Se González fora "pedichón" en Europa, un tanto do mesmo está a facer Uribe nos Estados Unidos. Tal semella que o seu goberno efectivamente está a obter réditos logo do incondicional apoio que prestara a Bush na guerra contra o Iraq. Na visita do pasado xoves a Washington, o actual presidente colombiano ven virtualmente de asinar un pacto cos congresistas daquel país, polo cal, a presencia do continxente militar estadounidense en Colombia, será multiplicado. Uribe amosouse encantado: "Colombia contémplao ben, e sen ningunha preocupación".
A inxerencia militar norteamericana no Estado latinoamericano é a resposta á estratexia do Plan Colombia pactado polos ex presidentes Pastrana e Clinton. O Congreso de Estados Unidos aprobou o plan coa explícita condición de que Colombia habería de recibir cos brazos abertos os investimentos do norte, particularmente no que atinxía á explotación petroleira, un apetitoso bocado si temos en conta a grande cantidade de reservas que se conservan nos depósitos colombianos. USA contribúe co Plan en 1.574 millóns de dólares dun total de 5.. Polo de agora, os cartos vagamente foron investidos nas propostas iniciais que motivaran o tratado: saúde, educación, desenvolvemento. A realidade é outra: os fondos previstos refinanciar a guerra e impulsan o rearme xa no só do Exército, senón tamén dos grupos paramilitares. O orzamento dispersa-se investido nun sofisticado arsenal e na compra de megatecnoloxía bélica, os Huey e Black Hawk.
O Plan Colombia está a se desenmascarar coma a continuación da inxerencia norteamericana en Colombia e nos países do Triángulo Radical. A sempiterna política intervencionista da Casa Branca, resposta neste caso, non á loita antinarcóticos, senón á aniquilación dos insurxentes representados nas FARC de Vélez Tirofijo. Os militares norteamericanos comparecen no turbulento e selvático entorno das acomodaticias guerrillas para estender os seus tentáculos para Venezuela e Ecuador, países hostís. Todo en pro de confinar a insubordinación á illa cubana e de conter a propagación do descontento esquerdista, populista e bolivariano no Perú, Venezuela, Arxentina, Bolivia, Colombia e Ecuador.
Entrementres, o goberno colombiano solicita a mediación militar norteamericana cunha granizada de millóns de dólares, armas e glifosatos que carbonizan os campos orballando de morte todo cultivo, legal e ilegal e precipitando, por senón abondara, unha deterioración medio ambiental que, traspasando fronteiras está xa a se deixar sentir no Ecuador. Sobre o papel, as estratexias do Plan Colombia céntranse na loita antinarcóticos, na reactivación económica do país, na reforma da Xustiza, na protección dos Dereitos Humanos, na democratización e no proceso de negociación para a paz. Mais os resultados obtidos ate o de agora, rearme e fumigacións indiscriminadas, deixan ao descuberto outra liña de actuación ben diferente.
Colombia é un país con máis de tres millóns de desprazados, numerosas masacres e secuestros por ano, nove millóns de desempregados, delincuencia desorganizada, clases políticas corrompidas, guerrillas imperecedoiras, xustiza inoperante, impunidade en estado puro, escuadróns da morte, débeda externa dificilmente concebíbel e narcotráfico. Para máis inri, intervido militarmente polos Estados Unidos.
As Autodefensas Unidas de Colombia (AUC), usufructuarias da violencia por delegación e herdeiras dos matóns da época da Violencia que amedrentaban aos campesiños das terras dos facendeiros, seguen sendo extraoficialmente protexidas polo Estado, indiscutiblemente vencelladas ás forzas armadas, ao narcotráfico e ás matanzas de campesiños. Máis Uribe, sen tan sequera se ruborizar, parece secundar a oferta que as AUC propuxeron ao goberno USA, para participar nas negociacións de paz abertas entre as autoridades colombianas e os paramilitares. Pola súa banda, o Departamento de Estado norteamericano, mantense firme, ou alomenos iso aparenta, na súa decisión de non cooperar cos terroristas, dun e doutro bando, tanto das FARC coma das AUC. Entrementres, Kofi Annan, Secretario Xeral das Nacións Unidas, segue a se laiar polas "graves violacións" perpetradas contra dos Dereitos Humanos en Colombia, segundo comentaba hai poucos días. Mais Uribe, volta a quitar da manga unha coartada: "non se pode solucionar o problema en catro anos" di, engadindo "o meu goberno pode cometer erros. Son un ser humano, un loitador", e rematando coma segue: "Colombia está envolta nunha única loita, na loita antiterrorista". Así as cousas⦠¿En que lugar fica postergada, para o goberno que preside, a loita contra o narcotráfico? No mesmo que supón combater aos seus protexidos grupos paramilitares, casualmente, primeiros exportadores mundiais de cocaína.