Conversa con Bichara Khader

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Profesor de Ciencias Políticas, Económicas e Sociais da Universidade de Louvain-la-Neuve, Bélxica, e director do Centre d’Étude et de la Recherche sur le Monde Arabe Contemporain, da mesma Universidade, Bichara Khader estivo en Galicia para participar no I Curso Universitario de Información e Relacións Internacionais que coorganizan a Universidade de Santiago de Compostela (Facultades de Xornalismo e Políticas) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional. Nacido en Zababdeh (Palestina), de nacionalidade belga, é considerado como un dos máis lúcidos estudiosos do mundo árabe actual e das súas relacións con Europa. Con el conversamos nunha breve pero froitífera estadía na que aínda houbo tempo para promover un irmanamento entre Belén e a capital de Galicia que a Corporación Municipal compostelana referendou o pasado 30 de maio.

Desde un punto de vista xeoestratéxico, sigue sendo Israel tan importante como no pasado: un Estado-tapón no Mediterráneo ou máis ben un enclave que unicamente xenera conflicto?

Durante a guerra fría, Israel desempeñaba un papel imprescindible para Occidente como «portaavións» terestre ou posto de control sobre os rexímenes árabes pro-soviéticos, e como baluarte dos intereses xeoestratéxicos de Occidente. Despois do desmoronamento do sistema bipolar, Israel perdeu gran parte do seu valor engadido. Os intereses occidentais non corren grandes riscos: o petróleo corre ininterrumpidamente, os rexímenes árabes están totalmente domesticados, pacíficamente polos fluxos financeiros, ou militarmente polo embargo ou a chantaxe. Podería aínda engadir que o apoio incondicional a Israel por parte de Occidente, e especialmente dos Estados Unidos, constitúe hoxendía unha hipoteca grave para estos intereses co desenvolvemento de reaccións anti-americanas en toda a zona. Os acordos de Oslo permitían a Israel adquirir unha lexitimidade na rexión, suavizando o seu aillamento e superando a súa condición de «enclave». O fracaso do Proceso de Oslo por falta de resultados e pola actitude belixerante do goberno de Sharon, permite a recuperación da concepción de Israel como «enclave aillado e militarizado», deslexitimado aos ollos de árabes e palestinos.

En que punto quedan os grandes temas sobre la solución do conflicto?

Todo está pendiente. O estoupido da violencia nos territorios israelís coa continuación dos asentamentos, as expropiacións de terras palestinas, os castigos colectivos, a demolición das infraestructuras palestinas, etc, non permite unha reanudación rápida das negociacións. O goberno de Sharon non considera unha volta ao proceso negociador. O partido do Likud se opón á «visión» de dous estados: un estado palestino e un estado israelí. Nestas condicións, todos os temas do Estatuto final están conxelados porque a fenda aberta entre as opcións israelís e palestinas semella, hoxendía, infranqueable. Sen unha mediación seria do Cuarteto de potencias co apoio dos árabes, a simple negociación sobre os refuxiados, o agua, as fronteiras, os asentamentos, e o estatuto de Xerusalén, parece unha alucinación.E polo momento o goberno de Israel demostra unha gran intransixencia coa reiteración dos seus clásicos «non»: ao retorno dos refuxiados, ao desmantelamento dos asentamentos, a compartir soberanía en Xerusalén.

Cales poderían ser os termos acceptables para unha solución duradeira?

Os parámetros dunha solución duradeira son coñecidos e asentan na legalidade internacional e no principio de troco de paz a cambio dos territorios ocupados. Estes parámetros foron reiterados ultimamente polo Cumio Árabe reunido en Beirut: a normalización debe ir acompañada da evacuación total dos territorios árabes ocupados en 1967. Esta proposta contou co respaldo da Comunidade Internacional e foi rexeitada por Israel que insiste, con moita terquedade, en imponer aos Palestinos unha solución cocida nos fogóns de Israel: uns enclaves desconectados, baixo control israelí e sen ningunha fronteira con países árabes. Aquí está o meollo do asunto: a potencia ocupante impón a súa visión á Comunidade Internacional.

Unha vez proclamado o Estado Palestino, que cuota de soberanía podería acadar?

Dende o punto de vista israelí, a idea dun Estado Palestino, plenamente soberano, con control sobre o seu territorio,as fronteiras, os recursos hídricos e o espacio aéreo, é meramente un espellismo. Dende o punto de vista palestino, a soberanía ten que ser total e toda concesión feita aos Israelís, para conseguir a paz ten que ser un acto de soberanía. Así, os Palestinos poden aceptar limar asperezas, permitindo durante un periodo transitorio, non ter exército, a presencia duns asentamentos nos territorios palestinos, unha negociación sobre as modalidades concretas de aplicación do dereito de retorno "que non é unha obriga senón un dereito" ou a anexión ao estado de Israel duns barrios «xudaizados» de Xerusalén-Este. Neste caso, son concesións palestinas a Israel e non un «regalo» gratuito: son un xesto de soberanía. Non corresponde a Israel impor as súas poprias condicións como potencia ocupante. Esta potencia non pode seguir subvertindo o dereito internacional.

Pero Israel sigue ocupando outros territorios árabes no Libano e Siria?

Claro, non haberá unha solución xusta e rexional sen a evacuación dos anacos de territorio libanés e os Altos do Golán. A solución en Palestina é un peldaño da solución global pero non é o colofón da negociación. Esta ten que abordar tamén e de modo urxente as cuestións pendientes entre Israel e outros países árabes. Unha solución en Palestina a costa dos países árabes é moi cuestionable.

Que outros partidos, a parte El-Fatah, representan aos Palestinos?

Os Palestinos disponen dunha considerable variedade de partidos. El-Fatah é seguramente o máis importante: é o partido de Yasser Arafat, non é un partido relixioso senón unha fronte de liberación nacional, presente tanto en Gaza como en Cisxordania. A Fronte Democrática e a Fronte Popular son máis pequenos, pero disponen de audiencia nas capas intelectuais de Palestina: son frontes secularizadas, laicas, e xeralmente rexeitan o que chaman «as concesións» vergoñentas de Oslo, pero non demandan o rexeitamento da negociación sobre a fórmula de «Territorios por paz». Máis competitivos de El-Fatah son os partidos relixiosos de Hamas e Yihad islamica. Teñen moita facilidade de reclutamento entre os xóvenes dos campos de refuxiados e en Gaza acadaron moita visibilidade durante a ultima Intifadah. Nun contexto de violencia, representan unha forza máis agrandada do que resultarían nun contexto máis apaciguado. Se as negociacións futuras "caso de levarse adiante- non deran resultados significativos, non se pode descartar unha radicalización das opinións palestinas e un auxe dos partidos radicais como Hamas ou Yihad Islamica.

Donde está a Unidade Árabe? Como lle pode afectar o nacemento dun Estado Palestino?

Non nos enganemos: non existe unha Unidade Árabe. Hai unha solidariedade popular evidente co pobo palestino. Os rexímenes temen que a perpetuación do conflicto poña en perigo a súa estabilidade e buscan unha saída para desactivar a ira dos pobos que os acusan de corrupción, de incapacidade e de autoritarismo. A última proposta do Príncipe Abadía, avalada polos outros estados árabes, responde a este medo. Medo de disturbios sociais e políticos, medo de desestabilizacións dos rexímenes, medo de desbordamento da violencia nos territorios palestinos. Non é a búsqueda da Unidade Arabe o que os motiva senón acabar cun problema que constitúe un desafio para a estabilidade rexional.

Que papel desempeñaría un Estado Palestino normalizado?

Un estado palestino democratico pode ser un exemplo para toda a zona o la zona e desempeñar un papel case didáctico.Un estado palestino próspero pode abrir as portas da zona ao mundo exterior e abrir o Medio Oriente a Occidente. Porque falamos non soamente dun Estado Palestino senón un estado palestino democrático e próspero. Claro que a solución do conflicto árabe-israelí e o establecemento dun Estado palestino non van a acabar coa conflictividade na rexión. Pero, sendo o epicentro desta conflictividade, unha solución permitiría propiciar condicións de estabilidade na rexión.

Para lograr a tan ansiada paz, todo depende soamente de Israel ou sería necesaria unha retirada militar de EEUU da zona? Que papel poderian xogar Exipto, Xordania e Arabia Saudí?

A paz rexional está vinculada a unha solución duradeira e o menos inxusta posible para os árabes do conflicto árabe-israelí. Pero tamén está intimamente vinculada á creación dun sistema rexional de seguridade para a prevención dos conflictos. Naturalmente, a imposición dun embargo sobre Iraq non tería sentido nesta evolución. A presencia militar americana suscita reaccións negativas e tería que ir deixando aos actores locais a responsabilidade de tecer novas relacións asentadas sobre intereses mutuos e a fecundidade do diálogo rexional. A solución do conflicto árabe-israelí non vai a apaciguar todas as relacións entre os varios países árabes, pero podería atenuar a instrumentalización do conflicto en políticas demagóxicas e ultranacionalistas.

Cales son as verdadeiras razóns do apoio de Iraq á causa Palestina?

Dende sempre, Iraq desempeñou un significativo papel en apoio da causa palestina. Hai, seguramente, unha parte de sinceridade neste apoio popular porque os iraquíes están convencidos de que o sionismo non é soamente unha ameaza para os palestinos senón para toda a estabilidade rexional, hipotecando o desenvolvemento económico e creando condicións pouco propicias para unha normalización positiva das relacións entre Medio Oriente e Mundo Occidental. Pero hai tamén unha cara menos gloriosa no apoio dos dirixentes iraquíes á causa palestina e está vencellada á guerra fría que libran países como Iraq e as petromonarquís pro-americanas.

Como se contemplan as relacións entre Europa e o Mundo Arabe?

Europa ten unha responsabilidade histórica en moitos dos problemas que sufren os árabes: colonización, creación do estado israelí no corazón do Mundo árabe, complacencia coa política israelí de expansión colonial, etc. Pero as responsabilidades dos dirixentes árabes non poden ser minimizadas. Dito esto, Europa ten aa sensación de que, hoxe por hoxe, non pode permitirse o luxo de facer a vista gorda sobre os acontecementos en Medio Oriente e no Norte de Africa. Europa está desenvolvendo unha política de asociación cos países do Mediterráneo sur e leste (este é o proceso de Barcelona iniciado en 1995), e ao mesmo tempo se está involucrando un pouco máis na xestión do conflicto árabe"israelí. Pero, pese ao labor do enviado europeo en Medio Oriente, Miguel Angel Moratinos, Europa non parece ter as claves dunha solución. Porque a PESC segue no limbo, empozoñada por diverxencias entre intereses e sensibilidades diferentes das varias compoñentes estatais da Unión Europea. Non quero con isto infravalorar a aportación europea, senón insistir sobre a necesidade para Europa de contar cunha política exterior conforme ao seu peso económico na zona. Pero isto require, á súa vez, tempo, vontade política e un distanciamento positivo dos Estados Unidos, padriños non-neutrais do proceso de paz.

E o papel da Administración española?

Tradicionalmente, España sempre contou cunha política exterior máis equilibrada en relación co conflicto árabe-israelí. Está claro que a opinión pública, dende hai anos, está claramente sensibilizada cos sofrementos do pobo palestino.E a solidariedade das cidades, de gobernos autonómicos, de sindicatos, de Universidades e de ONGs co pobo palestino é cada vez maior. Non penso que o goberno actual reflicte, na súa xestión, este parecer da opinión pública. Quedan asuntos pendientes nas relacións entre España e outros países árabes, como Marrocos, que poden, indirectamente, afectar á efectividade dun papel español destacado, como ponte entre europeos e árabes. O tema das migracións e a xestión «policial» deste asunto provoca tensións cos países árabes que reducen a capacidade de España para desenvolver un papel mediador eficaz en conflictos rexionais.

Por último, que podemos agardar de Nacións Unidas?

Nacións Unidas desenvolveu un papel de caixa de resonancia dos conflictos rexionais no Mediterráneo pero a súa actuación para a aplicación das súas resolucións é moi feble, por non dicir, lamentable. Así, Israel pode, con toda impunidade, ignorar todas as resolucións que condenan a anexión de Xerusalén Leste, de creación e ampliación dos asentamentos, e o recurso a unha violencia inédita por parte do seu Exército. E ultimamente, incluso foron humilladas polo rexeitamento israelí dunha comisión de investigación nos campos de refuxiados de Ienín. Todo ese conxunto establece unha alongada sombra sobre a actuación do sistema internacional, paralizado polo veto sistemático norteamericano en favor de Israel.

Artigo de Marta Cabrera, Sylvia Gómez Saborido e Xulio Ríos