Colombia en Plan de paz

Colombia é sinónimo en todo o mundo de narcotráfico e violencia. Non se trata dunha imaxe "fabricada" polos medios. As organizacións humanitarias falan duns 25.000 mortos por ano a consecuencia do conflicto civil e preto de 1.300.000 desprazados dende 1985, unha cifra a todas luces desmesurada e que da conta da gravedade do conflicto interno que sacude este país. A primeira e principal víctima desta situación é a sociedade colombiana. Vera Grabe, membro do movemento guerrilleiro M-19, figura especialmente próxima nos últimos anos á defensa dos dereitos humanos, describe a cruel naturaleza desta guerra: "Exército, guerrilla e paramilitares non combaten entre sí, senón que actúan sobre a xente, cobrándose contas e obrigándoa a tomar partido por un ou outro bando da contenda". Ou estás comigo ou eres o meu inimigo.

Pero tamén existen correntes de paz en Colombia. Se a violencia se cronifica e mesmo se expande, é tamén verdade que na última década emerxeu un movemento pacifista que tivo éxitos tan importantes como a desmobilización de oito grupos armados, a promulgación dunha nova Constitución e mesmo a proliferación de multitude de organismos civís que concretaron ese compromiso de participación dos cidadáns na loita pola non violencia. Nestas dinámicas atópanse os fundamentos reais para unha paz duradeira. Agora ben, o pulso entre ambos fenómenos contradictorios, a cohabitación entre os pulos pacifistas e tan asentada traxectoria de guerra civil, precisa tempo interno, recursos económicos e un enorme compromiso internacional.

Son máis de 15.000 os guerrilleiros en armas e o narcotráfico move diariamente millóns de dólares. A ese poder do diñeiro e das armas súmase agora outro poderoso axente externo que combina as dúas variables, para "pacificar" o país. Co seu Plan de axuda a Colombia, Estados Unidos privilexia os posicionamentos máis belicistas, aínda a risco de exacerbar as tensións internas. E a poboación terá que volver a decantarse: ou se está cos "gringos" ou se está contra eles.

O conflicto colombiano precisa da implicación da comunidade internacional. A loita contra o narcotráfico forma parte desa axenda global que unicamente pode resolverse no marco dunha solución mundial e multilateral. Resultará difícil gañar esa batalla simplemente con armamento, pesado ou lixeiro, por moi sofisticado que sexa. Europa, que ofreceu apoio político a este Plan sen comprometer recursos financeiros, podería reforzar outra estratexia, de aposta pola construcción cotidiana da paz, asumindo que se trata dun proceso no que día a día haberá que gañar pequenas batallas, con procesos locais, urbanos e campesiños, sen a espectacularidade que prometen os episodios de violencia desta nova intervención americana no Cono Sur, pero sen dúbida con maior eficacia a medio prazo.