Esta é a segunda parte dun artigo cuxa primeira parte trataba da próxima Estratexia Galega de Acción Exterior de Galicia, como política da Xunta de Galicia face o mundo. Nesta parte, en troques, queremos ollar para posíbeis medidas xa populares entre diversos sectores da sociedade, e que virían a facer mais significativa a nosa integración internacional, toda vez que manifestan un claro potencial en favorecer o desenvolvemento económico de Galicia.
Após máis de 40 anos de oficialidade do idioma galego cómpre pensar no porvir. Máis que desencartar unha política que podería ser observada mesmo de imperialista, estas liñas queren defender facer efectivo un concepto, o do galego internacional, que teña aplicación no territorio galego como consecuencia desa realidade.
E é que existe cada vez unha maior masa crítica que acepta o feito de que no percorrido histórico da nosa lingua, que sobreviviu na vida privada galega, grosso modo, a lingua reapareceu nos nosos días coa gramática castelán, no canto da gramática portuguesa que lle sería mais propia.
Tema polémico, sen dúbida, non só porque nos referimos de cheo a cuestións internas que a priori non teñen a ver coas cuestións de foro exterior que nos ocupa, mais tamén porque nos referimos a cuestións puramente identitarias. Face a isto, debemos entón mencionar aquí que son cada vez mais os ideólogos galegos de diferente signo e cores que empurran por popularizar aquí e acolá a idea do galego como un dos maiores idiomas internacionais que hoxe en día se fala no mundo.
Si ben é verdade que a política lingüística autonómica desenvolvida na Lei 3/1983 de 15 de xuño presenta no seu preámbulo a visión oficial do desenvolvimento linguístico, amosándoa coma o froito dunha construción histórica colectiva singular, unha dúbida lexítima é si tal esforzo deba quedarse tan só aí, petrificada na visión oficial, que ademais pode interpretarse, de maneira sinxela, coma de síntese de 40 anos de centralismo baixo liderado do xeneralísimo.
O cadro legal, xa que logo, debería desenvolverse para facilitar unha maior aproximación cara o mundo portugués falante, tamén denominado lusofonía. Porén, queremos descartar o ter que percorrer os debates linguísticos e ideolóxicos que poidan existir a un lado e outro da fronteira galáico-portuguesa. Non queremos transitar tampouco as cuestións de casos de linguas da contorna coma son os do català-valencià ou neerlandés de Países Baixos-Flandres, para atopar exemplos que apuntalen o que aquí temos interese en argumentar, do que, así e todo, parece que se confirma o maior encontro para o caso galaico-portugués. Mais a continuación gustaríame presentar unha opción intermedia.
Proposta
Cumpre subliñar que no plano puramente pragmático, chegados aquí, coma sociedade, apremaría camiñar cara a integración do nosa lingua, superando a postura oficial actual, que se inclina pola visión diasistémica. En consecuencia, este artigo non poden máis que subscribir os postulados da Associaçom Galega da Língua, colectivo que considera que o galego é a denominación que o portugués ten en Galicia, asumindo que o nome internacional é o portugués.
Lonxe de oficializar o binormativismo, ou a adopción da convivencia da gramática portuguesa xunto coa gramática actual, a propia Administración galega ten dado tímidos pasos de cara á realidade binormativista deixando unha xanela aberta ós cidadáns que consideremos lexítimo o conducirnos nas coordenadas internacionais da lingua.
Exemplos destes pasos son a promoción do estudo do portugués en diferentes niveis ou, sempre no cadro da Lei Paz Andrade, outro exemplo sería, por pequeno que pareza, o de que nesta altura a Administración dixital xa facilita a descarga do Diario Oficial de Galicia en portugués. Dende a iniciativa civil tampouco podemos esquecer o dinamismo da sociedade galega neste eido, e propostas coma a de Ponte nas Onde, asociación que dende 1995 promove a identidade común do pobo galego e portugués, fan unha defensa próxima.
Mais aquí bótanse en falta declaracións e accións oficiais máis contundentes, que veñan, sen prexuízo da Sentencia do TC 84/1986 do 26 de xuño, promover políticas lingüísticas que persigan o ensino da gramática portuguesa na nosa comunidade de maneira mais anímica. Un escenario non dramático sería o desenvolvemento da política lingüística cun horizonte de longo prazo, pero decididamente, a velocidade de construción catedralicia -poñamos, imos aló, de cara ós seguintes catro lustros- na dirección en que se facilite que a poboación, organismos e institucións de Galicia e estatais teñan tempo a dixerir tal actuación coa súa conseguinte memoria de impacto normativo, e sen a perda de ningún recurso. Cumpre daquela que a Administración galega dite disposicións necesarias para o uso e promoción do galego internacional.
Pola súa banda, e coordinados con ou dende a Xunta, no plano municipal os Concellos, como administración mais próxima á cidadanía, poderían adoptar un rol protagónico a respecto deste asunto e fomentar a aprendizaxe da realidade internacional da nosa lingua a través dunha política que procure o espallamento do seu uso, nunha clara aposta Glocal. A propia opción mancomunada, coa coordinación das Deputacións, poderían ben ser obxecto de valoración. Estas medidas sempre se poden financiar, por coller un exemplo aleatorio, con fondos europeos coa asistencia técnica da European Association of Regional & Local Authorities for Lifelong Learning, de a Comunidade Autónoma formar parte desta organización, tal e coma o son Asturias, Euskadi e Cataluña.
En tempos onde aprema unha visión internacional, quer para anticipar shocks, quer para ter unha voz con máis resonancia en canto máis foros internacionais mellor; ou simplemente para participar de integracións internacionais económicas do lado dos mercados internacionais lusófonos, esta nova folla de ruta para a lingua abriría a posibilidade de atraer mais capital e iniciativas empresariais sustentábeis provenientes de países membros da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, por xulgarse coma de maior rendemento en Galicia; e así poder diversificarse e ter mais opcións cando o vento non nos sexa favorable nos espazos onde tradicionalmente a presencia galega se move, seña esta pública ou privada.
Máis importante aínda, esta sería unha interesante maneira de deixar atrás a nosa autoconcepción identitaria construída coma periférica e que é fomentada, de maneira non intencional, polos diferentes actores activos na vida pública galega, para pasar así ao lugar que nos corresponde, como xenuína comunidade global competitiva, ou povo global competitivo, se se quere.