Comeza a campaña do referendo en Alxeria

O próximo xoves iniciase a campaña do referendo sobre a Lei de Concordia Civil – iniciativa do presidente Abdelaziz Buteflika adoptada pola Asemblea Nacional Popular –
que se celebrará o 16 de Setembro. O obxectivo do novo presidente alxeriano de pacificar o país sometido a unha cruel Guerra Civil que dura xa sete anos, non semella doado. As esperanzas abertas en torno á celebración do 37 aniversario da Independencia e á reunión en Alxer da OUA, no pasado xullo, víronse en parte frustradas e dende aquela os asasinatos masivos volveron a ser triste noticia.

O primeiro de agosto o presidente Buteflika asinou o decreto de convocatoria electoral para someter a referendo a Lei de Concordia Civil promulgada polo Parlamento o pasado 13 de xullo. Elixido presidente o 15 de abril, nun ambiente de escasa lexitimidade despois da retirada da contenda electoral dos outros cinco candidatos, o que fora número dous do presidente Huari Bumedián, ministro de Exteriores e un dos principais impulsores do Movemento de Países Non Aliñados, mantívose afastado durante dúas décadas –dende a morte de Bumedián en 1978- da política alxeriana. Agora, como máxima autoridade do estado pretende lograr un obxectivo nada doado: devolver a paz a un país desfeito por sete anos de guerra civil con máis de cen mil mortos.

Aínda que saíu aprobada na sesión parlamentar, o presidente sempre se manifestou partidario de someter a Lei de Concordia á aprobación directa dos electores. A lei prevé unha amnistía parcial tanto para os que deixen as armas e non teñan cometido delictos de sangue coma para aqueles outros que se entreguen nun prazo de seis meses dende a promulgación do texto.

As expectativas abertas, nos primeiros días de xullo, víronse frustradas: non foron tantos os presos liberados, nin se puxo en liberdade a Madani –o principal líder do ilegal FIS-, nin se revisou a sentencia que encarcerou ao segundo dirixente da alianza vencedora nas eleccións de 1992 –Alí Benhadi-, nin moito menos se levantou o estado de excepción imposto tras o golpe militar. Semella que os xenerais non queren ir tan de presa como Buteflika e detiveron o proceso. A participación e o resultado do referendo poden darlle un novo impulso á Lei de Concordia ou paralizala definitivamente.

Aínda que a victoria de Buteflika está fora de dúbida, como se desenvolva a campaña, a porcentaxe de votación e a amplitude da victoria van determinar que sectores do poder saen reforzados, os partidarios de eliminar o islamismo ou aqueles favorables ao dialogo. Compre non esquecer que Buteflika ocupa o seu posto co consentimento dos xenerais que lle deron un cheque en branco, como dixo Ahmed Ben Bella, o histórico dirixente da FLN encarcerado por Bumedián, que regresou agora do seu segundo exilio.

A dirección da Fronte Islámica de Salvación pronunciouse a favor da Lei de Concordia e vaille prestar o seu apoio nas urnas, ao igual que a forzas opositoras agrupadas na Fronte de Forzas Socialistas que a pesares das críticas ao escurantismo e ás limitacións das propostas gobernamentais votarán favorablemente.

Nestas tres semanas de campaña electoral Alxeria xogase recuperar a esperanza perdida hai sete anos, iniciar o camiño da pacificación e recuperación económica e comezar a pechar as feridas abertas pola guerra sucia e o terrorismo.