A cidadanía caboverdiana será chamada ás urnas nos próximos 22 de xaneiro e 12 de febreiro para decidir, no primeiro caso, que partido ou partidos deberán contar con maioría de asentos na Assembleia Nacional e conformar o Governo e, no segundo caso, quen deberá asumir a Presidência da República.
O período preelectoral está a decorrer con calma e normalidade nun Estado que, convén lembrar, vive xa as súas cuartas eleccións democráticas desde que en 1991 foi ultrapasado o monopartidismo e que, tamén, xa mudou por dúas veces e sen traumas a cor maioritaria do lexislativo e, do mesmo modo, a cor partidaria do executivo e da Presidência.
No entanto, a cidadanía caboverdiana podería facer historia no próximo 12 de febreiro se os seus votos estabelecesen, por vez primeira, diferentes cores partidarias no Governo e na Presidência. Sería a estrea, en Cabo Verde, do fenómeno coñecido por cohabitación, cuxas consecuencias político-institucionais son difíciles de prever atendendo á falta de precedentes. Non obstante, a madureza demostrada pola democracia caboverdiana nos últimos 15 anos constitúe sólido alicerce para o optimismo.
Nas eleccións lexislativas do 22 de xaneiro a loita prodúcese, esencialmente, entre dous partidos, o Partido Africano para a Independência de Cabo Verde (PAICV), membro da Internacional Socialista e actualmente no goberno, e o Movemento para a Democracia (MpD), membro da Internacional Demócrata do Centro e aspirante a asumir un goberno que xa lle correspondeu entre 1995 e 2001. Ambos os dous concentran a grande maioría dos votos caboverdianos (máis do 80% nas últimas lexislativas) e ambos teñen posibilidades de obteren a maioría absoluta dos asentos da Assembleia Nacional e, por tanto, de formaren un goberno monocromo.
Con todo, esa mesma igualdade entre o PAICV e o MpD podería vir a atribuír un papel extraordinariamente relevante a algún dos tres pequenos partidos que tamén aspiran a obter algún asento na cámara lexislativa, se os seus deputados resultasen decisivos á hora de constituír unha maioría parlamentar. Nese caso, o Partido da Renovação Democrática (PRD), a União Cristã Independente e Democrática (UCID) e o Partido Social-Democrata (PSD) até poderían ter posibilidade de atinxir algún posto gobernamental.
No plano presidencial terá lugar un novo confronto entre Pedro Pires e Carlos Veiga, que xa disputaron a Presidência da República nas eleccións de 2001 tendo vencido, na altura, Pedro Pires en segunda volta e por unha marxe verdadeiramente escasa (o 0,01% dos votos).
Nesta ocasión, non haberá outros candidatos, contando Pedro Pires co apoio do seu partido, o PAICV, e tamén do PRD e do Partido do Trabalho e Solidariedade, que non concorre nas próximas lexislativas; e contando Carlos Veiga co apoio do seu partido, o MpD e, no mínimo, tamén dalgunhas figuras destacadas do PCD.
Na vitoria do candidato do PAICV ou do MpD probabelmente serán fundamentais dous factores: o apoio con que conten estes partidos e a preferencia por un Presidente máis dado á intervención máis directa, Pedro Pires, ou á influencia máis sutil, Carlos Veiga.
En resumidas contas, encontrámonos ante unhas eleccións que, aínda que de resultados incertos, posibelmente axustados e quizá históricos, non porán en causa unha democracia que se mostra sólida e que tan bos resultados económicos, sociais e culturais está a dar a Cabo Verde. Un país que, por proximidade cultural en xeral e lingüística en particular, e por todo o beneficio que de aí se podería tirar no resto de ámbitos, merece toda a atención da cidadanía e institucións galegas. Atención que na actualidade lle é negada, tirando excepcións que, infelizmente, resultan tan notábeis como escasas.