Serie de Análise
A cita de Singapur en 2018 foi o primeiro encontro oficial da historia entre un presidente en exercicio dos Estados Unidos e o líder supremo de Corea do Norte. Fonte: Dan Scavino, Executive Office of the President of the United States. Wikimedia.

Corea do Norte no escenario xeopolítico global: 2. Trump e Kim: O regreso do “romance” nuclear?

Para comprender os intereses políticos dos presidentes estadounidenses acostuma ser necesaria a lectura de extensos libros ou manterse activo na súa axenda electoral. No caso de Donald Trump, basta con botar unha ollada á súa rede social de confianza: TruthSocial. A través das decenas de publicacións diarias pódese encontrar un gran abano de temáticas, dende publicacións eloxiando a súa excelente xestión doméstica (1), ata comentarios sobre o curso das relacións externas do país. Esta práctica, quizais máis propia dun ambiente informal, permitiu ao mundo ser testemuña da evolución das relacións entre Washington e Pyongyang durante o primeiro mandato do presidente, hai pouco menos dunha década. Agora, no seu segundo ano do seu novo mandato, as redes sociais volven ser claves para poder observar como se encontran as relacións entre ambos os Estados.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Península Coreana

A presenza de Corea do Norte no discurso de Trump foi, ata estas últimas semanas, sorprendentemente escasa. Os esforzos das relacións exteriores estadounidenses durante o seu primeiro ano centráronse no mantemento dunha motivación transaccional coa reclamación do aumento de gasto en defensa dos seus aliados tradicionais, tanto en Europa como en Asia. Por esa mesma razón, o foco de inimizade baseouse nas rexións que poderían achegar o maior número de beneficios económicos. Os exemplos máis claros son o de Venezuela, Irán ou a súa aspiración á anexión de Groenlandia, amosando que para Donald Trump o que máis importa é o beneficio económico.

É nesta lóxica transaccional onde Kim Jong Un e Corea do Norte toman protagonismo. O comezo do renovado interese en Kim data do 16 de agosto (2). Na publicación de Trump, a presunta relación entre os presidentes dos Estados Unidos e Corea do Norte, acompañada polo repensamento da necesidade de exercicios militares preto da Zona Desmilitarizada, convértese nunha arma que serve como retribución pola falta de apoio surcoreano no proceso de desnuclearización de Irán. Lonxe de ser tomada como unha simple ameaza, Corea do Sur respondeu coa consideración, non definitiva, do despregue de persoal no estreito de Ormuz. Acerca da veracidade do achegamento entre Kim e Trump no presente, a irmá de Kim Jong Un, Kim Yo Jong, negou que existise un contacto entre os líderes (3). Porén, no hipotético caso de que fose verdade, a relación entre Washington e Pyongyang na actualidade é moito máis complexa do que o fai soar Trump.

A relación do goberno Trump con Kim

O primeiro contacto entre os dous líderes durante o primeiro mandato de Trump non pode ser catalogado precisamente como amigable. En agosto de 2017, poucos meses tras a súa toma de posesión, Trump encontrábase ameazando Corea do Norte co comezo dunha guerra nuclear na que os Estados Unidos “aniquilaría totalmente o norte da península” (4). Pola súa parte, Kim respondía nun comunicado no que tachaba de “mentalmente trastornado” á súa contraparte estadounidense (5). Non obstante, a diferenza do que todo o mundo temía ata principios de 2018, cando Trump ameazaría por última vez coa posibilidade dunha guerra (6), esta campaña de máxima presión culminaría co diálogo pacífico entre ambos os Estados. Neste período mesmo se convertería no primeiro presidente estadounidense no cargo en visitar Corea do Norte. A parte na que a historia difire con respecto á versión do líder é no acontecido tras a ruptura das negociacións de Hanoi, durante xuño de 2019. Os desacordos con respecto á posibilidade da desnuclearización da península causaron un punto morto na relación entre Corea do Norte e os Estados Unidos. Nos seguintes meses, primou o silencio e Trump viu o seu tícket á inmortalidade como artífice da desnuclearización de Corea desaparecer fronte aos seus ollos. Máis alá, a situación xeopolítica da Corea do Norte de 2026 é amplamente diferente á de 2018. A súa renovada alianza con Moscova e unha, a priori, mellor relación con Pequín dan a Pyongyang unha maior seguridade tanto xeopolítica como económica. O país, a diferenza de hai 8 anos non está apurado por aliviar as sancións económicas internacionais, notablemente pola disposición, tanto rusa como chinesa, de ignorar ditas restricións.

Malia todo, a relación entre os líderes, mentres que non pode ser cualificada de “namoramento”(7), como suxería previamente o presidente estadounidense, parece, segundo o servizo de intelixencia de Corea do Sur, que producirá como mínimo unha nova ronda de diálogos Kim-Trump (8), sen unha clara razón para que se produza o encontro. Un triunfo diplomático tras o fracaso das campañas bélicas da administración proponse como unha posible explicación. Aínda que só se pode especular a razón deste novo interese, parece que Corea do Norte volve situarse como un punto na axenda política de Trump, de novo retransmitido a través das súas redes sociais.