20060612 barcelona feijoo quintana e julio fdez

Construción social da internacionalización

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Alberto Núñez Feijóo, Anxo Quintana e Julio Fernández, clic para aumentar
A excesiva focalización na visibilidade centrada nos grandes eventos multitudinarios, a súa organización territorial pouco participativa e centralizada, a falta de proxecto definido, a carencia de estruturas de rede ao servizo dos intereses do tecido produtivo dos galegos na diáspora, a instrumentalización política, a ausencia de canles de coordinación coa Galicia interior, a pouca profesionalidade de dirixentes con excesivo protagonismo personalista… afogaron todos os intentos precedentes. (Foto: Alberto Núñez Feijóo, Anxo Quintana e Julio Fernández, en Barcelona o 11 de xuño de 2006 con motivo do II Gran Encontro de Galegos do Mundo).
 

Nos últimos 10 anos o comercio mundial medrou, en termos reais, a unha media anual do 5,9% que duplicada os índices planetarios de crecemento do PIB ancorados no 3%.

Mais durante a década 95-05, a vitalidade do desenvolvemento comercial concentrouse fundamentalmente entre os países e áreas económicas que xa dominaban os fluxos comerciais, ou no interior de cada un dos bloques comerciais máis desenvolvidos.

Acometer dende Galicia un plano de actuación que permita concorrer nestes mercados cada vez máis esixentes, permeables, concentrados, dinámicos, cambiantes… esixe un proxecto no que se aborde colectivamente o futuro da internacionalización da nosa economía cunha perspectiva integral, especialización sectorial e coñecemento global.

Na mesma década de referencia, anteriormente citada, a participación porcentual de Galicia no PIB do Estado ten minguado. Por tanto, é hora de formular novas estratexias de afortalamento do tecido produtivo para corrixir as derivas pasadas, nun contexto mundial tan especializado e complexo, no que temos estar en disposición para unha aprendizaxe activa e continuada. Este semella o vieiro oportuno para construír vantaxes comparativas sólidas, permanentes que posibiliten a xeración dunha maior riqueza no país, baseándose nas oportunidades que abre a economía do coñecemento.

Como na cultura, na arte, na investigación…. Galicia, como país debería investir no desenvolvemento das capacidades colectivas que favorezan o acceso aos mercados internacionais. Na actual inercia mundial dos fluxos comerciais, son cada vez menos efectivas as actuacións esporádicas, inconexas, minifundistas, herméticas, sen estratexia global, sen unha estrutura permanente especializada ao servizo da sociedade.

Na construción social da internacionalización da economía galega deberíamos ollar cara a aquelas sociedades máis desenvolvidas, innovadoras e afoutas que procuran enchouparse nas fontes da sociedade do coñecemento. Un contexto mundial de fluxos comerciais tan complexo require estratexias constantes de aprendizaxe: dos recursos propios, da posta en valor de especializacións produtivas tradicionais, do coñecemento dos contextos zonais dos mercados potenciais, das sinerxías sectoriais, dos capitais dispoñibles (monetarios, humanos, relacionais, indentitarios, etc), da complentariedade da nosa economía, da coordinación das administracións nunha estratexia de país propia e vertebradora dos axentes interesados ou implicados.

Dende hai tempo, existen en Galicia institucións como a Zona Franca de Vigo que figuran na vangarda europea deste tipo de modelos de internacionalización. Están a traballar nunha estratexia para construción social que integra catro sistemas: productivo, institucional, coñecemento e social-cultural.

Pode que o camiño proposto sexa ambicioso, que sexa lento para as urxencias dos cortoplacistas. Pero diversas experiencias de internacionalización precedentes, tal como foi FEGAEX, feitas sen proxecto de país, deixaron a terra queimada da frustración. É verdade que lograron sementar a ilusión dunha diáspora necesitada de maiores vínculos coa súa identidade e de portas abertas para participar na construción do país dende o exterior. Conseguiron deixar patente o potencial de proxección internacional, de prestixio colectivo, de marca-país que representa unha diáspora, coa que aínda no fomos quen de por en valor ese grande vantaxe comparativa que ten Galicia, que non quere ter só o rostro de necesidades asistenciais.

Pero a súa excesiva focalización na visibilidade centrada nos grandes eventos multitudinarios, a súa organización territorial pouco participativa e descentralizada, a falta de proxecto definido, a carencia estruturas de rede ao servizo dos intereses do tecido produtivo dos galegos na diáspora, a instrumentalización política, a ausencia de canles de coordinación coa Galicia interior, a pouca profesionalidade de dirixentes con excesivo protagonismo personalista… afogaron todos os intentos precedentes.

Non é tempo de iniciativas illadas ou individualistas, de actuacións sectoriais, de especializacións meramente xeográficas, de forzas centrífugas. É hora da construción social da nosa internalización cun proxecto de país que integre recursos, que coordine redes e que teña como referente o noso capital identitario. Galicia como unidade política ten a dimensión adecuada para desenvolver unha estratexia de conxunción nun único proxecto colectivo.