Congreso en Pequín

 Votación de una resolución del XVII Congreso del PCCh; clic para aumentar
Desta vez, ademais da apertura, algunhas sesións de “debate” estiveron abertas á observación dos medios estranxeiros que puideron constatar de preto a unanimidade dos delegados, tanto nas exposicións ““lidas”“, como nas votacións, á hora de analizar as teses congresuais. (Foto: Los delegados votan una resolución en la ceremonia de clausura del XVII Congreso del PCCh, el 21 de octubre de 2007).
 

Vivir en directo un congreso do Partido Comunista de China é como asistir a un gran espectáculo. No interior do Gran Palacio do Pobo, a posta en escena é cegadora. Ningún detalle escapa ás previsións dos organizadores que coidan de que nada falle, ata o máis inverosímil. Desta vez, ademais da apertura, algunhas sesións de “debate” estiveron abertas á observación dos medios estranxeiros que puideron constatar de preto a unanimidade dos delegados, tanto nas exposicións ““lidas”“, como nas votacións, á hora de analizar as teses congresuais. Nas sesións plenarias todo eran mans ergueitas que imitaban os movementos do secretario xeral, Hu Jintao. Na presentación dos novos líderes, a prensa, muda, debía contentarse con facer fotos pero non preguntas. Nun contexto tan previsible a atención só pode centrarse na observación e interpretación das anécdotas por se delas pódese desprender algo relevante en función da singularidade política chinesa: se Hu Jintao agarda por Jiang Zemin para saír do palco presidencial, cal é o grao de satisfacción que amosan as caras máis buscadas…

Nos arredores, a presenza policial adquiriu tinguiduras non menos sorprendentes, en especial, nas inmediacións de Tiananmen e nos centros estratéxicos e hoteis onde se hospedaban os delegados. Nunca tanto se vira en eventos similares. De chegar á capital chinesa eses días e non saber da celebración do Congreso, ben podería imaxinarse vivir un golpe de estado. Respirábase o temor a que o descontento rural -e outros- chegase a Pequín. A sorprendida cidadanía seguiu en boa medida este importante encontro, en parte polo simple feito de que máis de 70 millóns de persoas militan hoxe neste Partido, pero tamén porque aínda non perderon a esperanza de que a mensaxe de xustiza social que promove Hu Jintao chegue a mudar as moitas insatisfaccións do presente. A maiores, é difícil substraerse xa que vos todos os medios de comunicación dedican moitas horas e espazos a comentar e informar dá súa evolución.

O congreso estaba pechado antes de empezar e, sen embargo, deuse o paradoxo de quedar aberto unha vez pechado. Todo chega cociñado e resulta moi difícil que se produzan novidades relevantes. Non obstante, o feito de que o sucesor de Hu Jintao, o actual líder chinés, quedase sen definir, deixa aberto todo un longo maratón ata 2012 onde a pompa e boato do espectáculo pode dar paso ao drama. Polo momento, a traca final foi ese lanzamento da primeira sonda lunar chinesa e o anuncio de que unha primeira célula comunista podería establecerse no espazo sideral. A esta China ascendente e ambiciosa, a Terra xa lle sabe a pouco.