esmoleira italiana

Como reinventar a realidade en Italia

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Esmoleira italiana, clic para aumentar
Non obstante todo está xustificado, e funciona. Berlusconi existe mentres polemiza. Vive o presente nas cámaras de televisión e nas portadas dos xornais; cambia leis que lle evitan comparecer diante dos tribunais a el ou aos seus camaradas de coalición, tal como fixo nas semanas precedentes.
 

A propaganda ateiga Roma mentres unha muller, probablemente de orixe etíope, me pide diñeiro. Bótolle unha ollada a un cartace que anuncia o bo facer de Berlusconi: "Parte la linea C della metroplitana, 3 miliardi di Euro: Grazie Berlusconi".

Ela, concentrada na recadación forzosa da bondade pública, non o sabe. Eu quérolle facer unha foto ó heraldo do primeiro ministro italiano que lle garda as costas, facendo referencia a un xefe de goberno cun nome cheo de polisemia:" Il Premier", "Il Cavaliere", ou recentemente para un sector da oposición … "pequeno Mussolini", pola súa teima de enquistarse no poder a calquera prezo. Por fortuna, pervive a democracia que impide radicarse na poltrona por decreto. Non obstante, a pobre desvalida óllame con desconfianza diante do que, quizais, considera unha ousadía: posar como exemplo de esmoleira nas rúas. Non era o caso.

Perdoe, tan só quería recoller unhas probas da propaganda electoral en Italia… ¡quedou satisfeita!. Unha vez máis decatouse que se trata dun estranxeiro, un ocasional máis, perdido polas turísticas rúas de Roma, un deses dos que resignadamente teñen que vivir os tendeiros da capital máis aló dos problemas da comunicación e das linguas. Vendo a situación, tal vez en Italia todos sexan estranxeiros indiferentes a voltas ao redor dos parques temáticos organizados no entorno da ruínas clásicas. Pero obviamente non é así. En Italia tamén hai obreiros e campesiños, clases medias e profesionais liberais, parados e estudiantes. Italia voltou ser unha república, non calcada daquela da época romana onde tamén había conservadores, progresistas, e demandantes de esmola nas rúas. Pero antigamente os medios de comunicación non eran tan influíntes. Hoxe a realidade que existe é a que ven peneirada polas cámaras de televisión, onde non parece ter cabida esta muller da que falo.

Dende fai máis dunha década, a realidade política italiana aparece transformada a través do control dos medios por parte dunha elite empresarial dunha banda, e paradoxalmente, das bufonadas do que agora é o primeiro ministro -aquel de quen debe proceder a imaxe da seriedade-, e que serven para consolidar a presenza nos medios de quen toma as decisións no poder.

Silvio Berlusconi ven de pronunciar un discurso "liberal" no Congreso dos EEUU, (privilexio concedido só a outros tres presidentes do Consello italiano: De Gasperi, Craxi e Andreotti). Ala estaba Canale 5 co seu intrépido directo, provocando as airadas reaccións de protesta da esquerda opositora, que se queixa do incumprimento de normativa electoral ("Violata la par condicio" ) sobre a presencia do líder do centrodereita nos medios televisivos. Trátase dun bo exemplo de algo que é habitual, ó igual que as estratéxicas comparacións e metáforas de Berlusconi. Resulta inverosímil, explicar como é posible que o primeiro ministro faga declaracións propias dun iluminado, comparándose con Cristo ou Napoleón.

Non obstante todo está xustificado, e funciona. Berlusconi existe mentres polemiza. Vive o presente nas cámaras de televisión e nas portadas dos xornais; cambia leis que lle evitan comparecer diante dos tribunais a el ou aos seus camaradas de coalición, tal como fixo nas semanas precedentes.

Mentres tanto, vai facendo fotos e comparecencias públicas con aqueles que ate fai pouco criticaban o seu liderado, e pedían o recambio e a renovación da coalición de centro-dereita na que ninguén lle tose.