Compás de espera en Beli Dvor

A primeira volta das eleccións presidenciais, lexislativas e municipais celebradas en Iugoslavia o pasado 24 de Setembro saldouse cunha clara derrota do réxime. A seis meses de cumprirse o seu mandato, Slobodan Milosevic, decidiu adiantar uns comicios nos que moi poucos poderían aventurarlle a derrota. Soamente unha táctica equivocada da oposición podería ofrecerlle en bandexa unha victoria "á fujimori".

Os primeiros resultados oficiosos na noite do domingo explicitaban o enorme desconcerto dos dirixentes iugoslavos. Segundo se desprende da análise das cifras filtradas á propia oposición e contrastadas polos seus observadores electorais, un 54,6 por cento de electores votaron por Kostunica, mentres que un 35,01 por cento fixeronno por Milosevic. A Comisión Electoral Federal ofreceu os seguintes resultados oficiais: Kostunica obtivo o 48,22 por cento dos votos fronte ao 40,25 por cento de Milosevic.

En Beli Dvor (palacio presidencial) existe unha gran experiencia na maquillaxe electoral. Nas eleccións presidenciais serbias de 1997 numerosos votos albaneses empregaronse para favorecer a victoria da coalición SPS/JUL sobre o SRS. Daquela, máis de 300.000 albaneses de Kosovo votaron sen sabelo por Milan Milutinovic. Nesta ocasión, ademáis dos votos de Kosovo, relativamente dificultados polo control das forzas internacionais, o réxime contaba con censos inflados nalgunhas aldeas fronteirizas do sur, Vranje e Prokuplje, que viron crecer as súas listas en milleiros de electores da noite para a mañán; ou na participación dos cidadáns serbios de Montenegro, donde o seu Presidente, Milo Djukanovic, chamaba ao boicot duns comicios que consideraba "ilexítimos". Pero as urnas se instalaron en todo tipo de recintos: dende fábricas ou cuarteis ata domicilios particulares.

A complexa situación política iugoslava permite aventuar unicamente conjeturas. A oposición comezou unha forte campaña de desobediencia civil para forzar a Milosevic a admitir a súa derrota e evitar a segunda vuelta. O Presidente yugoslavo conta no seu haber coa experiencia das protestas contra o fraude electoral en 1996, pero non lle resultará doado manexar a situación. O seu principal problema consiste en manter pretas as filas no réxime. O xeneral Nebojsa Pavkovic indicou a Kostunica súa intención de non implicar as forzas armadas na batalla política, dispoñendose a garantir que "a vontade electoral do pobo sexa respectada".

En medio de rumores sobre ofrecementos de asilo na China ou en Rusia, de garantías ruso-gregas de que non sería obrigado a comparecer ante o Tribunal de La Haya se renuncia voluntariamente ao poder, barallanse hipóteses máis traumáticas sobre o seu futuro como a simple eliminación fisica "á rumana", a cargo de unidades de élite do propio Exército ou policía serbios. Para calmar os ánimos, de Moscova chegaba a mensaxe do seu irmán Borislav, actual embaixador na capital rusa, asegurando que "Slobodan respectará a Constitución e que se retirará do poder de probarse que perdeu as eleccións". Igor Ivanov, ministro de exteriores de Putin, viaxa a Belgrado.

De non producirse a demisión e aguantar a presión ata o próximo día 8 de Outubro, mal faría a oposición en boicotear a segunda volta, brindando, ao igual que o Cholo ó Chino en Perú, a posibilidade de lexitimar unha victoria fraudulenta. A menos de dous puntos para acadar a maioría absoluta e con todos os pronunciamentos a seu favor doutros candidatos, en especial dos radicais serbios, resultaría enormemente difícil para Milosevic atopar o medio de fabricarse unha victoria. A posibilidade de quedar totalmente ao descuberto e sen ningunha capacidade de negociación, abriga outras hipóteses, incluída un autogolpe, pero está por ver se conta con apoios suficientes para levalo a cabo.

Sexa cal sexa o desenvolvemento dos acontecementos, os días de Milosevic parecen contados. Pero na rexión sobrevivirán por moito tempo actores e políticas tan responsables como el dos grandes dramas vividos na última década.