A actual crise palestina ten dúas caras. Unha é a humanitaria. Segundo a sra Allegra Pacheco, representante da Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU, a vida dos palestinos empeorou de forma alarmante no último ano. A poboación pobre pasou do 40% de hai cinco anos a un 78% na actualidade. A razón fundamental ten que ver co bloqueo occidental, que se sumou á ocupación militar israelí. O goberno de Ehud Olmert non soamente retén os fondos financeiros, tanto oficiais como individuais, senón que obstaculiza a entrada de alimentos e medicinas nos territorios ocupados. Na xuntanza do Foro Internacional de Axuda ao Pobo Palestino celebrado en Doha a pasada semana, reiteráronse estas denuncias e reclamouse de Tel-Aviv a eliminación das causas que agravan a crise humanitaria dos palestinos.
A outra cara ten que ver coa crise política interna. Abbas e Mechal, líderes de Fatah e de Hamás, respectivamente, lograron un acordo na Meca para acabar cos enfrontamentos e armar un goberno de unidade nacional. A violencia entre as dúas faccións rivais leva causado case oitenta mortos en menos de dous meses. Un fracaso destas conversas podía precipitar unha guerra civil en Palestina, escenario afastado, pero o éxito soamente poderá acreditarse non en función da foto final lograda polo rei Abdalá de Arabia Saudita, senón das garantías de respecto efectivo da tregua durante un tempo prudencial. O odio e a desconfianza mutua creceron abondo nos últimos meses. O que sae da Meca non pode ser papel mollado, aseguran todos os participantes e observadores interesados, pero as espadas seguen en alto.
Israel tamén está á expectativa. Se fracasa este acordo e os conflitos internos se agravan, o exército está preparado para intervir a gran escala co fin de evitar que esa tensión se traslade ao seu territorio. O cuarteto para Oriente Medio (EEUU, UE, Rusia e a ONU) mantén as súas esixencias a Hamás para suspender as sancións, reclamos que pesaron o seu na reunión da Meca, prevista inicialmente sen horizonte de remate ata que as cuestións militares e políticas que dividían a ambos bandos quedasen resoltas.
A preocupación de Arabia Saudita vai máis alá do escenario palestino. A súa arriscada iniciativa diplomática pretendía establecer un dique de contención fronte á crecente influencia iraniana na zona, que se expande imparable como unha mancha de aceite por Iraq, Líbano e os propios territorios palestinos. Os fracasos anteriores de Exipto e os limitados contornos desta negociación, en parte debidos ás propias esixencias da comunidade internacional, xustificaban o escepticismo. Agora imponse un cambio de rumbo.