Colombia

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Das desgracias que asolan a tantos países, ningunha me conmove tanto como a de Colombia. Unha violencia endémica e atroz destrúe toda posibilidade de vida digna, de creación de riqueza, de construcción dun futuro. E iso acontece nun país poboado por xentes de talento, de alto nivel social e cultural, que se ven forzados a fuxir a outros países, onde fan traballos que na súa terra non farían xamais.

O que fai especial, no meu entendemento, a traxedia colombiana é que en gran parte é resultado dunha política de dubidosa lóxica, imposta a Colombia desde o exterior xa fai moitos anos. Refírome á "ilegalización" das drogas. E se poño comillas na palabra ilegalización é porque, ó mesmo tempo que se prohíben unhas drogas, outras bastante semellantes son non só permitidas senón incluso financiadas con cartos públicos da seguridade social en distintos países occidentais. Sen isa cantidade de diñeiro ilegal que inunda Colombia o problema da violencia e da división social sería moitísimo máis tratable.

Semella iluso pensar que ese diñeiro negro da droga fica en Colombia. Boa parte del, acaba nos países ricos e estables, onde as inversións son máis seguras. Recentemente El País publicaba un informe que concreta e denuncia públicamente o que xa sospeitábamos: a explosión constructiva nas nosas costas mediterráneas foi realizada con fondos de dubidosa orixe. Conta a reportaxe cómo moitas autoridades españolas miran a outro lado cando alguén aparece cuns millóns de euros, para construir un hotel ou unhas vivendas de luxo. Banqueiros, políticos, forzas de seguridade, por distintas razóns, prefiren non menear un tema que tan aparentes beneficios procura en distintas rexións. A impresión que un saca da reportaxe é que certos países lévanse a desolación e a ruina, outros a riqueza. Riqueza, por outra banda, fugaz e destructiva.

Non é difícil imaxinar as consecuencias a medio prazo da instalación en España de semellantes mafias. Son tantos os cartos que sen control flúen que o corrompen todo, a política, a xudicatura, as forzas de seguridade. No ámbito da economía, quen xoga dacordo ás regras non pode competir en equidade con quen manexa diñeiro negro.

En canto ó país andino, tales son as calamidades que o destrozan que eu pregúntome se non sería mellor arriscarse á ira do mundo, e liberalizar as drogas. Implicaría, supoño, o seu ostracismo durante un certo tempo, pero ¿poden ir alá pior as cousas?