No ano 2022 decidimos canalizar toda esa tradición do IGADI coas diásporas, na definición do Observatorio das Diásporas, como parte das nosas liñas de análise e investigación explícitas. Cómpre apuntar, que máis alá do peso histórico da emigración galega ou a relevancia da nosa diáspora para a nosa paradiplomacia, as migracións, son hoxe, parte nuclear do novo mundo no que estamos a 2025.
Neste sentido, a experiencia histórica galega é unha ferramenta cualificada para pensar as migracións globais no 2025 e o futuro que vén, onde todos os indicadores apuntan a unha maior relevancia das mesma na configuración das sociedades europeas, até a propia realidade galega, onde novas galegas e galegos redefinen xa hoxe as contornas da idea mesma da galeguidade.
En todas estas historias do pasado, do presente e do futuro, a figura de Castelao é de facto un guieiro para interpretalas. Dunha banda, en termos xerais, a súa obra e biografía é parte esencial do significado estatutario da nacionalidade histórica e da identidade galega contemporánea. Doutra banda, a súa experiencia no exilio e o seu impacto nas comunidades galegas da diáspora, fan del un persoeiro específico das migracións e a diáspora galega, tamén pola propia lectura universalista do seu nacionalismo e galeguismo, integrador e antirracista.
Así as cousas, a publicación especial que tes entre as mans, coordenada por Paula Sabajanes desde a máxima xenerosidade, é un produto moi significado do Observatorio das Diáspora, xa que Castelao é unha referencia obrigada para pensarmos -Como conectar HOXE a Galicia territorial e a Galicia exterior? Porque conectarnos fai a Galicia máis competitiva, porque conectarnos é parte imprescindible dunha política exterior galega que multiplique o noso modelo de desenvolvemento, na economía, a cultura ou o coñecemento.
Oxalá o percurso do Ano Castelao que agora remata estimule novas formas de pensar a relación de Galicia coa súa diáspora, superando o ritual e as imaxes fosilizadas, aproveitando a revolución dixital e o capital relacional global que temos como país. Mentres que agardamos por unha política exterior galega recoñecible, seguimos a sementar camiños que podan inspirar ese momento.
Cómpreme só agradecer en nome do IGADI, a Paula e a todas as persoas e entidades que colaboraron co noso Especial do Ano Castelao, polo seu compromiso para sermos nós no mundo. Moitas grazas e moi feliz 2026!
Podes descarregar online a publicación desde esta ligazón.
Podes ver o Especial Ano Castelao da IGADI TV.
Participa no concurso do Maratón de Galeguidades 2026 e consegue un exemplar físico.

