Claroscuros en Caracas

Resulta indubidable que o “chavismo” liderado polo presidente Nicolás Maduro afronta o seu momento mais decisivo, polarizado por un contexto determinado por todo tipo de presións, incertezas e complexidades. Este escenario afecta incluso a un dos seus piares básicos, sendo estes os programas sociais. Un recente estudo elaborado por dúas universidades venezolanas, a Universidade Simón Bolívar (USB) e a Universidade Católica Andrés Bello (UCAB), revelou unha sensible caída no número de venezolanos atendidos polas misións sociais impulsadas polo “chavismo” desde a súa chegada ao poder en 1999. Este estudo cifra esta redución nun 19,5% dos atendidos (unhas dúas millóns de persoas) co respecto aos niveis de cinco anos atrás (mais de 2 millóns e medio de beneficiarios). Paralelamente, este estudo considera que existe un alto nivel de politización dentro das misións sociais, así como preocupantes problemas na súa xestión e administración.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave crise Venezuela
Idiomas Galego

Resulta indubidable que o “chavismo” liderado polo presidente Nicolás Maduro afronta o seu momento mais decisivo, polarizado por un contexto determinado por todo tipo de presións, incertezas e complexidades. Este escenario afecta incluso a un dos seus piares básicos, sendo estes os programas sociais. Un recente estudo elaborado por dúas universidades venezolanas, a Universidade Simón Bolívar (USB) e a Universidade Católica Andrés Bello (UCAB), revelou unha sensible caída no número de venezolanos atendidos polas misións sociais impulsadas polo “chavismo” desde a súa chegada ao poder en 1999. Este estudo cifra esta redución nun 19,5% dos atendidos (unhas dúas millóns de persoas) co respecto aos niveis de cinco anos atrás (mais de 2 millóns e medio de beneficiarios). Paralelamente, este estudo considera que existe un alto nivel de politización dentro das misións sociais, así como preocupantes problemas na súa xestión e administración.

Nunha perspectiva levemente similar ao estado das misións sociais(1) debe observarse a polarización sobre a popularidade de Maduro. A comezos de marzo, a publicación dunha serie de enquisas de opinión pública en Venezuela, destacando a elaborada pola empresa Datanálisis, ilustraron unha complexa situación para o “chavismo post-Chávez” liderado polo presidente Nicolás Maduro. Neste sentido, a correlación de simpatizantes do “chavismo” focalizouse en case un 40%, toda vez a popularidade de Maduro recuperou levemente o seu nivel ata focalizarse nun 25%(2). Nesta enquisa, a cifra de enquisados que se declararon abertamente como “chavistas” caeu a un 28,5%, o índice mais baixo nunha década.

Independente dos estudos e das enquisas, o “chavismo” segue mantendo a súa preponderancia e hexemonía política, toda vez a oposición venezolana segue amosando notables síntomas de debilidade e división nos seus liderados, sen achegar un proxecto estratéxico de desenvolvemento que pode constituírse nunha alternativa crible ao “chavismo”. Paralelamente, a detención de algúns dos seus liderados mais activos e incluso “radicais”, como son os casos do ex alcalde Leopoldo López e do alcalde metropolitano Antonio Ledezma, réstalle capacidade de reacción e mobilización, intensificando a confusión existente sobre a crise política venezolana.

A ausencia física do ex presidente Hugo Chávez obviamente supón un condicionante para o liderado “post-chavista”, imprimindo certo nivel de desconcerto e inquietudes entre a súa militancia sobre a fortaleza do liderado de Maduro. Paralelamente, a crise económica, particularmente determinada pola baixa dos prezos do petróleo (menos de US$ 50 o barril), as distorsións no sistema monetario, escaseza de recursos financeiros e os compromisos de gasto e débeda públicas, dificultan a normalidade dos programas sociais impulsados polo goberno.

Por tomar un exemplo, un dos proxectos estratéxicos, a Gran Misión Vivenda Venezuela (GMVV), avanza con dificultades. Ata o momento construíronse un total de 674.121 vivendas populares(3), mentres a perspectiva é alcanzar mais de catro millóns para o 2019, ano das próximas eleccións presidenciais.

Alén dunha crise socioeconómica cada vez mais abafante, en particular pola cada vez maior escaseza de produtos básicos e os problemas de abastecemento(4), o contexto exterior igualmente amosase contrariado para o goberno venezolano. Das sancións contra funcionarios venezolanos (seis militares e unha xuíz) impulsadas dende Washington polo presidente Barack Obama, xustificando esta decisión a través dunha intrigante perspectiva sobre a presunta “ameaza venezolana á seguridade de EUA”(5), pasouse á inesperada declaración do ex presidente uruguaio Pepe Mújica no relativo as súas inquietudes pola crise venezolana, cuestionando o liderado de Maduro e temendo por un “golpe militar de esquerdas” en Caracas(6).

A realpolitik hemisférica

A mediados de marzo, Caracas acolleu un cumio extraordinario da ALBA orientado a analizar as recentes sancións de Obama e a crise política venezolana. Coa presenza de mandatarios como o cubano Raúl Castro e o boliviano Evo Morales, Maduro recibiu un frontal apoio político, aínda que esta declaración de intencións non escapou da realpolitik hemisférica instalada desde decembro pasado tralo histórico anuncio da apertura entre EUA e Cuba. O obxectivo está claramente deseñado en propiciar un clima de distensión hemisférica previo ao Cumio das Américas a celebrarse o próximo 11 de abril en Panamá, que anúnciase como o escenario chave para dar curso a esta apertura entre Washington e A Habana.

Con diversa intensidade, esta realpolitik hemisférica fraguada nos avances aperturistas entre Washington e A Habana gravita con notable influencia no acontecer da crise venezolana, así como nos pasos a seguir por Maduro. Caracas observa con atención cara onde se dirixe esta apertura cubano-estadounidense, en particular polo devenir dos acordos estratéxicos establecidos entre Venezuela e Cuba desde 2000 e do actual momento de fricción diplomática entre Caracas e Washington.

Coas incertezas deste contexto exterior, Maduro aspira fortalecer os seus resortes internos de poder. Oficialmente, o presidente venezolano conta co apoio da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) así como das estruturas burocráticas gobernamentais e do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV). Non obstante, o empeoramento dos niveis de vida e as acusacións de corrupción dentro do entorno de poder(7) contraen fortemente a súa popularidade, principalmente entre os colectivos populares do “chavismo”.

Con todo, Maduro impulsa medidas reaccionarias que poden fortalecer a súa imaxe e liderado. As constantes acusacións lanzadas polo seu goberno sobre unha conspiración exterior, sinalando un presunto eixe Madrid-Bogotá-Caracas manexado por Washington que focaliza na “guerra económica contra a revolución”, permite a Maduro e o PSUV adiantar unha masiva mobilización popular, tal e como se observou coa recente recolección popular de sinaturas contra o decreto de sancións de Obama. Estas variables lle permiten ao “chavismo” focalizar nun termómetro político con claras expectativas electorais, en particular ante a convocatoria de eleccións lexislativas, en principio estipuladas para o segundo semestre de ano.

Así, a crise venezolana anúnciase como a incómoda convidada do próximo Cumio das Américas, precisamente cando este marco hemisférico aprestase a celebrar a histórica apertura entre Cuba e EUA, a falta aínda por confirmar se finalmente os presidentes Raúl Castro e Obama terminarán reuníndose en Panamá.

A “troika” de Maduro

Velaí que o contexto exterior apréciase inquietante para Venezuela. Previo a este cumio, a inesperada decisión do ex presidente español Felipe González de ocuparse persoalmente da defensa dos opositores venezolanos Leopoldo López (en prisión desde febreiro de 2014) e do alcalde metropolitano Antonio Ledezma (en prisión desde febreiro pasado), atiza aínda mais un panorama sumamente complexo para Maduro, factor que obrigaría a reforzar as súas bases de poder.

Neste sentido, a ecuación de poder en Caracas está practicamente establecida a través dunha troika na que Maduro debe constantemente equilibrar unha balanza que inclúe ao presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello; ás elites de poder existentes; á presenza dos influentes “colectivos sociais”, que definen unha perspectiva de “chavismo popular de base”; e principalmente o papel político que xoga unha FANB que, a todas luces, eríxese como o verdadeiro factor de poder en Venezuela, constituíndose nunha especie de árbitro político con capacidade estratéxica decisiva.

A necesidade de cohesión interna ante a súbita aparición de Felipe González como portador dunha inquietante misión política en Venezuela augura igualmente unha intensificación das friccións e contrariedades do goberno venezolano con países estratéxicos para a súa política exterior, principalmente España e outros países latinoamericanos como Chile ou Colombia.

Neste sentido, e a pesar da existencia de misións da UNASUR e da OEA en Caracas orientadas a tentar alcanzar unha solución política para unha crise con cada vez maior repercusión hemisférica, a participación de Felipe González semella confeccionar unha especie de plataforma exterior (na que se inclúan ex mandatarios como Ricardo Lagos, Fernando Henrique Cardoso ou Óscar Arias), a fin de definir un grupo de presión e vixilancia sobre a crise venezolana, tomando en conta a proliferación de denuncias sobre presunta represión e violacións dos dereitos humanos esgrimidas por Amnistía Internacional e Human Rights Watch.

Se o contexto actual define o momento máis decisivo para un “chavismo” visiblemente orfo dun liderado carismático e enérxico como fora o do desaparecido Chávez, as súas repercusións poden extrapolarse para unha crise venezolana que aumenta a súa intensidade internacional, con preocupantes perspectivas de converterse nun escenario inestable a nivel hemisférico. Se a eventual apertura cubano-estadounidense altera claramente o equilibrio hemisférico, a crise venezolana dirimirá a capacidade de resolución de conflitos por parte dos organismos rexionais e a súa credibilidade e efectividade á hora de estabilizar democraticamente un foco de inestabilidade con capacidade de polarización hemisférica.



(1) ESPAÑA, Luis Pedro N. “Encuesta sobre las condiciones de vida. Venezuela 2014. Pobreza y Programas Sociales”, UCAB, USB, LACSO, COMIR, Red de Solidaridad Ciudadana. Ver en: http://www.rectorado.usb.ve/vida/sites/default/files/pobreza.pdf

(2) “Aprobación de presidente venezolano sube levemente a 25 pct en marzo. Sondeo”, Reuters América Latina, 24 de marzo de 2015. Ver en: http://lta.reuters.com/article/topNews/idLTAKBN0MK25K20150324

(3) Datos oficiais do Ministerio do Poder Popular para o Ecosocialismo, Hábitat e Vivenda. Ver en: http://www.mvh.gob.ve/. No marco das misións sociais, e seguindo co estudo anteriormente citado de Luis Pedro España, a GMVV ocupa o 41% dos recursos gobernamentais destinados a gasto social, razón que explica o seu peso estratéxico para o goberno de Maduro.

(4) A enquisa de Datanálisis revelaba nun 57% o índice de escaseza de produtos en Caracas. Pola súa banda, a enquisadora Grupo de Investigación Social Siglo XXI (GIS XXI) considerou nunha enquisa de febreiro pasado, que o 40% dos venezolanos consideran que o principal problema nacional é o desabastecemento e a escaseza de alimentos. Consultar: http://www.gisxxi.org/  

(5) Diversos sectores, principalmente opositores, dan a entender que eventualmente as sancións de Obama contra os funcionarios venezolanos tiveran como colofón a preocupación en Washington sobre os acordos estratéxicos entre Venezuela e Irán establecidos desde 2006 baixo as presidencias de Chávez e MahmudAhmadíneyad. Neste sentido, dende Washington foméntase a perspectiva, escasamente fundamentada, de que Caracas presuntamente facilita a Teherán uranio enriquecido para o seu programa nuclear proveniente da rexión de Guayana, ao sur do país suramericano. Así, a hipotética vertebración dunha presunta implicación iraniana en Venezuela faría causa común coa presión que mantén Washington contra o goberno arxentino de Cristina Fernández de Kirchner sobre o polémico “caso Nisman”, en relación ás investigacións do fiscal Alberto Nisman (aparecido morto o pasado 19 de xaneiro) sobre as presuntas conexións entre Teherán e Bos Aires para que o goberno de Fernández de Kirchner encubrira e entorpecera as investigacións sobre os atentados terroristas na mutual xudía AMIA en 1994, das que se acusa ao movemento libanés Hizbulá co presunto apoio de Teherán, a cambio de cooperación enerxética iraniana. En Washington enfócase con cada vez maior intensidade a presunta perspectiva dun acordo tácito establecido con anterioridade entre Chávez, Ahmadíneyad e Fernández de Kirchner para presuntamente encubrir aos responsables do atentado.

(6) “Pepe Mújica teme un golpe de militares de izquierda en Venezuela”, Clarín (Arxentina), 26 de febreiro de 2015. Ver en: http://www.clarin.com/mundo/Presidente-Uruguay-Jose-Mujica-teme-golpe-estado-Venezuela-militares-izquierda_0_1310869118.html

(7) Neste apartado destacan as denuncias establecidas a mediados de marzo polo Servizo de Prevención de Branqueo de Capitais (SEPBLAC) contra outros sete funcionarios e empresarios venezolanos provenientes do entorno de Chávez de presunto lavado de diñeiro no Banco Madrid, filial do recentemente intervido Banco Privat d´Andorra, e que complementan as denuncias realizadas por Leasmy Salazar, ex membro de seguridade de Chávez e Diosdado Cabello, e que desertou a EUA en xaneiro pasado. Salazar acusou a Diosdado Cabello e varios membros do goberno e da FANB de presuntamente formar parte dun cartel de narcotráfico. Con anterioridade, as filtracións elaboradas pola “lista Falciani” sobre evasión fiscal informaron que o goberno de Chávez presuntamente ocultou cando menos 15.000 millóns de euros no banco británico HSBC na súa sede en Xenebra (Suíza) Entre os colectivos do “chavismo popular de base” increméntase un forte descontento cara os sectores de poder enriquecidos nos derradeiros anos en Venezuela, un aspecto que obviamente polariza a popularidade de Maduro e a súa capacidade de acción.