidade de vida, a educación e a saúde", presentouse perante o votante o ex xeneral Wesley Clark, candidato demócrata en alza á Presidencia dos EEUU. Nada se sabe sobre o labor de Clark nestas materias, destinadas na administración estadounidense a carteiras marxinais. Wesley Clark si despachou, porén, escolas, hospitais, pontes, estradas, fábricas e outras instalacións civís durante os bombardeamentos da OTAN sobre Iugoslavia en 1999. Sí houbo que lamentar danos persoais, os célebres danos colaterais polos que os civís foron convertidos en obxectivos das bombas. Clark era o máximo mando militar da OTAN na campaña de Cosova, a representación do goberno Clinton no campo de bombardeamento.

Arroupado polo equipo político do irreflexivamente añorado presidente ("Cando Clinton mentía, ninguén morría" é o chiste de moda dos desmemoriados Demócratas), Clark recolle agora os apoios doutros irreflexivos. Ocorre así a nivel popular e mobilizador cando o director de cine Michael Moore (adaíl da esquerda estadounidense, un Oscar, "Bowling for Columbine") pide nunha carta aberta o voto para "o meu querido xeneral", porque el se opuxo á guerra, afirma. E porque "tempos desesperados chaman medidas desesperadas".

Clark, afeccionado ás roldas de prensa dende os tempos de Cosova, onde nunca deu explicación ningunha sobre as víctimas civís, exerceu como comentarista da CNN durante a ofensiva militar contra Iraq. No que era xa a súa pre-precampaña, criticou non tanto as razóns, non dende logo a súa ilexitimidade e ilegalidade, como a estratexia militar trazada polo Pentágono e a ausencia dun plan de paz "saída dos estadounidenses, vivos- para o país. Posteriormente, ratifícase: "o perigo en Iraq está claro, que unhas organizacións terroristas poidan perturbar os esforzos de milleiros de soldados e miles de millóns de dólares". Conclúe, "eu o tería feito diferente", argumento extendido entre unha populosa, populista, progresía: "saiu mal", porque estamos morrendo nós. O que saiu mal estaba "ben" porque Saddam era malo e ademais tiña, seguramente, ou quería ter armas que… etc, etc.

Wesley Clark non é Ramsey Clark, ex Fiscal Xeral do Estado de Kennedy e animador de decenas de batallas cívicas contra o imperialismo estadounidense, de Vietnam a América Latina, de Iraq a Iugoslavia. Dende o Centro de Acción Internacional, IA Center, Ramsey encabezou iniciativas como a creación dun Tribunal Internacional para os Crimes na Guerra do Golfo ou a posta en marcha doutro para os Crimes de Guerra da OTAN en Iugoslavia. É a oposición á guerra no ámbito xurídico.

Ramsey é un home que apunta aos Wesleys: criminais de guerra amparados polas leis de inmunidade estadounidenses, glorificados polo bombardeamento ilegal de Serbia, que foi piadosamente demandado por esa progresía que non atopa outra maneira de sacar a Bush da Casa Branca que a morriña por guerras que si "estiveron ben" e que apoiou "todo o mundo". Falacia revisionista utilizada tamén polo presidente español para xustificar a guerra contra Iraq. En España, as enquisas amosaban en 1999, como en 2003, unha das porcentaxes máis elevadas de Europa no rexeitamento da campaña da OTAN, e Defensa vía con preocupación a caída de aspirantes ao novo exército profesional dende o comezo da guerra de Cosova.

Os de Wesley, constrúen agora a imaxe política que non ten, a través do peso histórico do presidente Eisenhower e organizan unha colecta co nome "Warriors for Wes", Guerreiros de Wesley. Décadas de xuízo liberal condeando aos países que se deixan gobernar pola relixión (ayatolas) ou polo Exército (comandantes e Juntas), os reximes, para entregárense a unha esperanza branca de catro estrelas.

W. Clark, votante de Nixon e Reagan, Demócrata dende hai dúas semanas, abriu campaña no Parque da Segunda Guerra Mundial de Little Rock autodefiníndose como "o líder visionario quen de garantir a seguridade do noso país", dándolle á súa candidatura a fachenda militar que tanto fascina a moitos estadounidenses, mesmo se son de mentira como Schwarzenegger.