A derrota de Hugo Chávez no referendo para a reforma constitucional e a crítica situación interna en Bolivia, ante a aprobación dunha nova Constitución e a ameaza de fragmentación territorial por parte de diversas rexións ricas en petróleo e gas natural, dan conta dun escenario de tensións constantes ante os procesos constituíntes iniciados en Venezuela en 1999 e que actualmente tamén cobra forma en Ecuador.
Dous países, Venezuela e Bolivia, vinculados dentro do proxecto de integración estipulado na Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), afrontan complicacións políticas internas, principalmente derivadas dos seus respectivos procesos constituíntes que, no caso boliviano, incluso corre o risco de traducirse na desintegración territorial.
A referencia deste proceso na rexión andina foi a chegada ao poder de Hugo Chávez en Venezuela no ano 1999. A súa testemuña de reforma dos poderes públicos pola vía do referendo foi recibida tanto polo actual mandatario boliviano Evo Morales desde o 2006 como polo seu homólogo ecuatoriano Rafael Correa a partir de 2007.
Os pasos antes establecidos en por Chávez Venezuela están avanzando con exacta reprodución noutros países andinos. O lema principal desta modalidade constituínte se inscribía na necesidade histórica de "refundar o país" para así, posteriormente, dar paso a un proceso de integración netamente latinoamericano, baixo perspectivas mais sociais que económicas, tal e como se estipula no ALBA.
Con isto, a expansión do modelo constituínte podía materializarse noutros ámbitos como na Nicaragua de Daniel Ortega ou nas próximas eleccións presidenciais en Paraguai, previstas para abril de 2008, onde se incrementa a popularidade do candidato de esquerdas Fernando Lugo, un declarado simpatizante de Chávez e do ALBA.
Chávez perde a súa reforma
Precisamente no país impulsor dos procesos constituíntes andinos, como é o caso venezolano, o seu presidente Hugo Chávez ven de recibir unha dura derrota política no referendo para a reforma de 69 artigos da actual Constitución Bolivariana, aprobada tamén por referendo popular en 1999.
A reforma constitucional de Chávez, sometida dun xeito apresurado e con escaso tempo para o debate público, estipulaba elementos que causaron frontais disidencias internas no "chavismo". Paralelamente, a constitución do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) incrementou estas tensións políticas internas, ante acusacións de "verticalización do poder" e "asfixia da pluralidade" existente na plataforma electoral de Chávez.
Membros disidentes desta plataforma como o Partido pola Democracia Social (PODEMOS), Patria Para Todos (PPT) e determinados sectores do Partido Comunista de Venezuela (PCV), engadiron os seus esforzos para rexeitar a reforma constitucional, incluso facendo causa común cos alicaídos partidos da oposición tradicional.
Non obstante, o decisivo empuxe do sector universitario en contra da reforma, así como de aliados militares e políticos de Chávez como o ex ministro de Defensa Raúl Baduel, foron factores decisivos que determinaron a posterior derrota electoral de Chávez.
A nivel social, a confusión e impopularidade da reforma traduciuse no rexeite cara elementos particulares da mesma, tales como a ambigua potestade da "reelección indefinida", o remate da autonomía para o Banco Central, a marcada centralización do poder presidencial, as tensións cara o tema da propiedade privada, a ideolóxica reestruturación dentro das Forzas Armadas, a reforma dos poderes públicos cara a creación de "consellos comunais" e a negativa para a reelección de alcaldes e gobernadores, este último elemento que probablemente provocou fisuras internas en determinados liderados rexionais "chavistas", de cara a xogar política e indirectamente a carta do "non" á reforma.
O impacto inmediato da primeira derrota electoral de Chávez tras once procesos electorais e case nove anos de goberno pode tamén exercer algún tipo de influencia naqueles países que están comezando a seguir o exemplo constituínte, como é o caso ecuatoriano, ou os que elaboran os seus cálculo para iniciar este proceso, como o caso de Nicaragua.
Trala desaprobación da reforma, Chávez debe agora reducir ata o 2013 os seus prazos temporais necesarios para a construción do "Socialismo do Século XXI", seguindo estritamente o mandato constitucional. Outro factor está en identificar os erros ante a evidente perda de tres millóns de votantes: na súa reelección presidencial en decembro de 2006, Chávez obtivo mais de sete millóns de votos e un 63% da votación. Na recente votación pola reforma constitucional, o índice baixou a pouco mais de catro millóns e un 49,3% dos votos. Este escenario acusa un rotundo dilema para o "chavismo.
A derrota de Chávez, probablemente explicada por factores internos no seu electorado, traducida na fuga de votos e a apatía dos seus electores, corre directamente proporcional ao repentino espertar da variopinta plataforma de oposición venezolana, agora completada con ex aliados políticos de Chávez como PODEMOS e o propio Baduel.
Tanto para a oposición, sensibilizada na idea de que é posible derrotar a Chávez nas urnas, como para o propio Chávez ábrese agora un novo escenario político que pode decidir cara ónde se dirixe o rumbo de Venezuela e que tamén, en distintos niveis, podería propiciar os mecanismos de diálogo e reconciliación tras duros anos de confrontación.
Chávez vese obrigado agora a reestruturar o seu movemento político e reconducir o seu proxecto, a fin de identificar porqué perdeu tres millóns de votos en apenas un ano. O electorado chavista semella tamén esixirlle ao seu líder unha maior atención aos problemas internos que á expansión internacional do "socialismo bolivariano". Para a oposición formulase o dilema de constituír unha plataforma de liderado efectiva para ofrecer un proxecto crible de país e poder así concorrer con garantías ás eleccións de 2013.
A pesar da súa mínima derrota, onde un 50,7% dos venezolanos rexeitaron a reforma constitucional, Chávez segue a conservar importantes cartas políticas a favor: considerable popularidade social e abundancia financeira motivada polos elevados prezos do petróleo. Pero todos estes factores estarán tamén condicionados polos seus pasos inmediatos e da certificación de que Chávez só poderá continuar no poder ata o 2013.
O delicado labirinto boliviano
Con mais nivel de gravidade e inestabilidade que en Venezuela, a Bolivia de Evo Morales transita por un perigoso sendeiro social e político, motivado pola extremada oposición ao proceso constituínte por parte das elites e dos sectores de clase media dentro das rexións mais ricas en petróleo e gas natural do país. Este escenario aumenta a sensación sobre a existencia de "dúas Bolivias".
A fugaz aprobación da nova Constitución de Bolivia na cidade de Oruro a finais de novembro por parte de 163 dos 225 membros da Asemblea Constituínte, creada esta fai ano e medio, deu paso a violentos enfrontamentos nas rúas e unha crise política que vai in crescendo.
O movemento opositor está constituído principalmente baixo o liderado do ex presidente Jorge Quiroga e o seu Partido Democrático e Social (PODEMOS), así como no Consello Nacional da Democracia (CONALDE), que engloba aos líderes políticos, sociais e empresariais das rexións de Santa Cruz, Trinidad, Beni, Tarija, Pando, Cobija e Chuquisaca. Estas rexións concentran a 5..000 de bolivianos dos nove millóns da poboación total do país.
A notable maioría dos membros da asemblea constituínte pertencen ao partido de Morales, o Movemento ao Socialismo (MAS) e a agrupacións indíxenas afíns. Neste sentido, o texto constitucional aprobado recolle lexítimas e necesarias medidas como o recoñecemento das autonomías indíxenas, das súas linguas, tradicións, historia e identidades, unha decisión histórica nos 182 anos de vida republicana en Bolivia.
Os pasos de Morales para a aprobación constitucional estarán definidos na celebración dun referendo no 2008 que, no caso de aprobarse, procederá a convocar eleccións xerais para a renovación do Congreso e permitirá ao actual presidente concorrer a un novo período presidencial. Neste sentido, e no caso de ser elixido, Evo Morales estaría no poder ata o 2013, con posibilidade de ser reelixido e gobernar ata o 2018.
A oposición acusa a Morales de querer concentrar o poder presidencial e limitar as autonomías e a descentralización. Tamén denuncian un presunto apoio e influencia política de Chávez na situación boliviana, mediante o envío de fondos financeiros e de activistas políticos, a fin de reforzar o apoio aos grupos indíxenas e a Morales.
Neste sentido, a oposición reforza as súas críticas cara Morales, acusándoo de "submisión a Chávez" e ao "eixe do ALBA" liderado por Venezuela e Cuba, así como de seguir o exemplo do presidente venezolano de abrir canais de relación con Irán. Na visita do presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad a Bolivia, en xullo pasado, se subscribiron acordos de cooperación por valor de 100 millóns de dólares mentres Morales declarou o "dereito lexítimo" de Teherán a posuír un programa nuclear "pacífico".
Os líderes do departamento de Santa Cruz, conformados na Asemblea Provisional Autonómica de Santa Cruz con mais de 100 autoridades municipais, parlamentarias, empresariais e indíxenas, anunciaron a proclamación "de facto" da autonomía rexional. Como resposta, o goberno de Morales ameazou co uso da forza pública para "preservar a integridade nacional e a nova Constitución". Recentemente, o Alto Mando militar boliviano amosou publicamente o seu apoio institucional ao proceso constituínte, o cal define determinadas cartas políticas que poden decidir a balanza deste pulso político.
A confrontación política e constitucional leva consigo un delicado pulso pola integridade do país. A cidade de Sucre, no departamento de Chuquisaca, reclama a súa presunta "capitalidade histórica" de Bolivia en detrimento da capital tradicional, La Paz. Xunto ao reto autonomista de Santa Cruz está tamén a concentración de poderes que Morales realiza na cidade de Oruro, onde sesiona a asemblea constituínte. Todos estes factores colocan a Bolivia dentro dun perigoso labirinto e cara a posibilidade de constituírse nun "Estado fracasado".
Ecuador: cara a estabilidade?
Caso contrario ao boliviano é o Ecuador de Rafael Correa, que conta cun maioritario apoio popular traducido na súa contundente vitoria no referendo de convocatoria para a asemblea constituínte, en setembro pasado, con mais do 60% da aprobación.
As sesións da Asemblea constituínte ecuatoriana comezaron o pasado 29 de novembro na cidade de Montecristi. Esta asemblea está nun 85% dominada polo movemento oficialista Alianza País de Correa, tomando como partidos minoritarios á oposición conformada polo Partido Renovador Institucional Alianza Nacional (PRIAN) do ex presidente e multimillonario Álvaro Noboa, e do Partido Sociedade Patriótica (PSP), do tamén ex presidente Lucio Gutiérrez.
Non obstante, tralo remate da primeira sesión a comezos de decembro, unha enquisa da empresa Cedatos considerou que se ben un 76% dos ecuatorianos aprobaban a labor desta asemblea constituínte, un 59% critica as súas primeiras medidas para redactar unha futura Constitución, considerando que outorga presuntos "poderes ditatoriais" a Correa.
Correa ha expresado publicamente a súa admiración polo "socialismo do século XXI" de Chávez e a súa alternativa de integración do ALBA. Non obstante, a súa política exterior amosa un marcado nivel de pragmatismo, con especial énfase nas relacións con países estratéxicos para Ecuador, como son EEUU, España e Colombia, sen necesariamente estreitar os seus lazos coa Venezuela de Chávez, como ven sendo o caso de Evo Morales.