A Estratexia Galega de Acción Exterior de Galicia (Egaex) é outra proba máis actual de orixinalidade política. Unha estratexia en defensa de intereses dos galegos ao uso, que cubre sectores nos que o goberno galego xa intervén ou ben ten algún percorrido ou marxe de coordinación no ámbito das diferentes políticas sectoriais de aplicación no estranxeiro, ou ben nas ordes económicas onde a acción pública pode ser un catalizador; e que amosa un comprensible espírito natalista, en vista do envellecemento poboacional da comunidade, que dende unha perspectiva de xénero pode ser sempre matizable.
Ultimando algún detalle en consultas antes da súa definitiva aprobación parlamentaria, a súa pouca visibilización mediática rema a favor da súa total adopción, pois a fin de contas é unha Estratexia que contribúe á sempre sensíbel cuestión nacional, integrándose ate o último punto sobre o engranaxe xurídico emanado da Constitución española e o Estatuto galego, o que se da nun contexto ocasionado en boa medida por ventos favorables provenientes das diferentes sentencias do Tribunal Constitucional (TC) no marco das reservas competencias do artigo 149 da carta magna, e que veñen a proporcionar un maior soporte ás relacións internacionais autonómicas.
A súa relativa pouca introdución na discusión pública facilita que se desenvolva sobre todo a nível técnico, e cun consenso das forzas do noso sistema político, dificultando a súa captura por parte dalgún grupo político, que motivado polo oportunismo, poida verse tentado en expresar puntos discordantes no mercado da visibilidade mediática.
A estratexia -a segunda xa- ten un longo percorrido, e son varios os que apuntan o papel instrumental deste espazo, e a necesidade dun grande acordo que axude a mellorar a xa valiosa arquitectura institucional que temos. O IGADI, grupo de expertos que dende o comezo pulou polo seu deseño, facendo proba dende o espazo civil galego de músculo e potencial analítico, apunta que agora é o momento de apostar por unha Egaex con indicadores de seguimento, que na medida do posible, faciliten unha avaliación que faga mellorar a nosa acción internacional, xa desde a Xunta, mais tamén desde a Administración local, as Universidades, ou o sector privado.
Representación e defensa do interese galego. Algún que outro punto a meditar.
Dende un plano puramente loxístico, alén da cooperación territorial-transfronteiriza e das históricas legacións galegas en Madrid, Bruselas, Bos Aires, e Montevideo, déixase a fiestra aberta a apertura dunha delegación galega en Lisboa, toda vez que se permite enviar representantes galegos en estruturas diplomáticas estatais no exterior.
Facendo un exercicio de clara inventiva organizativa, previo traballo prospectivo dos servizos legais pertinentes, a acción exterior galega podería tamén autorizar o examen da posibilidade de aplicar a súa política exterior por vía da faciana europea, nalgunha das diferentes delegacións da Unión Europea arredor do mundo, que son coordinadas polo Servizo Europeo de Acción Exterior, e que poida ter utilidade onde prime o interese galego e a diplomacia española non se atope presente no lugar.
Sen dúbida, e xa para pechar, o grande salto que precisamos, é unha Egaex, que ademais de orientar e animar a facer, implique unha avaliación de mínimos, para que o camiño sexa o de seguir avanzando e mellorando entre todas, dándolle ao goberno a lexítima iniciativa que lle corresponde, desta maneira substanciando de pasada ó federalismo estatal, en respecto dos principios de solidaridade territoral, mercado único e lealdade constitucional.
Na segunda parte de este artigo afondaremos sobre unha proposición cultural para a integración efectiva da comunidade galega ás diferentes dinámicas mundiais, pois desde hai anos son máis as voces que tamén a veñen poñendo de relevo.