Os comicios lexislativos celebrados o pasado domingo en Colombia abriron diversos escenarios políticos e electorais, en particular de cara ás eleccións presidenciais do próximo 30 de maio. Tendo en conta os resultados obtidos, o “uribismo” e os seus aliados conservadores controlarán comodamente ata o 2014 tanto o Senado como a Cámara de Representantes.
Descifrando unha primeira lectura en clave electoral, aínda que sen gañar con contundencia como en eleccións anteriores, estes comicios consolidaron a fortaleza política do gobernamental Partido Social da Unidade Nacional- Partido da U. Repetindo maioría parlamentaria, o “uribismo” estará representado polo ex ministro de Defensa Juan Manuel Santos, sinalado como o “delfín político” do presidente Álvaro Uribe Vélez.
Imposibilitado constitucionalmente para un terceiro período presidencial, Uribe define agora o seu futuro político como posible “poder na sombra” que conduza as alianzas políticas necesarias. Así, Santos non só necesitará do respaldo unánime do “uribismo post-Uribe” (un escenario que pode ser volátil), senón que tamén urxirá dunha estratexia de achegamento cara un resucitado Partido Conservador (PC), un dos sorprendentes triunfadores da xornada electoral, disputando a hexemonía parlamentaria ao “uribismo”.
Paralelo aos comicios lexislativos, o PC realizou unha consulta interna preelectoral, amosando unha dura polarización entre os candidatos Andrés Arias e Noemí Sanín. Entre Arias e Sanín se definirá se o PC apoiará ou non a Santos. Arias declarou a súa disposición de apoiar a Santos nas próximas eleccións presidenciais, caso contrario de Sanín, crítica co “uribismo” e quen denunciou diversas irregularidades nas primarias do PC, a favor de Arias.
Todo isto ilustra un agudo proceso de “dereitización” na política colombiana, así como diversas variables de cara aos comicios presidenciais. Santos espera unificar o apoio de diversas forzas da dereita, incluído o polémico Partido de Integración Nacional (PIN), acusado de posuír vínculos cos paramilitares.
Deste modo, o PIN converteuse noutro dos triunfadores electorais ao obter un sorprendente cuarto lugar. Un 30% do actual Congreso colombiano está sendo investigado por conexións derivadas da “parapolítica”, polo que a presenza do PIN na próxima lexislatura evidenciaría o alcance dos resortes políticos do “paramilitarismo”.
No apartado das forzas independentes e de esquerda, aparecen variables que contrastan a súa real capacidade de mobilización electoral contra a aparente fortaleza da plataforma de forzas da dereita. Aprécianse liderados alternativos, como o aparecido nas primarias internas do Partido Verde (PV), que consolidou a candidatura do ex alcalde bogotano Antanas Mockus, un dos políticos máis populares do país, reforzando así as súas expectativas presidenciais.
Paralelamente, o Partido Liberal mantén os seus escanos mentres apréciase unha baixa do Polo Democrático Alternativo (PAD), con escasas posibilidades de disputar seriamente a presidencia contra Santos e os seus presumibles aliados. Así, as forzas centristas e de esquerda están á expectativa da candidatura do independente Sergio Fajardo, ex alcalde de Medellín e abandeirado do Compromiso Cidadán (CC) e da Alianza Social Indixena.
Pero o CC non obtivo grandes avances nas lexislativas, sendo incluso eclipsado polo ascenso de Mockus e o PV, o cal resta peso ás aspiracións presidenciais de Fajardo. Igualmente, o feito de que se presentara un 10% de votos inválidos manifesta unha posición crítica da cidadanía colombiana con respecto ao seu sistema electoral.
Así, a Colombia “post-Uribe” identifica un forte perfil dereitista, salpicado con denuncias de autoritarismo, corrupción e a “parapolítica”, legado do actual presidente. Coa máis que probable vitoria de Santos nas presidenciais de maio próximo, parece seguro que o “uribismo” seguirá marcando as pautas principais da política colombiana, aínda que coa incerteza sobre a consolidación da súa hexemonía política sen a candidatura do seu líder máximo.