É imposible negar que nos últimos meses Corea do Norte aumentou a súa presenza internacional, acompañada por máis representación nos medios de comunicación. Aínda así, os medios de comunicación obvian o percorrido histórico do país. Así, en moitas ocasións, cando se trata con Corea do Norte, o país catalógase de illado e irracional. Estas non son características atribuídas simplemente por inexpertos ou observadores casuais. En ocasións é unha asociación realizada incluso polas elites políticas ou os servicios de intelixencia (4). Non son poucos os rumores de execucións e desercións espallados polo servizo de intelixencia nacional de Corea do Sur, os cales en casos como os do xeneral So Hong Chan ou Pak Sung Won foron posteriormente desmentidos (5).
Así, as asuncións sobre Pyongyang e as súas accións “irracionais” deixan en evidencia o descoñecemento do público con respecto ao réxime norcoreano. Por outro lado, a característica isolacionista de Corea do Norte é complexa e debe ser matizada para entendela ben. Con este obxectivo, este primeiro artigo céntrase na historia política de Corea do Norte, co obxectivo de disipar a presunta irracionalidade norcoreana.
O isolacionismo internacional polo que Corea do Norte é coñecida na actualidade non comezou coa proclamación da República Popular Democrática de Corea en 1948. O país contou ata finais da Guerra Fría con numerosas relacións nas que se incluían entre outros, países como a Unión Soviética, a República Popular da China, ou a Romanía de Ceausescu, quen visitou o país na década de 1970. Con todo, foi coa finalización da Guerra Fría cando comezou en Corea do Norte o extenso período de illamento a nivel internacional.
Corea do Norte no orde unipolar
O modelo bipolar de competición entre os Estados Unidos e a Unión Soviética do que Pyongyang se beneficiou durante as últimas catro décadas caera. No lugar do xigante soviético encontrábase a Federación de Rusia, centrada naquel momento na mellora das relacións cos países “occidentais” (6). Xa non era necesaria a función de estado tapón que Corea do Norte cumprira ata o momento. Tampouco o eran as axudas concedidas para o mantemento do sistema norcoreano. Neste contexto de abandono, aínda que os espectadores externos formularon dúas únicas opcións: a reforma ou a morte do réxime (7), o goberno de Pyongyang escolleu o sufrimento do seu pobo, co mantemento dunhas políticas que non funcionarían sen o apoio dos mecenas chineses e rusos.
Este sufrimento foi coñecido como a “Ardua Marcha”, unha fame a nivel nacional que duraría dende 1994, coincidindo coa primeira sucesión da familia Kim, ata o ano 2000. A fame minguou a poboación norcoreana, forzándoa ás prácticas económicas clandestinas para sobrevivir. Con todo isto, o sistema político norcoreano non sufriu cambios. A nova situación de crise e abandono político encontrábase amparada baixo a doutrina do Juche, onde se promulgaba a independencia política, como xustificación do illamento; a independencia económica, como xustificación da falta de comercio internacional; e a autodefensa nacional, a través do desenvolvemento de capacidades nucleares (8). Estas tres máximas definiron o mandato de Kim Jong-Il e crearon a imaxe dun país illado politicamente. Tamén crearon a narrativa de Corea do Norte como un Estado “irracional”, debido á dependencia no desenvolvemento e disuasión nuclear que acompañou ao país dende principios da década de 1990 e que perdura ata o día de hoxe.
A actualidade de Pyongyang
Debido ao descoñecemento xeneralizado do réxime de Pyongyang é común que existan esaxeracións con respecto á natureza do seu goberno. A calidade dos reportes sobre o país carecen a miúdo de veracidade. Dentro destas, a característica do Estado como un “irracional” é quizás a máis estendida, partindo da súa dependencia nuclear, o cal impide un comportamento máis aceptado a nivel internacional. Mentres que hoxe en día a relación coas grandes potencias coloca a Corea do Norte nunha situación máis cómoda que en 1994, a realidade norcoreana é que a súa única garantía ante o escenario internacional é a súa capacidade de disuasión baseada nas armas nucleares (9). Na súa perspectiva, desfacerse das armas nucleares é perder a súa carta de vitoria e quedar a mercé do mundo exterior.
Por outra parte, o isolacionismo que Pyongyang sufriu nas décadas de 1990 e 2000 non foi solucionado activamente polo réxime coreano. Mentres que na década dos 2000, a China encontrábase situada, tanto no económico como no político, como o principal apoio de Corea do Norte, a situación xeopolítica cambiante favoreceu ao novo ascendido Kim Jong-Un. Rusia, tras a anexión de Crimea en 2014 encontrábase marxinada nas súas relacións políticas en Occidente. A relación resultante entre Moscova e Pyongyang xa non é ideolóxica, senón pragmática.
A premisa do encontro dun aliado contra Occidente converteuse nunha oportunidade económica para Pyongyang ao comezar a Guerra de Ucraína. Nestes anos produciuse un envío regular de munición á fronte, así como un aumento do comercio entre os dous países (10). Na actualidade, tratar a Corea do Norte como un Estado illado politicamente sería un erro. Aínda que as súas relacións con Occidente non poden ser catalogadas como positivas, a Corea do Norte actual mantén amplas relacións con Rusia, Vietnam ou Cuba, mentres que se encontra, a priori, recuperada dun período adverso con China ao final da pasada década. É por esta razón que catalogar a Corea do Norte de irracional e illada ignora a realidade histórica política do país.
1 Sokolin, A (2026, 10 de agosto). Russia to deploy up to 50K North Korean soldiers to fight Ukraine: Zelensky. NKNews. Consultado o 1 de setembro, 2026.https://www.nknews.org/2026/08/russia-to-deploy-up-to-50k-north-korean-soldiers-to-fight-ukraine-zelensky/
2. Gan, N., Seo, Y. e Xiong, Y. (2025, 5 de setembro) Xi and Kim pledge deeper ties a day after unprecedented show of unity with Putin at Chinese military parade. CNN. Consultado o 31 de agosto, 2026. https://edition.cnn.com/2025/09/04/china/china-xi-kim-meeting-military-parade-intl-hnk
3. Trump, D. J. (2026, 16 de agosto) [@realDonaldTrump] Based on my very good relationship with Kim Jong Un, of North Korea, I am not happy with the fact. Truth Social. https://truthsocial.com/@realDonaldTrump/posts/117107215379637520
4. DW. (2017, 3 de agosto). US refuses to deal with ‘irrational’ North Korea. DW. Consultado o 31 de agosto de 2026. https://www.dw.com/en/us-rejects-calls-for-diplomacy-talks-with-irrational-north-korea/a-37861997
5. Mansourov, A.Y. (2015, 14 de julio). The Rise and Fall of General Hyon Yong Chol. 38North. Consultado 1 de setembro de 2026. https://www.38north.org/2015/07/amansourov071415/#_ftn4
6. University of Maryland Digital Archive. (1991). Record of conversation between G. F. Kunadze and Yu Hongliang. Consultado o 30 de agosto de 2026. https://digitalarchive.umd.edu/document/record-conversation-between-gf-kunadze-and-yu-hongliang
7. Lankov, A. (2013). The real North Korea: Life and politics in the failed Stalinist utopia. Oxford University Press.
8. Lee, G. (2003). “The Political Philosophy of Juche”. Stanford Journal of East Asian Affairs. 3 (1): 105–111. Consultado o 30 de agosto de 2026. https://docslib.org/doc/4516774/the-political-philosophy-of-juche
9. Lankov, A. (2017). Why Nothing Can Really Be Done about North Korea’s Nuclear Program. Asia Policy, (23), 104–110. https://www.jstor.org/stable/24905152
10. Pili, G., Meneguzzo, C. e Kolodii, R. (2026, 1 de abril). Trade off: an economic analysis of North Korean-Russian relations. NATO Defense College. Consultado o 31 de agosto de 2026. https://www.ndc.nato.int/trade-off-an-economic-analysis-of-north-korean-russian-relations/

