Clinton e a identidade rusa

O primeiro encontro formal celebrado polos presidentes estadounidense e ruso non rematou con grandes acordos, pero si serviu para ubicar o núcleo central das relacións futuras entre Rusia e Occidente. Por riba da constatación das discrepancias existentes nalgunhas materias -Balcáns ou Cáucaso-, Bill Clinton expresou, como xa fixeran outros líderes occidentais con anterioridade, o seu total apoio ó novo inquilino do Kremlin. Tamén Putin, agradecido, salientou a continuidade esencial do compromiso exterior de Rusia.

A preeminencia informativa dos contidos propiamente armamentísticos contemplados na axenda xestionada por Strobe Talbott, experto en asuntos rusos de Washington, e Sergei Prikhodko, axudante en xefe da política exterior de Putin, deixou transparentar un equívoco sabor a pasado, a cando as dúas superpotencias aínda administraban o medo nuclear universal. Hoxe a realidade dista moito desa apariencia e sobre todo botouse en falla a simetría que entón era admitida con gran unanimidade e respecto. Rusia, realmente a pracer nese escenario, quedou sen mundo propio e esa carencia de identidade lastra aínda o seu presente.

Pero debe ser a política e non a defensa quen defina o auténtico calado desta viaxe, de despedida para Clinton pero de benvida para Putin. Cando nas chancelerías occidentais, a pesar do convencemento da necesidade de poñer orde na caótica economía rusa, medra o temor a unha hipotética deriva autoritaria da política rusa, a esa progresiva aposta por unha modernización restrictiva das liberdades aínda conservando as características formais da democracia, e mesmo que se acepte parasitar naquel populismo antioccidental tan bo de exacerbar na sociedade rusa, Clinton, en público e en privado, convidou a Moscova a derrubar as ultimas fronteiras e a formar parte dunha Europa entendida non coma un concepto xeográfico senón político, deixando entrever a gran asignatura pendente desa transición que Rusia, contemplada desde aquí, aínda non acometeu na súa totalidade.

Pero Occidente é un enorme filón político para Putin. Dunha banda, poucos discuten en Rusia que foron os seus consellos quen levaron o país á ruina e empobreceron a unha gran maioría da poboación. Doutra, que esa debilidade foi aproveitada para mutilar gran parte do seu territorio e achegar a OTAN ata as súas proximidades. Volver a contar con voz propia no sistema de relacións internacionais é unha reivindicación que enche de orgullo e motiva a unha sociedade humillada. A mensaxe de Clinton chama a pechar esa discusión promovendo a recuperación daquel escenario decimonónico no que Rusia era parte indiscutible do vello continente. En suma, que Rusia non debería porfiar na busca dunha identidade diferenciadora que lle obrigaría a retomar a forza da discrepancia, senón sumarse ó clube mundial de estados europeos e occidentais e aceptar o liderato de Washington. Pero se o discurso ten o seu feitizo, non parece cousa fácil que se abra camiño e non unicamente na Rusia de Putin. No imaxinario de moitos líderes europeos aínda pulula esa asociación de Rusia e anti-Europa, tan eficaz dende os tempos de Schuman e Adenauer.