“Todolos gobernos son coalicións, expresas ou tácitas, e as expresas adoitan teren millor saúde”, dixo non hai moito tempo un importante membro do Partido Liberal-Demócrata británico, Lord Jenkins. Non lle falta razón porque, de facto, en todolos gobernos hay tendencias diversas, que en ocasións poden ser moi marcadas. Jenkins trataba de restar importancia a feitos que, nos derradeiros meses de 2010, salientaron loitas subterráneas dentro da coalición de conservadores e liberal demócratas que goberna no Reino Unido. As loitas non se limitan a enfrontamentos entre os conservadores de David Cameron e os liberal demócratas de Nick Clegg, senon que acontecen tamén no interno dos partidos coaligados.
Esas loitas datan desde antes de se constituir a coalición, como se mostra nun recente libro (22 días en maio)1, de David Laws, eminente membro do partido de Clegg, que foi nomeado Secretario do Tesouro, o segundo posto máis importante no Ministerio da Facenda, e que non durou máis dun mes no cárrego por ter abusado dos subsidios que cobran os diputados da Cámara dos Comúns: durante anos, Laws estivo cobrando o subsidio de residencia cando, en realidade, estaba vivindo na casa do seu compañeiro.
Laws pode escrebir con autoridade porque foi membro do comité dos liberal-demócratas que negociaron o pacto de coalición co Partido Conservador e sabe de primeira man as dúbidas de cómo aproveitar o feito de que as eleccións británicas deran por resultado un “Parlamento pendurado”, quer dicir, un Parlamento sen maioría absoluta de ningun dos dous partidos principais. Os resultados foran un tanto solprendentes porque pronosticábase unha desfeita total do Partido Laborista, dirixido por Gordon Brown, sucesor de Tony Blair na xefatura do goberno. Os liberal- demócratas acadaron bós resultados (non tanto como maxinaban) e atopáronse coma eixo para a formación dun goberno.
Pódese preguntar, nunha situación semellante, qué solución é a millor: se un “pacto de perdedores”, como sería unha coalición cos laboristas (que para gobernar tería necesidade de contar do apoio de partidos minoritarios, coma os nacionalistas escoceses ou do diputado eleito dos “verdes”), ou sumar forzas cos conservadores. En teoría, un pacto cos laboristas tería a vantaxe de poder negociar dende unha posición de maior forza e obter máis concesións. De feito, Laws conta as diversas reunións que o equipo negociador liberal-demócrata mantivo con representantes do laborismo. Os contactos non froitificaron debido, en primeiro lugar, a que Gordon Brown non parecía disposto nun primeiro momento a desaparecer do panorama, a que outros laboristas non eran partidarios da coalición e, cousa importante, a que Ed Miliband – que logo pasaría a ser xefe dos laboristas – consideraba que un pacto era vexatorio para o laborismo. En realidade, os laboristas non estaban tan disatisfeitos dos resultados das eleccións coma para facer moitas concesións ao partido de Nick Clegg: por exemplo, reformar radicalmente a lei electoral e aceptar un sistema proporcional. Con todo, no curso de negociacións, sempre tería sido posible que os laboristas aceptaran a celebración dun referendum sobre un sistema de votación diferente.
Xa antes das eleccións, cando as enquisas prevían unha desfeita dos laboristas e moi bóns resultados para os liberal demócratas, éstes xa estaban pensando nunha coalición, mais non cos conservadores, senon cos laboristas. Grandes figuras, como Paddy Ashdown e Mencies Campbell non podían concebir un pacto que non fose co Partido Laborista. A negativa de Gordon Brown a deixar o campo libre (cando o fixo xa era tarde de máis), as reticencias de moitos membro do seu partido e, no fondo do problema, a perspectiva dunha coalición pouco estable, que tería que depender do apoio dos nacionalistas e verdes e que non sería atractiva para a opinión pública, non deixaron outro camiño a Nick Clegg que negociar un arranxo con David Cameron.
David Laws salienta no seu libro outra razón (e aquí xa estamos no mundo real da Europa de hoxe) que non permitiría unha coalición co Partido Laborista: os mercados refugarían tal solución. Dí o autor que as vacilacións dos laboristas sobre a necesidade de aplicar unha reducción do déficit era causa de que, cada día de máis que pasaran os laboristas no poder, levaría a Gran Bretaña a un posible colapso económico coma o de Grecia. Os negociadores de Nick Clegg xa estaban convencidos de que – como dí Laws – había que aceptar a realidade: a supremacía dos mercados e dos especuladores que obrigaban a aplicar unha política de austeridade e de reduccións do déficit. Ese convencemento deixaba aos lib-dem nunha posición de debilidade, de teren que aceptar as teses do Partido Conservador xa antes de que chegara o momento de negociar, e recoñeceren que non terían forza dabondo para impor unha política fiscal seria no caso dunha coalición co Partido Laborista. En resumo, que os negociadores de Nick Clegg non estaban nunha boa posición negociadora.
Algún comentarista tén dito que 22 días en maio é un testamento da forza que ainda exerce o Novo Laborismo de Blair na política británica. Como salienta Laws no seu libro, os liberal-demócratas e os laboristas poderían ten chegado a un entendemento nos anos en que Blair era Primeiro Ministro, e que moi importantes membros do partido de Clegg láianse de que Blair non participara nas negociacións post electorais, que podería ter facilitado as cousas (de feito, Paddy Ashdown, que fora xefe dos liberal demócratas, tentou de convencer a Blair de que participara, mais non tivo éxito). E non quedaba outra posibilidade que negociar con Cameron e outros inconfesos “blairistas” do Partido Conservador, cando xa as grandes figuras da tendencia “blairista” no laborismo (en particular, Mandelson) estaban saindo da escea política.
David Laws, que deixa constancia pormenorizada das negociacións e deixa ver as diverxencias que dentro do partido liberal demócrata había, e hai, respecto do pacto co partido conservador, non analiza o acontecido nos meses posteriores. Era evidente, desde o primeiro momento, que sería moi ifícil a convivencia entre os dous socios. Non tanto por diferencias entre Nick Clegg e David Cameron, que comparten moitos principios herdados do Novo Laborismo, senon porque a moitos membros do partido resultaballes moi difícil tragar as políticas de fortes recortes sociais que a coalición puxo en práctica inmediatamente e que provocaron violentas reaccións dos estudantes universitarios contra o forte incremento das matrículas. Sería interesante saber cómo ve David Laws as desavenencias surxidas nos dous derradeiros meses de 2010. Desavenencias moi graves, que por pouco levan á dimisión do principal especialista en temas económicos dos liberal demócratas, Vince Cable, por causa dunhas revelacións do xornal conservador Daily Telegraph.
Nick Clegg está moi conscente dos problemas no seu partido, ata o ponto que organizou un seminario con participación de políticos holandeses, belgas e alemáns para estudar o funcionamento das coalicións no continente europeo. Unha das participantes no seminario, Lousewie van der Laan, que fora líder dos liberal demócratas holandeses, preparou un catálogo de recomendacións para Nick Clegg seguir, que partía da premisa de que a coalición estaba nun momento semellante ao dun matrimonio que, pasada a lúa de mel, descobre as dificultades dunha vida en común. Son recomendacións de sentido común: explicar aos membros do partido as razóns de ter entrado na coalición e da forma en que defenden os principios do partido (non se pode cumplir por completo o programa electoral cando ún non tén a maioría no goberno); non tomar represalias contra membros do outro partido coaligado; evitar sobresair a expensas do outro socio; ter presente que a oposición laborista vai votar sempre en contra de todo canto favoreza as políticas do partido minoritario por si dese xeito pode provocar un colapso do goberno de coalición.
Os consellos da política holandesa chegaron nun intre oportuno porque os liberal demócratas estaban faltando a unha desas recomendacións ao faceren gran publicidade do comprimento de 67 compromisos do seu programa electoral. Craro que o facían porque, en vista de que as enquisas sinalan unha forte perda de apoio electoral, o partido de Nick Clegg ten medo de perder ata 500 postos nas eleccións locais en maio vindeiro. Velaí a proba das moitas dificultades que presenta a tarefa de levar adiante o programa de goberno dunha coalición que nasceu un pouco por forza das circunstancias, cando o natural, coma se ve no libro de David Laws, tería sido un entendemento co Partido Laborista. Entendemento que, en calquer caso, tamén tería a sua ración de desavenencias e de relacións aristadas unha vez rematada a lúa de mel.